2 Crónicas 3
3
Construción do Templo
1Comezou, pois, Salomón a edificar o templo de Iavé en Xerusalén, no monte Móriah, onde se manifestara Deus a seu pai David, no lugar onde David fixera os preparativos, na eira de Ornán o iebuseo. 2Deu comezo ás obras o segundo mes do cuarto ano do seu reinado. 3Este é o plano sobre o que Salomón edificou o templo de Deus: setenta cóbados de lonxitude, en cóbados de medida antiga, e vinte cóbados de anchura. 4O vestíbulo que estaba diante da nave do templo tiña unha lonxitude de vinte cóbados correspondente ó ancho do templo, e unha altura de cento vinte. Salomón recubriuno por dentro de ouro puro. 5Revestiu a sala grande de madeira de ciprés e recubriuna de ouro fino, facendo esculpir nela palmas e cadeíñas. 6Para adornar o templo revestiuno tamén de pedras preciosas; o ouro era ouro de Parvaím. 7Recubriu de ouro o templo, as trabes, os limiares, as súas paredes, e as súas portas, e esculpiu querubíns nas paredes.
8Construíu tamén a sala do Santo dos Santos, cunha lonxitude correspondente ó ancho do templo, que era de vinte cóbados. Revestiuno de ouro puro, que pesaba seiscentos talentos. 9Os cravos de ouro pesaban cincuenta siclos. Cubriu tamén de ouro as salas altas. 10No interior da sala do Santo dos Santos fixo dous querubíns, de obra esculpida, que revestiu de ouro. 11As ás dos querubíns tiñan vinte cóbados de longo. Unha á era de cinco cóbados e tocaba a parede da sala; a outra á tiña tamén cinco cóbados e tocaba a á do outro querubín. 12A á do segundo querubín era de cinco cóbados e tocaba coa á do primeiro querubín. 13As ás despregadas destes querubíns medían vinte cóbados. Estaban de pé, e coas súas facianas voltas cara á sala.
14Fixo tamén o veo de púrpura violeta, púrpura escarlata, carmesí e liño fino no que fixo pór querubíns.
15Diante da sala fixo dúas columnas de trinta e cinco cóbados de alto. O capitel que as coroaba tiña cinco cóbados de alto. 16Máis tarde fixo cadeíñas e colocounas sobre o remate das columnas; fixo tamén cen granadas que puxo nas cadeíñas. 17Ergueu as columnas diante da entrada, unha á dereita e outra á esquerda, e chamou á da dereita Iaquín e á da esquerda Boaz.
Currently Selected:
2 Crónicas 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT