2 Crónicas 29
29
Ezequías de Xudá
1Cando Ezequías subiu ó trono tiña vinte e cinco anos e reinou en Xerusalén vinte e nove anos. Súa nai chamábase Abía, filla de Zacarías. 2Fixo o que o Señor aproba, igual có seu antepasado David.
3O ano primeiro do seu reinado, o mes de marzo, abriu e restaurou as portas do templo. 4Fixo vir os sacerdotes e levitas, reuniunos na Praza de Oriente 5e díxolles:
—"Escoitádeme, levitas: purificádevos e purificade o templo do Señor, Deus de vosos pais. Sacade do santuario a impureza, 6porque nosos pais pecaron, fixeron o que reproba o Señor noso Deus, abandonárono e despreocupáronse por completo da morada do Señor. 7Por se fose pouco, pecharon as portas da nave, apagaron as lámpadas e deixaron de queimar incenso e de ofrecer holocaustos no santuario do Deus de Israel. 8Entón o Señor indignouse con Xudá e Xerusalén, e fíxoos obxecto de estupor, de espanto e de burla, como puidestes ver cos vosos propios ollos. 9Nosos pais morreron a espada e nosos fillos, fillas e mulleres marcharon ó desterro por este motivo. 10Agora teño o propósito de selar unha alianza co Señor, Deus de Israel, para que cese na súa ira contra nós. 11Por tanto, meus fillos, non sexades neglixentes, que o Señor vos elixiu para estardes na súa presenza, servilo, ser os seus ministros e queimar incenso".
12Entón os levitas: Máhat, fillo de Amasai, e Ioel, fillo de Azarías, descendentes de Quehat, Quix fillo de Abdí, e Azarías fillo de Iehalelel, descendentes de Merarí; Ioah, fillo de Zimah, e Edén fillo de Ioah, descendentes de Guerxom; 13Ximrí e Ieiel, descendentes de Elisafán; Zacarías e Matanías, descendentes de Asaf; 14Iehiel e Ximí, descendentes de Hemán; Semaías e Uziel, descendentes de Iedutún, 15reuniron a seus irmáns, purificáronse e foron purificar o templo, como dispuxera o rei por orde do Señor. 16Os sacerdotes penetraron no interior do templo para purificalo; sacaron para o adro todas as cousas impuras que encontraron no templo, e os levitas colléronas e chimpáronas fóra, ó torrente Cedrón. 17A tarefa de purificación comezou o día un do mes primeiro; o oito chegaron á nave do templo, e durante outros oito días purificaron o templo, acabando o dezaseis do mesmo mes. 18Presentáronse logo ó rei Ezequías e dixéronlle:
—"Xa purificamos todo o templo: o altar dos holocaustos, con todos os seus utensilios e a mesa dos pans presentados, con todos os seus utensilios.
19Tamén reparamos e purificamos todos os obxectos que o rei Ahaz profanou coa súa rebeldía durante o seu reinado. Deixámolos diante do altar do Señor".
20Moi de mañá, o rei Ezequías reuniu as autoridades da cidade e subiu ó templo. 21Levaron sete touros, sete carneiros, sete años e sete machos cabrúns coma sacrificio expiatorio pola monarquía, polo santuario e por Xudá. Logo ordenou ós sacerdotes aharonitas que os ofrecesen sobre o altar do Señor. 22Sacrificaron os touros, e os sacerdotes recolleron o sangue e derramárono sobre o altar; sacrificaron os años e derramaron o sangue sobre o altar. 23Logo levaron os machos cabrúns da expiación diante do rei e da comunidade para que lles impuxesen as mans. 24Os sacerdotes degoláronos e derramaron o sangue sobre o altar para obter o perdón de todo Israel, xa que o rei ordenara que o holocausto e o sacrificio de expiación fosen por todo Israel. 25O rei instalara os levitas no templo, con pratiños, arpas e cítolas, coma o dispuxera David, Gad o vidente do rei, e o profeta Natán. A orde era de Deus, por medio dos seus profetas. 26Así, pois, achábanse presentes os levitas cos instrumentos de David e os sacerdotes coas trompetas.
27Ezequías deu orde de ofrecer o holocausto, ante o altar, e no mesmo instante en que empezou o holocausto, comezou o canto do Señor e o son das trompetas, acompañados dos instrumentos de David, rei de Israel. 28Ata que acabou o holocausto toda a comunidade permaneceu prostrada, mentres continuaban os cantos e resoaban as trompetas. 29Cando acabou, o rei e o seu séquito prostráronse en adoración. 30Logo Ezequías e as autoridades pediron ós levitas que loasen ó Señor con cancións de David e do vidente Asaf. Fixérono con ton festivo e adoraron ó Señor facendo reverencia. 31Logo Ezequías tomou a palabra e dixo:
—"Agora quedades consagrados ó Señor. Achegádevos e ofrecede sacrificios de acción de grazas polo templo".
A comunidade ofreceu sacrificios de acción de grazas e as persoas xenerosas holocaustos.
32O número de vítimas que ofreceu a comunidade foi de setenta touros, cen carneiros e douscentos años, todos en holocausto ó Señor. 33As ofrendas sagradas foron seiscentos touros e tres mil ovellas. 34Como os sacerdotes eran poucos e non daban feito para degolar tantas vítimas, axudáronos seus irmáns os levitas, ata que terminaron a tarefa e se purificaron os sacerdotes (porque os levitas se mostraron máis dispostos a purificarse cós sacerdotes). 35Houbo moitos holocaustos, ademais da graxa dos sacrificios de comuñón e das libacións dos holocaustos. Así restableceuse o culto do templo.
36Ezequías e o pobo alegráronse de que Deus movese ó pobo, porque todo sucedeu nun abrir e pechar os ollos.
Dereitos reservados: SEPT