2 Crónicas 28
28
Ahaz de Xudá
1Cando subiu ó trono Ahaz tiña vinte anos e reinou en Xerusalén dezaseis anos. Non fixo, coma o seu antepasado David, o que o Señor aproba. 2Imitou ó rei de Israel, facendo estatuas ós baales. 3Queimaba incenso no val de Ben—Hinnom e incluso sacrificou a seu fillo na fogueira, segundo costume aborrecible das nacións que o Señor expulsara ante os israelitas. 4Sacrificaba e queimaba incenso nos outeiros, nos outeiros e baixo as árbores frondosas. 5O Señor, seu Deus, entregouno nas mans do rei sirio, que o derrotou, capturou numerosos prisioneiros e levounos a Damasco. Tamén o entregou nas mans do rei de Israel, que lle inflixiu unha gran derrota.
6Pécah, fillo de Romelías, matou nun só día a cento vinte mil xudeus, pois abandonaron o Señor, Deus de seus pais. 7E Zicrí, un soldado de Efraím, matou a Maseías, fillo do rei, a Azricam, mordomo do palacio, e ó primeiro ministro Elcanah. 8Entre mulleres, fillos e fillas, os israelitas colleron a seus irmáns douscentos mil prisioneiros; apoderáronse tamén dun gran botín e levárono a Samaría.
9Había alí un profeta do Señor, chamado Oded. Cando o exército volvía a Samaría, saíu ó seu encontro e díxolles:
—"O Señor, Deus de vosos pais, indignado con Xudá, púxoo nas vosas mans. Pero a saña con que os matastes clama ó ceo. 10E por riba propóndesvos converter en escravos e escravas os habitantes de Xudá e Xerusalén. Non pecastes xa bastante contra o Señor, voso Deus? 11Facédeme caso e devolvede os vosos irmáns que collestes prisioneiros, porque vos ameaza a ardente cólera do Señor".
12Algúns xefes efraimitas —Azarías, fillo de Iohanán, Berequías, fillo de Mexilemot, Ezequías, fillo de Xalum, e Amasá, fillo de Hadlai—, puxéronse tamén en contra do exército que volvía, 13e dixéronlles:
—"Non metades aquí eses prisioneiros, porque seriamos reos ante o Señor. Bastante pecamos xa para que vos dediquedes a aumentar as nosas faltas e culpas irritando ó Señor contra Israel".
14Entón os soldados deixaron os prisioneiros e o botín á disposición das autoridades e da comunidade. 15Designaron expresamente a algúns para que se fixesen cargo dos cativos. Os que estaban espidos vestíronos con traxes e sandalias do botín; logo déronlles de comer e beber, unxíronos, montaron en burros ós que non podían camiñar e leváronos a Xericó, a cidade das palmeiras, cos seus irmáns. A continuación volvéronse a Samaría.
16Por entón, o rei Ahaz mandou unha embaixada ó rei de Asiria para pedirlle axuda. 17Os idumeos fixeran unha nova incursión, derrotando a Xudá e collendo prisioneiros. 18Os filisteos saquearon as cidades da Xefelah e do Négueb de Xudá, apoderándose de Bet—Xémex, Aiabón, Guederot, Socó e a súa comarca, Timnah e a súa comarca, Guimzó e a súa comarca, establecéndose nelas. 19O Señor humillaba a Xudá por culpa de Ahaz, que trouxera o desenfreo a Xudá, e mostrábase rebelde ó Señor. 20Pero Teglat Peléser, rei de Asiria, en vez de axudalo, marchou contra el e cercouno. 21E aínda que Ahaz espoliou o templo, o palacio e as casas das autoridades para gañar a vontade do rei, non lle serviu de nada. 22Incluso durante o asedio seguiu rebelándose contra o Señor. 23Ofreceu sacrificios ós deuses de Damasco que o derrotaran, pensando:
—"Os deuses de Siria si que axudan ós seus reis. Ofrecereilles sacrificios para que me axuden a min". Pero foron a súa ruína e a de Israel.
24Ahaz reuniu os obxectos do templo e fíxoos anacos; pechou as portas do templo, construíu altares en todos os recantos de Xerusalén 25e levantou ermidas en todas as cidades de Xudá para queimar incenso a deuses estraños, irritando ó Señor, Deus de seus pais.
26Para as súas restantes actividades e empresas, do principio á fin do seu reinado, véxase o libro dos Reis de Xudá e Israel. 27Cando Ahaz morreu, non o levaron ó panteón real de Xudá, senón que o enterraron na cidade, en Xerusalén. O seu fillo Ezequías sucedeuno no trono.
Dereitos reservados: SEPT