Skip to content

2 Crónicas 33

33
Menaxés de Xudá
1Menaxés tiña doce anos cando subiu ó trono, e reinou en Xerusalén cincuenta e cinco anos. 2Fixo o que o Señor reproba, imitando os costumes abominables das nacións que o Señor expulsara ante os israelitas. 3Reconstruíu as ermidas dos outeiros derruídas por seu pai Ezequías, levantou altares ós baales, erixiu estelas, adorou e deu culto a todo o exército do ceo; 4puxo altares no templo do Señor, do que o Señor dixera: —"O meu nome estará en Xerusalén por sempre"; 5edificou altares a todo o exército do ceo nos dous adros do templo, 6queimou os seus fillos no val de Ben—Hinnom: practicou a adiviñación, a maxia e a feiticería, e instituíu nigromantes e adiviños. Facía continuamente o que o Señor reproba, alporizándoo. 7A imaxe do ídolo que fabricara colocouna no templo de Deus, do que Deus dixera a David e ó seu fillo Salomón: —"Neste templo e en Xerusalén, que elixín entre todas as tribos de Israel, poñerei o meu nome por sempre; 8xa non deixarei que Israel ande lonxe da terra que asignei a vosos pais, a condición de que poñan por obra canto lles mandei, seguindo a Lei, os preceptos e normas de Moisés".
9Pero Menaxés descamiñou a Xudá e a poboación de Xerusalén para que se portase peor cás nacións que o Señor exterminara ante os israelitas.
10O Señor dirixiu a súa palabra a Menaxés e ó seu pobo, pero non lle fixeron caso. 11Entón fixo vir contra eles os xenerais do rei de Asiria, que apresaron a Menaxés con garfos, atárono con cadeas de bronce e conducírono a Babilonia. 12Na súa angustia procurou aplacar ó Señor seu Deus, e humillouse profundamente ante o Deus de seus pais e suplicoulle.
13O Señor atendeuno con benignidade, escoitou a súa súplica e fíxoo volver a Xerusalén, ó seu reino. Menaxés recoñeceu que o Señor é o verdadeiro Deus.
14Máis tarde construíu unha barbacá na Cidade de David, desde o oeste de Guihón, no torrente, ata a Porta do Peixe, rodeando o Ofel. Fíxoa moi alta. Puxo oficiais en todas as fortalezas de Xudá.
15Suprimiu do templo os deuses estranxeiros e o ídolo, e guindou fóra da cidade todos os altares que construíra no monte do templo e en Xerusalén. 16Restaurou o altar do Señor e inmolou sobre el sacrificios de comuñón e de acción de grazas. E ordenou que os xudeus desen culto ó Señor, Deus de Israel. 17Pero o pobo seguiu sacrificando nas ermidas dos outeiros, aínda que só ó Señor, seu Deus.
18Para máis datos sobre Menaxés, a oración que fixo e os oráculos dos videntes que lle falaban no nome do Señor, Deus de Israel, véxase a historia dos Reis de Israel. 19A súa oración e a acollida divina, o seu pecado e a súa rebeldía, os lugares onde levantou ermidas e erixiu estelas e ídolos antes da súa conversión, están rexistrados na historia dos seus videntes. 20Cando morreu Menaxés, enterrárono na súa casa. O seu fillo Amón sucedeuno no trono.
Amón de Xudá
21Amón tiña vinte e dous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén dous anos. 22Fixo o que o Señor reproba, igual ca seu pai, Menaxés. Amón sacrificou e deu culto a todos os ídolos que fixo seu pai, Menaxés. 23Pero non se humillou ante o Señor como fixera seu pai; ó contrario, multiplicou as súas culpas. 24Os seus cortesáns conspiraron contra el e asasinárono no palacio. 25Pero a poboación matou os conspiradores contra o rei Amón e nomearon rei sucesor a Ioxías, fillo de Amón.