2 Crónicas 30
30
1Ezequías mandou mensaxeiros por todo Israel e Xudá, e escribiu cartas a Efraím e Menaxés para que acudisen ó templo de Xerusalén, coa fin de celebrar a Pascua do Señor, Deus de Israel. 2O rei, as autoridades e toda a comunidade de Xerusalén decidiron en consello celebrar a Pascua durante o mes de maio, 3xa que non puideran facelo ó seu debido tempo porque quedaban moitos sacerdotes sen purificarse e o pobo non se reunira aínda en Xerusalén. 4O rei e a toda a comunidade pareceulles acertada a decisión. 5Entón acordaron pregoar por todo Israel, desde Beerxeba ata Dan, que viñesen a Xerusalén celebrar a Pascua do Señor, Deus de Israel, porque moitos non a celebraban como está mandado. 6Os mensaxeiros percorreron todo Israel e Xudá levando as cartas do rei e das autoridades e pregoando por orde do rei:
—"Israelitas, volvede ó Señor, Deus de Abraham, de Isaac e de Israel, e o Señor volverá a estar con todos os superviventes do poder dos reis asirios. 7Non sexades coma vosos pais e irmáns, que se rebelaron contra o Señor, Deus de seus pais, e este converteunos en obxecto de espanto, coma vós mesmos podedes ver. 8Non sexades testáns coma os vosos pais. Entregádevos ó Señor, acudide ó santuario que foi consagrado para sempre. Servide ó Señor, voso Deus, e El apartará de vós o ardor da súa cólera. 9Se vos convertedes ó Señor, os que deportaron a vosos irmáns e fillos sentirán compaixón deles e deixaranos volver a este país. Porque o Señor, voso Deus, é clemente e misericordioso, e non vos volverá as costas se volvedes a El".
10Os mensaxeiros percorreron de cidade en cidade a terra de Efraím e Menaxés ata Zebulón, pero ríanse e burlábanse deles. 11Só algúns de Axer, Menaxés e Zebulón se mostraron humildes e acudiron a Xerusalén. 12Os xudeus, por graza de Deus, cumpriron unánimes o que o Señor dispuxera por orde do rei e das autoridades.
13O mes de maio reuniuse en Xerusalén unha gran multitude para celebrar a festa dos Pans Azimos; foi unha asemblea numerosísima. 14Suprimiron todos os altares que había por Xerusalén e eliminaron todas as aras de incensar, guindándoas ó torrente Cedrón.
15O catorce de maio inmolaron a Pascua. Os sacerdotes levíticos confesaron os seus pecados, purificáronse e levaron holocaustos ó templo. 16Cada un ocupou o posto que lle correspondía segundo a Lei de Moisés, home de Deus; os sacerdotes derramaban o sangue que lles pasaban os levitas. 17Como moitos da comunidade non se purificaran, os levitas encargáronse de inmolar os años pascuais de todos os que non estaban puros para consagralos ó Señor. 18Gran número de persoas, na súa maioría de Efraím, Menaxés, Isacar e Zebulón, non observaron o prescrito e comeron a Pascua sen se purificaren. Pero Ezequías intercedeu por eles dicindo:
—"O Señor, que é bo, perdoe a todos os que serven de corazón a Iavé, 19Deus de seus pais, aínda que non teñan a pureza ritual".
20O Señor escoitou a Ezequías e curou ó pobo.
21Os israelitas que se encontraban en Xerusalén celebraron a festa dos Azimos durante sete días con gran xúbilo. Os sacerdotes e levitas loaban ó Señor día tras día con todo entusiasmo.
22Ezequías felicitou ós levitas polas súas boas disposicións co Señor. Pasaron os sete días de festa ofrecendo sacrificios de comuñón e confesando ó Señor, Deus de seus pais. 23Logo a comunidade decidiu prolongar a festa outros sete días. E puideron facelo, con gran xúbilo, 24porque Ezequías, rei de Xudá, proporcionoulles mil touros e sete mil ovellas, e as autoridades, outros mil touros e dez mil ovellas. Ademais purificáronse moitos sacerdotes. 25A alegría reinaba entre a comunidade de Xudá, entre os sacerdotes, os levitas, os que viñeran de Israel, os estranxeiros procedentes de Israel e os residentes en Xudá. 26Unha festa tan magnífica non se acordaba en Xerusalén desde os días de Salomón, fillo de David, rei de Israel.
27Os sacerdotes levíticos levantáronse para bendicir ó pobo. O Señor escoitou a súa voz e a pregaria chegou ata a súa santa morada dos ceos.
Dereitos reservados: SEPT