2 Crónicas 35
35
1Ioxías celebrou en Xerusalén a Pascua do Señor, inmolándoa o día catorce do primeiro mes. 2Asignou ós sacerdotes as súas funcións e confirmounos no servizo do templo. 3E dixo ós levitas consagrados ó Señor, encargados de servir a Israel:
—"Deixade a arca santa no templo que construíu Salomón, fillo de David, rei de Israel; non tedes xa que trasladala a ombros. Dedicádevos agora a servir ó Señor, voso Deus, e ó seu pobo Israel. 4Organizádevos en quendas por familias, como dispuxeron por escrito o rei David e o seu fillo Salomón. 5Ocupade os vosos postos no santuario, dividindo as vosas familias de forma que cada grupo levítico se encargue dunha familia do pobo. 6Inmolade a Pascua, purificádevos e preparádellela a vosos irmáns para que poidan cumprir o que mandou o Señor por medio de Moisés".
7Ioxías proporcionou á xente años e cabritos —trinta mil en total— para sacrificios pascuais de todos os presentes, e tres mil bois, todo iso da facenda real. 8As autoridades axudaron voluntariamente ó pobo, ós sacerdotes e ós levitas. Hilquías, Zacarías e Iehiel, intendentes do templo, déronlles ós sacerdotes dous mil seiscentos animais pascuais e trescentos bois. 9Conanías, Semaías, seu irmán Natanael, Haxabías, Iehiel e Iozabad, xefes dos levitas, proporcionaron ós levitas cinco mil animais pascuais e cincocentos bois.
10Cando estivo preparada a cerimonia, os sacerdotes ocuparon os seus postos e os levitas distribuíronse por clases, como ordenara o rei. 11Inmolaron a Pascua. Os sacerdotes asperxían o sangue, mentres os levitas espelicaban as vítimas. 12Separaban a parte que debía ser queimada e entregábana ás diversas familias do pobo, para que elas a ofrecesen ó Señor, como está escrito no libro de Moisés. O mesmo fixeron cos bois. 13Asaron a Pascua, como está mandado, e coceron os alimentos sagrados en olas, caldeiros e cazolas, repartíndoos logo a todos os fillos do pobo. 14Despois preparárona para eles mesmos e para os sacerdotes; como os sacerdotes aharonitas estiveron ocupados ata a noite en ofrecer os holocaustos e as graxas, os levitas preparárona para si mesmos e para eles.
15Os cantores, descendentes de Asaf, estaban nos seus postos, como mandaran David, Asaf, Hemán e Iedutún, vidente do rei. Os porteiros ocuparon cadanseu posto, sen necesidade de abandonar o traballo, porque seus irmáns levitas llelo prepararon todo. 16Toda a cerimonia se realizou naquel mesmo día: celebrouse a Pascua e inmoláronse holocaustos no altar do Señor, como mandara o rei Ioxías. 17Os israelitas que se achaban presentes celebraron entón a Pascua e á continuación a festa dos Azimos durante sete días.
18Desde os tempos do profeta Samuel, ningún rei de Israel celebrara unha Pascua coma a que organizaron Ioxías, os sacerdotes, os levitas, todos os xudeus e israelitas que se encontraban alí e os habitantes de Xerusalén. 19Celebrouse o ano dezaoito do reinado de Ioxías.
20Bastante despois de que Ioxías restaurase o templo, o rei de Exipto, Nekó, dirixiuse a Kárkemix, xunto ó Éufrates, para presentar batalla. Ioxías saíu a facerlle fronte. 21Entón Nekó mandoulle esta mensaxe:
—"Non te metas nos meus asuntos, rei de Xudá. Non veño contra ti, senón contra a dinastía que me fai a guerra. Deus díxome que me dea présa. Deixa de opórte a Deus, que está comigo, non sexa que él te destrúa".
22Pero Ioxías, en vez de deixarlle paso franco, empeñouse en combater, desatendendo o que Deus lle dicía por medio de Nekó, e presentou batalla na chaira de Meguido. 23Os arqueiros dispararon contra o rei Ioxías, e este dixo ós seus servidores:
—"Sacádeme do combate, porque estou gravemente ferido".
24Os seus servidores sacárono do carro, trasladárono a outro e levárono a Xerusalén onde morreu. Enterrárono na tumba dos seus antepasados. Todo Xudá e Xerusalén gardou loito por Ioxías. 25Xeremías compuxo unha elexía no seu honor, e todos os cantores e cantoras ségueno recordando nas súas elexías. Fixéronse tradicionais en Israel; poden verse nas Lamentacións. 26Para máis datos sobre Ioxías, as obras de piedade que fixo de acordo coa Lei do Señor 27e todos os seus feitos, dos primeiros ós derradeiros, véxase o libro dos Reis de Israel e Xudá.
Dereitos reservados: SEPT