2 Crónicas 32
32
1Despois destes actos de lealdade, Senaquerib, rei de Asiria, púxose en marcha, chegou a Xudá, cercou as fortalezas e deu orde de conquistalas. 2Ezequías advertiu que Senaquerib viña disposto a atacar Xerusalén. 3Reunido en consello coas autoridades civís e militares, propuxo cegar as fontes de auga que había fóra da cidade e mostráronse de acordo. 4Reuniron moita xente e cegaron todas as fontes e o torrente que atravesaba a cidade, dicíndose: —"Só falta que cando veña o rei de Asiria encontre auga en abundancia" 5Con gran enerxía reparou toda a muralla derruída, coroouna con torres, edificou unha barbacá, fortificou a zona do terraplén da Cidade de David, e fixo numerosas armas curtas e adargas. 6Nomeou xefes militares ó mando da poboación, reuniunos na Praza Maior e arengounos con estas palabras:
7—"Animo e valor! Non vos asustedes nin acovardedes ante o rei de Asiria e a multitude que o segue. Nós contamos con algo máis grande ca el. 8El conta con forzas humanas, nós co Señor, noso Deus, que nos auxilia e guerrea connosco".
O pobo animouse coas palabras de Ezequías, rei de Xudá.
9Máis tarde, mentres Senaquerib, rei de Asiria, cercaba Láquix con todas as súas tropas, mandou uns mensaxeiros a Xerusalén para que dixesen a Ezequías, rei de Xudá, e a todos os xudeus que se encontraban en Xerusalén:
10—"Así di Senaquerib, rei de Asiria: En que confiades para seguir nunha cidade cercada como Xerusalén? 11Non vedes que Ezequías vos está enganando e vos leva a morrer de fame e de sede cando di: O Señor, noso Deus, salvaranos da man do rei de Asiria? 12Non foi el quen suprimiu as súas ermidas e os seus altares ordenando a xudeus e xerosolimitanos que se prostren e queimen incenso ante un só altar? 13Non sabedes o que fixen eu e o que fixeron os meus antepasados con todos os pobos do mundo? Acaso os deuses deses pobos puideron librar os seus territorios da miña man? 14Que deus deses pobos que exterminaron os meus antepasados conseguiu librar a súa xente da miña man? E vaivos poder salvar o voso Deus? 15Non vos deixedes enganar e seducir por Ezequías. Non confiedes nel. Ningún deus de ningunha nación ou reino puido librar o seu pobo da miña man e da dos meus antepasados. E vaivos poder librar o voso Deus!"
16Os mensaxeiros seguiron falando contra o Señor Deus e contra o seu servo Ezequías. 17Senaquerib escribira tamén unha mensaxe inxuriando ó Señor, Deus de Israel, e dicindo contra El: —"O mesmo que os deuses nacionais non libraron ós seus pobos da miña man, tampouco o Deus de Ezequías non librará ó seu pobo". 18Falaban a voces, en hebreo, ó pobo de Xerusalén que se encontraba na muralla, para atemorizalo e amedrentalo a fin de se apoderaren da cidade. 19Falaron do Deus de Xerusalén coma se tratase dun deus calquera, fabricado por homes.
20O rei Ezequías e o profeta Isaías, fillo de Amós, puxéronse en oración con este motivo e clamaron ó ceo. 21Entón o Señor mandou un anxo, que aniquilou a todos os soldados e ós xefes e oficiais do campamento do rei asirio. Este volveu ó seu país derrotado, e unha vez que entrou no templo do seu deus, asasinárono alí seus propios fillos.
22O Señor salvou a Ezequías e ós habitantes de Xerusalén das mans de Senaquerib, rei de Asiria, e de todos os inimigos, concedéndolles paz nas fronteiras. 23Moita xente veu a Xerusalén para ofreceren dons ó Señor e presentes a Ezequías de Xudá, que daquela adquiriu gran prestixio en todas as nacións.
24Por entón, Ezequías enfermara de morte. Orou ó Señor, que lle prometeu sandalo e lle concedeu un prodixio. 25Pero Ezequías non correspondeu a este beneficio, ó contrario, envaeceuse e atraeu sobre si, sobre Xudá e sobre Xerusalén a cólera do Señor. 26Pero logo arrepentiuse do seu orgullo xunto con todos os habitantes de Xerusalén, e o Señor non se volveu alporizar contra eles na vida de Ezequías. 27Ezequías tivo gran riqueza e prestixio. Acugulou gran cantidade de prata, ouro, pedras preciosas, perfumes, adargas e obxectos de valor de todas as clases; 28construíu silos para as colleitas de trigo, mosto e aceite, cortes para todo tipo de gando e curros para os rabaños. 29Edificou cidades e reuniu un inmenso rabaño de ovellas e vacas, porque Deus lle concedeu moitísimos bens.
30Foi Ezequías quen cegou a saída superior das augas de Guihón e desviounas por un subterráneo á parte occidental da Cidade de David. Triunfou en todas as súas empresas; 31e cando os príncipes de Babilonia lle enviaron mensaxeiros para se informaren do prodixio que sucedera no seu país, se Deus o abandonou foi para pólo á proba e coñecer as súas intencións.
32Para máis datos sobre Ezequías e sobre as súas obras de piedade, véxanse o libro do profeta Isaías, fillo de Amós, e o libro dos Reis de Xudá e Israel. 33Cando morreu Ezequías enterrárono na costa das tumbas dos descendentes de David. Os xudeus e a poboación de Xerusalén dedicáronlle un gran funeral. O seu fillo Menaxés sucedeuno no trono.
Dereitos reservados: SEPT