2 Crónicas 9
9
Visita da raíña de Sabá
1A raíña de Sabá oíu a fama de Salomón e foi desafialo con enigmas. Chegou a Xerusalén cunha grande caravana de camelos cargados de perfumes e ouro en grande cantidade e pedras preciosas. Entrou no palacio de Salomón e propúxolle todo o que pensaba. 2Salomón resolveu todas as súas consultas; non houbo unha cuestión tan escura que Salomón non lla puidese resolver.
3Cando a raíña de Sabá viu a sabedoría de Salomón, a casa que construíra, 4os manxares da súa mesa, toda a corte sentada á mesa, os camareiros cos seus uniformes, servindo, os copeiros cos seus uniformes, os holocaustos que ofrecía no templo do Señor, quedou abraiada 5e dixo ó rei:
—"É verdade o que me contaron no meu país de ti e da túa sabedoría. 6Eu non quería crelo, pero agora que vin e o vexo cos meus propios ollos, resulta que non me dixeran nin a metade. En abundancia de sabedoría superas todo o que eu oíra. 7Feliz a túa xente, felices os cortesáns que están sempre na túa presenza aprendendo da túa sabedoría. 8Bendito sexa o Señor, teu Deus, que, polo amor con que quere conservar para sempre a Israel, te elixiu para te colocar no trono coma rei deles pola graza do Señor, teu Deus, para que gobernes con xustiza!".
9A raíña regalou ó rei catro mil quilos de ouro, gran cantidade de perfumes e pedras preciosas; nunca houbo perfumes coma os que a raíña de Sabá regalou ó rei Salomón.
10Os vasalos de Hiram e os de Salomón, que transportaban o ouro de Ofir, trouxeron tamén madeira de sándalo e pedras preciosas. 11Coa madeira de sándalo o rei fixo tarimas para o templo do Señor e o palacio real, e cítaras e arpas para os cantores. Nunca se vira madeira semellante na terra de Xudá.
12Pola súa parte, o rei Salomón regalou á raíña de Sabá todo o que a ela se lle antollou, superando o que ela mesma levara ó rei. Despois ela e o seu séquito emprenderon a viaxe de volta ó seu país.
Riqueza, sabedoría e comercio exterior
13O ouro que recibía Salomón ó ano eran vinte e tres mil trescentos quilos, 14sen contar o proveniente de impostos ós comerciantes e ó tránsito de mercancías; e todos os reis de Arabia e os gobernadores do país levaban ouro e prata a Salomón.
15O rei Salomón fixo douscentos escudos de ouro batido, gastando seis quilos e medio en cada un, 16e trescentas adargas de ouro batido, gastando medio quilo de ouro en cada unha; púxoas no salón chamado Bosque do Líbano. 17Fixo un gran trono de marfil, recuberto de ouro puro; 18tiña seis gradas, un año de ouro no respaldo, brazos a ambos lados do asento, 19e doce leóns de pé a ambos lados das gradas. Nunca se fixera cousa igual en reino ningún.
20Toda a vaixela de Salomón era de ouro e todas as alfaias do salón do Bosque do Líbano eran de ouro puro; nada de prata, que en tempos de Salomón non se lle daba importancia, 21porque o rei tiña unha flota que ía a Tárxix cos servos de Hiram, e cada tres anos volvían as naves de Tárxix, cargadas de ouro, prata, marfil, monos e pavos reais.
22Na riqueza e sabedoría o rei Salomón superou a todos os reis da terra. 23Todos os reis do mundo viñan visitalo, para aprender da sabedoría da que Deus o enchera. 24E cada un traía cadanseu agasallo: vaixelas de prata e ouro, mantos, perfumes e aromas, cabalos e mulos. E así todos os anos.
25Salomón tiña nas súas cortes catro mil cabalos de tiro, carros e doce mil cabalos de montar. Instalounos nas cidades con cuarteis de carros e en Xerusalén, cerca do palacio. 26Tiña poder sobre todos os reis, desde o Éufrates ata a rexión filistea e a fronteira de Exipto. 27Salomón conseguiu que en Xerusalén a prata fose tan corrente coma as pedras, e os cedros, coma os sicómoros de Xefelah. 28Os cabalos de Salomón proviñan de Exipto e doutros países.
29Para máis datos sobre Salomón, da punta ó cabo do seu reinado, véxase a Historia do profeta Natán, a profecía de Ahías de Xiloh e as visións do vidente Idó a propósito de Ieroboam, fillo de Nabat. 30Salomón reinou en Xerusalén sobre todo Israel corenta anos. 31Cando morreu enterrárono na Cidade de David, seu pai. Seu fillo Roboam sucedeuno no trono.
Currently Selected:
2 Crónicas 9: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT