2 Crónicas 36
36
Ioacaz de Xudá
1A xente tomou a Ioacaz fillo de Ioxías, e nomeouno rei sucesor en Xerusalén. 2Cando Ioacaz subiu ó trono, tiña vinte e tres anos, e reinou tres meses en Xerusalén. 3O rei de Exipto destronouno, impuxo no país un tributo de cen pesos de prata e un peso de ouro, 4e nomeou rei de Xudá e Xerusalén a Eliaquim, irmán de Ioacaz, cambiándolle o nome polo de Ioaquim. A seu irmán Ioacaz levouno Nekó a Exipto.
Ioaquim de Xudá
5Cando Ioaquim subiu ó trono tiña vinte e cinco anos e reinou en Xerusalén once anos. Fixo o que o Señor, o seu Deus, reproba. 6Nabucodonosor de Babilonia subiu contra el e conduciuno a Babilonia atado con cadeas de bronce. 7Tamén levou consigo algúns obxectos do templo e colocounos no seu palacio de Babilonia. 8Para máis datos sobre Ioaquim, as iniquidades que cometeu e todo o que lle sucedeu, véxase o libro dos Reis de Israel e Xudá. Seu fillo Ioaquín sucedeulle no trono.
Ioaquín de Xudá
9Cando Ioaquín subiu ó trono tiña oito anos e reinou en Xerusalén tres meses e dez días. Fixo o que o Señor reproba. 10A principios do ano, o rei Nabucodonosor mandou por el e levárono a Babilonia, xunto cos obxectos de valor do templo. Nomeou rei de Xudá e Xerusalén a seu irmán Sedecías.
Sedecías de Xudá
11Cando Sedecías subiu ó trono tiña vinte e un anos e reinou en Xerusalén once anos. 12Fixo o que o Señor, seu Deus, reproba; non se humillou ante o profeta Xeremías, que lle falaba no nome de Deus. 13Ademais, rebelouse contra o rei Nabucodonosor, que lle tomara xuramento solemne de fidelidade. Púxose testán e negouse por completo a converterse ó Señor Deus de Israel. 14Tamén as autoridades de Xudá, os sacerdotes e o pobo obraron inicuamente, imitando as abominacións dos pagáns e profanando o templo que o Señor consagrara en Xerusalén.
15O Señor, Deus de seus pais, mandáballes continuamente mensaxeiros, porque sentía mágoa do seu pobo e da súa morada; 16pero eles burlábanse dos mensaxeiros de Deus, ríanse das súas palabras e mofábanse dos profetas, ata que a ira do Señor se acendeu sen remedio contra o seu pobo. 17Entón enviou contra eles ó rei dos caldeos, que lles matou os fillos no santuario: a todos entregou nas súas mans, sen perdoar mozo, rapaza, ancián ou encanecido. 18E levou consigo a Babilonia todos os obxectos do templo, grandes e pequenos, os tesouros do templo, os do rei e os dos magnates. 19Incendiaron o templo, derrubaron a muralla de Xerusalén, prenderon lume a todos os seus palacios e esnaquizaron todos os obxectos de valor. 20Levou consigo desterrados a Babilonia os superviventes da matanza e foron escravos seus e dos seus descendentes ata o triunfo do reino persa. 21Cumpriuse así o que anunciou o Señor a Xeremías, e a terra gozou do seu descanso sabático todo o tempo que estivo desolada, ata cumprirse setenta anos.
22O ano primeiro de Ciro, rei de Persia, o Señor, para cumprir o que anunciara por medio de Xeremías, moveu a Ciro, rei de Persia, a promulgar de palabra e por escrito en todo o seu reino: 23"Ciro, rei de Persia, decreta: O Señor, Deus do ceo, entregoume todos os reinos da terra e encargoume construír un templo en Xerusalén de Xudá. Todos os dese pobo que viven entre nós poden volver. E que o Señor, seu Deus, estea con eles".
Dereitos reservados: SEPT