Skip to content

2 Crónicas 31

31
1Rematada a festa, todos os israelitas presentes percorreron as cidades de Xudá destruíndo os cipos, tallando as estelas e derrubando as ermidas e os altares de todo Xudá, Benxamín, Efraím e Menaxés ata que non quedou ningún. Logo cada un volveu á súa casa e cidade.
2Ezequías organizou por clases ós sacerdotes e levitas, asignando a cada un a súa función sacerdotal ou levítica: ofrecer holocaustos e sacrificios de comuñón, dar grazas e loar e servir á entrada dos campamentos do Señor. 3Destinou parte dos bens da coroa a toda clase de holocaustos: matutinos e vespertinos, dos sábados, principios de mes e festividades, como manda a Lei do Señor. 4Os habitantes de Xerusalén ordenoulles axudar economicamente ós sacerdotes e levitas para que se puidesen dedicar á Lei do Señor. 5Cando se espallou a orde, os israelitas recolleron as primicias do trigo, do mosto, do aceite, do mel e de todos os produtos agrícolas e entregaron abundantes décimos de todo. 6Tamén os israelitas e xudeus que habitaban nas cidades de Xudá entregaron o décimo do gando maior e menor e o décimo das cousas sacrosantas dedicadas ó Señor, dispoñéndoos en montóns. 7Comezaron a facer os montóns en maio e terminaron en outubro. 8Cando chegaron Ezequías e as autoridades, ó veren os montóns, bendiciron ó Señor e ó seu pobo, Israel. 9Ezequías pediu ós sacerdotes e levitas que o informasen sobre eles. 10O sumo sacerdote Azarías, da familia de Sadoc, díxolles:
—"Desde que comezaron a traer ofrendas ó templo, comemos a fartar, pero sobrou moito, porque o Señor bendiciu ó seu pobo. Toda esta cantidade é o que sobrou".
11Ezequías deu orde de preparar uns silos no templo. Cando o fixeron, 12levaron fielmente as ofrendas, o décimo e os dons sacrosantos. Encargaron deles ó levita Conanías e a seu irmán Ximí coma axudante. Por orde do rei Ezequías e de Azarías, prefecto do templo, nomearon inspectores a 13Iehiel, Azaías, Náhat, Asahel, Ierimot, Iozabad, Eliel, Ismaquías, Máhat e Benaías, ás ordes de Conanías e de seu irmán Ximí. 14O levita Coré, fillo de Imnah, porteiro da Porta de Oriente, estaba encargado das ofrendas voluntarias e de administrar as ofrendas do Señor e os dons sacrosantos. 15As súas ordes estaban Edén, Miniamín, Xesús, Semaías, Amarías e Xecanías, repartidos polas cidades sacerdotais para aprovisionaren permanentemente a seus irmáns segundo ás súas clases, fosen grandes ou pequenos, 16con tal de que estivesen inscritos entre os varóns a partir dos tres anos; é dicir, provían a todos os que entraban diariamente ó servizo do templo para realizar as funcións asignadas ás súas clases.
17Os sacerdotes estaban rexistrados por familias; e os levitas —a partir dos vinte anos— polas súas funcións e clases. 18Debíanse rexistrar con toda a súa familia, mulleres, fillos e fillas, todo o grupo, porque habían de ser fieis á súa consagración. 19Respecto ós sacerdotes aharonitas que vivían nos arrabaldes das cidades, en todas elas había persoas encargadas nominalmente de prover ós sacerdotes varóns e a todos os levitas inscritos no rexistro.
20Ezequías impuxo esta norma en todo Xudá. Actuou con bondade, rectitude e fidelidade de acordo co Señor, seu Deus. 21Todo o que emprendeu ó servizo do templo, da Lei e dos preceptos, fíxoo servindo ó seu Deus de todo corazón. Por iso tivo éxito.