YouVersion Logo
Search Icon

2 Corintios 12

12
As revelacións
1Xa que toca a presumir —aínda que non está ben facelo—, acudirei ás visións e revelacións do Señor. 2Sei dun cristián a quen hai catorce anos (se foi no corpo ou fóra do corpo, non o sei, iso sábeo Deus) o levaron ata o terceiro ceo. 3E sei que ese home (se foi no corpo ou fóra do corpo, non o sei, iso sábeo Deus) 4o levaron ó paraíso e oíu palabras inefables, que non se lle permiten pronunciar ó ser humano.
5De tal home presumirei. Pola miña parte, con todo, só me gabarei das miñas fraquezas. 6Aínda que, se eu quixer presumir, non sería un insensato, pois só diría a verdade. Mais desisto para que ninguén me valore por enriba do que ve ou oe de min.
7E, debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na carne: un emisario de Satán, para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo. 8Por tres veces pedinlle ó Señor que o arredase de min, 9pero respondeume: "Chégache coa miña graza; a forza vese cumprida na fraqueza". Daquela presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo. 10E por iso gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.
11Sei que acabo de falar aloucadamente: pero fostes vós os que me forzastes a iso. Era eu quen debía ser acreditado por vós, pois, aínda que eu non sexa ninguén, en nada fun menos do que eses super-apóstolos. 12Os signos do apóstolo realizáronse entre vós na constancia a toda proba e nos sinais, prodixios e milagres. 13En que fostes vós inferiores ás demais igrexas? Só nisto: en que non vos ocasionei gastos. E perdoádeme a palabra...
Preparando a próxima visita
14Ben. Xa estou preparado para ir por terceira vez onda vós, e tampouco agora non vos serei gravoso, que eu non busco as vosas cousas: eu búscovos a vós, pois non son os fillos os que teñen que xuntar para os pais, senón os pais para os fillos. 15Pola miña parte, con gusto me gastarei e desgastarei polas vosas vidas. Pero, por querervos eu máis da conta, ídesme vós querer menos?
16"Ben pensarán algúns, efectivamente eu non vos fun gravoso; pero, como son moi renarte, atrapeivos con engano". 17Vexamos. É que eu vos explotei por medio dalgún dos que vos mandei? 18Pedinlle a Tito que fose e con el mandei outro irmán. Será que Tito vos explotou? Acaso non actuamos os dous co mesmo criterio? Non seguimos os mesmos pasos?
19Seguro que hai xa un pouco que coidades que nos estamos xustificando diante de vós. Pois non: falamos diante de Deus e coma cristiáns. E todo é, meus queridos, para a vosa edificación. 20Temo que, ó chegar, non vos atope tal como eu quería, e que tampouco vós non me encontredes a min tal como desexades. Temo que haxa discordias, receos, incómodos, rivalidades, difamacións, murmuracións, soberbias, desordes. 21Teño medo de que, cando vaia, o meu Deus me aflixa outra vez aí diante vosa e teña que lamentar que moitos dos que xa antes pecaran, non se arrepentiron da súa inmoralidade, libertinaxe e desenfreo.

Currently Selected:

2 Corintios 12: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in