2 Crónicas 2
2
Preparativos para edificar o templo
1Salomón sinalou setenta mil homes para transportar cargas, oitenta mil canteiros no monte e tres mil seiscentos capataces para eles.
2Salomón mandou a dicir a Hiram, rei de Tiro: —"Fai comigo como fixeches co meu pai David, enviándolle madeiras de cedro para que construíse un palacio en que habitar. 3Fágoche saber que vou edificar un templo ó Nome de Iavé, o meu Deus, para consagralo, para queimar ante el incenso aromático, para a ofrenda perpetua dos pans presentados, e para os holocaustos matutinos e vespertinos dos sábados, lúas novas e solemnidades do Señor, o noso Deus, como se fai sempre en Israel. 4O templo que vou edificar será grande, porque o noso Deus é maior ca todos os deuses. 5Pero quen será home a construírlle un templo, cando os ceos e os ceos dos ceos non o poden conter? E quen son eu para edificarlle un templo aínda que estea destinado tan só a queimar incenso na súa presenza? 6Manda, logo, un home destro en traballar o ouro, a prata, o bronce, o ferro, a púrpura escarlata, o carmesí, a púrpura violeta e que saiba gravar; estará cos expertos que teño comigo en Xerusalén e en Xudá, e que meu pai David xa preparara. 7Manda tamén madeira de cedro, de ciprés e sándalo de Líbano; pois ben sei que os teus servos saben tallar as árbores do Líbano. E os meus servos traballarán cos teus servos 8para prepararme madeira en abundancia, pois o templo que vou edificar ha ser grande e marabilloso. 9Darei para o sustento dos teus servos, os cortadores das árbores, vinte mil cargas de trigo, vinte mil cargas de cebada, vinte mil medidas de viño e vinte mil medidas de aceite".
10Hiram, rei de Tiro, respondeu nunha carta que enviou ó rei Salomón: —"Polo amor que ten Iavé ó seu pobo fíxoche rei sobre eles" 11E engadía Hiram: —"Bendito sexa Iavé, o Deus de Israel, facedor do ceo e terra, que deu ó rei David un fillo sabio, prudente e intelixente, que edificará un templo ó Señor, e un palacio real para si. 12Mándoche, pois, agora a Hiramabí, home hábil, dotado de intelixencia; 13é fillo dunha danita e seu pai é de Tiro. Sabe traballar o ouro, a prata, o bronce, o ferro, a pedra e a madeira, a púrpura escarlata, a púrpura violeta, o liño fino e o carmesí. Sabe tamén executar calquera obra que lle sexa proposta, traballará a unha cos teus artífices e os artífices do meu señor David, teu pai. 14Manda, pois, ós teus servos o trigo, a cebada, o aceite e o viño do que falou o meu señor, 15e polo nosa banda cortaremos do Líbano toda a madeira que che cumpra e levarémoscha en balsas, por mar, deica Iope, e logo ti mandarás que a suban a Xerusalén".
16Salomón fixo o censo de todos os forasteiros residentes en Israel, tomando por modelo o censo que fixera seu pai David. E atopouse que eran cento cincuenta e tres mil seiscentos. 17Deles destinou setenta mil para o transporte de cargas, oitenta mil para as canteiras nas montañas e tres mil seiscentos como capataces para facer traballar á xente.
Currently Selected:
2 Crónicas 2: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT