2 Crónicas 34
34
Ioxías de Xudá
1Cando Ioxías subiu ó trono tiña oito anos e reinou en Xerusalén trinta e un. 2Fixo o que o Señor aproba. Imitou a conduta do seu antepasado David, sen se desviar á dereita nin esquerda. 3No ano oitavo do seu reinado, cando aínda era un rapaz, comezou a servir o Deus do seu antepasado David, e o ano doce empezou a purificar a Xudá e a Xerusalén de ermidas, estelas, estatuas e ídolos. 4Destruíron na súa presenza os altares dos baales e derrubou os cipos que había sobre eles; as estelas, as estatuas e os ídolos triturounos ata reducilos a po, e espallounos sobre as tumbas dos que lles ofreceran sacrificios. 5Queimou sobre os seus altares os ósos dos sacerdotes. Así purificou a Xudá e Xerusalén. 6Nas cidades de Menaxés, Efraím, Simeón e ata a de Naftalí, en todos os seus lugares, destruíu os altares, 7triturou ata facer po as estelas e as estatuas e derrubou os cipos en todo o territorio de Israel. Logo volveu a Xerusalén.
8O ano dezaoito do seu reinado, cando terminou de purificar o país e o templo, mandou a Xafán, fillo de Asalías, ó alcalde Maseías e ó chanceler Ioah, fillo de Ioahaz, a reparar o templo do Señor, o seu Deus. 9Presentáronse ó sumo sacerdote Hilquías, para recoller o diñeiro ingresado no templo polas colleitas dos porteiros levitas en Menaxés, Efraím, o resto de Israel e en Xudá, Benxamín e na poboación de Xerusalén. 10Entregáronllelo ós encargados das obras do templo, e ós mestres de obras que traballaban no templo para reparar e restaurar o edificio, 11e ós carpinteiros e albaneis para comprar perpiaños para os muros e madeira para as vigas dos edificios que os reis de Xudá deixaran arruinar. 12Aqueles homes realizaron aquel traballo con toda honradez. Estaban designados para dirixir as obras os levitas Iáhat e Abdías, descendentes de Merarí; e Zacarías e Mexulam, descendentes de Quehat. Os levitas, como sabían tocar diversos instrumentos, 13Acompañaban ós carrexadores e dirixían a todos os obreiros, calquera que fose a súa tarefa. Outros levitas eran secretarios, inspectores e porteiros.
14Cando estaban sacando o diñeiro ingresado no templo, o sacerdote Hilquías encontrou o libro da Lei do Señor escrito por Moisés. 15Entón Hilquías dixo ó cronista Xafán:
—"Encontrei no templo o libro da Lei".
16E entregoullo a Xafán.
Este levoullo ó rei cando foi dar conta da súa tarefa.
—"Os teus servos xa fixeron todo o que lles encargaches. 17Recolleron o diñeiro que había no templo e entregáronllelo ós encargados e ós obreiros".
18E comunicoulle a noticia:
—"O sacerdote Hilquías deume un libro".
Xafán leuno ante o rei, 19e cando este oíu o contido da Lei, rachou os vestidos 20e ordenou a Hilquías, a Ahicam, fillo de Xafán, a Abdón, fillo de Miqueas, ó cronista Xafán e ó funcionario real Asaías:
21—"Ide consultar o Señor por min, polo resto de Israel, e por Xudá, por causa do libro encontrado. O Señor estará enfurecido connosco porque nosos pais non obedeceron a palabra do Señor cumprindo o prescrito neste libro".
22Hilquías e os designados polo rei foron ver a profetisa Huldah, esposa do gardarroupas Xalum, fillo de Tocat, de Haserah, que vivía en Xerusalén, no barrio novo. Expuxéronlle o caso 23e ela respondeulles:
—"Así di o Señor, Deus de Israel: dicídelle a quen vos enviou: 24Así di o Señor: eu vou traer a desgraza sobre este lugar e os seus habitantes, todas as maldicións escritas no libro que leron ante o rei de Xudá. 25Porque me abandonaron e queimaron incenso a outros deuses, alporizándome cos seus ídolos, está ardendo a miña cólera contra este lugar e non se apagará. 26E ó rei de Xudá, que vos enviou a consultar o Señor, dicídelle: Así di o Señor, Deus de Israel: 27Por escoitares estas palabras con dor de corazón, humillándote ante Deus ó oíres as súas ameazas contra este lugar e os seus habitantes, porque te humillaches ante min, rachaches os vestidos e choraches na miña presenza, tamén eu te escoito, oráculo do Señor. 28Cando eu te reúna con teus pais, enterrarante en paz, sen que os teus ollos cheguen a ver a desgraza que vou traer a este lugar e ós seus habitantes".
Eles levaron a resposta ó rei, 29e este deu ordes para que se presentasen os anciáns de Xudá e de Xerusalén. 30Logo subiu ó templo, acompañado de todos os xudeus, os habitantes de Xerusalén, os sacerdotes, os levitas e todo o pobo, pequenos e grandes. O rei leulles o libro da alianza encontrado no templo. 31Despois, en pé sobre o seu estrado, selou ante o Señor a alianza, comprometéndose a seguilo e cumprir os seus preceptos, normas e mandatos con todo o seu corazón e con toda a súa alma, pondo en práctica as cláusulas da alianza escritas neste libro. 32Fixo subscribir a alianza a todos os que se encontraban en Xerusalén. A poboación de Xerusalén actuou segundo a alianza do Deus de seus pais.
33Ioxías suprimiu as abominacións de todos os territorios israelitas e fixo que todos os residentes en Israel desen culto ó Señor, seu Deus. Durante a súa vida non se apartaron do Señor Deus de seus pais.
Dereitos reservados: SEPT