YouVersion Logo
Search Icon

2 Crónicas 7

7
A gloria do Señor
1Cando Salomón terminou a súa oración, baixou lume do ceo, que devorou o holocausto e os sacrificios. 2A gloria do Señor encheu o templo, e os sacerdotes non podían entrar nel porque a gloria do Señor enchía o templo. 3Os israelitas, ó veren que o lume e a gloria do Señor baixaban ó templo, prostráronse rostro en terra sobre o pavimento e adoraron e deron grazas ó Señor, porque é bo, porque é eterna a súa misericordia.
Sacrificios
4O rei e todo o pobo ofreceron sacrificios ó Señor; 5o rei Salomón inmolou vinte e dous mil touros e cento vinte mil ovellas. Así dedicaron o templo de Deus o rei e todo o pobo. 6Os sacerdotes oficiaban de pé mentres os levitas cantaban ó Señor cos instrumentos que fixera o rei David para loar e dar grazas ó Señor, porque é eterna a súa misericordia; os sacerdotes achábanse perante eles e todos os israelitas mantíñanse de pé.
7Salomón consagrou o adro interior que hai diante do templo, ofrecendo alí os holocaustos e a graxa dos sacrificios da comuñón, pois no altar de bronce que fixo Salomón non cabían os holocaustos, a ofrenda e a graxa. 8Naquela ocasión Salomón celebrou durante sete días a festa; acudiu todo Israel, un xentío inmenso, desde o paso de Hamat ata o río de Exipto. 9Despois de festexar a dedicación do altar durante sete días, o oitavo celebraron unha asemblea solemne e logo outros sete días de festa. 10O día vinte e tres do mes sétimo Salomón despediu a xente; marcharon ás súas casas alegres e contentos por todos os beneficios que o Señor fixera a David, a Salomón e ó seu pobo Israel.
Oráculo do Señor
11Salomón terminou o templo do Señor e o palacio real; todo canto desexara facer para o templo e o palacio saíulle perfectamente. 12Aparecéuselle o Señor de noite e díxolle:
—"Escoitei a túa oración e elixo este lugar como templo para os sacrificios. 13Cando eu peche o ceo e non haxa chuvia, cando ordene á lagosta que devore a terra, cando mande a peste contra o meu pobo, 14se o meu pobo, que leva o meu Nome, se humilla, ora, me busca e abandona a súa mala conduta, eu escoitareino desde o ceo, perdoarei os seus pecados e sandarei a súa terra. 15Manterei os ollos abertos e os oídos atentos ás súplicas que se fagan neste lugar. 16Escollo e consagro este templo para que estea nel o meu Nome eternamente. O meu corazón e os meus ollos estarán sempre nel. 17E en canto a ti, se procedes de acordo comigo coma teu pai David, facendo exactamente o que eu che mando e cumprindo os meus mandatos e decretos, 18conservarei o teu trono real como pactei con teu pai, David: Non che faltará un descendente que goberne a Israel. 19Pero se apostatades e descoidades os mandatos e preceptos que vos dei e ides dar culto a outros deuses e os adorades, 20Arrincareivos da terra que vos dei, rexeitarei o templo que consagrei ó meu Nome e convertereino no refrán e na burla de todas as nacións. 21E todos os que pasen onda este templo que foi tan magnífico asombraranse, comentando: Por que tratou o Señor de tal maneira a este país e a este pobo? 22E diranlles: Porque abandonaron ó Señor, o Deus de seus pais, que os sacara de Exipto, e seguiron a outros deuses, adoráronos e déronlles culto; por iso botoulles encima esta catástrofe".

Currently Selected:

2 Crónicas 7: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for 2 Crónicas 7