YouVersion Logo
Search Icon

2 Crónicas 10

10
O cisma
1Roboam foi a Xequem porque todo Israel acudira alí para proclamalo rei. 2Cando o soubo Ieroboam, fillo de Nabat —que estaba en Exipto, a onde fora fuxindo do rei Salomón—, volveu de Exipto, 3porque o mandaran chamar. Ieroboam e todo Israel falaron a Roboam:
4—"Teu pai impúxonos un xugo pesado. Alixeira agora a dura servidume á que nos suxeitou teu pai e o xugo pesado que nos botou encima, e servirémoste".
5E díxolles:
—"Volvede dentro de tres días".
Eles fóronse, 6e o rei Roboam consultou os anciáns que estiveran ó servizo do seu pai, Salomón, mentres vivía:
—"Que me aconsellades que responda a esa xente?"
7Dixéronlle:
—"Se te portas ben con este pobo, condescendes con eles e lles respondes con boas palabras, serán servos teus de por vida".
8Pero el rexeitou o consello dos anciáns e consultou os mozos que se educaran con el e estaban ó seu servizo. 9Preguntoulles:
—"Esta xente pídeme que lles alixeire o xugo que lles botou encima meu pai. Que me aconsellades que lles responda?"
10Os mozos que se educaran con el respondéronlle:
—"Así que esa xente che dixo: Teu pai impúxonos un xugo pesado, alixéiranolo. Pois ti dilles isto: O meu dedo maimiño é máis groso cá cintura do meu pai.
11Se meu pai vos cargou cun xugo pesado, eu aumentareivos a carga: se meu pai vos castigou con azoutes, eu castigareivos coa tralla".
12O terceiro día, data sinalada polo rei, Ieroboam e todo o pobo foron ver a Roboam. 13O rei respondeulles asperamente, rexeitou o consello dos anciáns e 14faloulles seguindo o consello dos mozos:
—"Se meu pai vos impuxo un xugo pesado,
eu aumentaréivolo;
se meu pai vos castigou con azoutes,
eu fareino coa tralla".
15De maneira que o rei non fixo caso ó pobo, porque era unha ocasión buscada polo Señor para que se cumprise a palabra do Señor que Ahías, o de Xiloh, comunicou a Ieroboam, fillo de Nabat.
16Vendo os israelitas que o rei non lles facía caso, respondéronlle:
—"Que é o que repartimos nós con David?
Non fixemos partilla co fillo de Ixaí!
As túas tendas, Israel!
Agora, David, a coidar da túa casa!"
Os de Israel marcharon á casa, 17Aínda que os israelitas que vivían nas poboacións de Xudá seguiron sometidos a Roboam. 18O rei Roboam enviou entón a Adoram, encargado das brigadas de traballadores, pero os israelitas emprendérona a pedradas con el ata matalo, mentres o rei montaba á présa na súa carroza para fuxir a Xerusalén.
19Así foi como se independizou Israel da casa de David, ata hoxe.

Currently Selected:

2 Crónicas 10: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for 2 Crónicas 10