2 Crónicas 27
27
Iotam de Xudá
1Cando subiu ó trono, Iotam tiña vinte e cinco anos, e reinou en Xerusalén dezaseis anos. Súa nai chamábase Ieruxah, filla de Sadoc. 2Fixo o que o Señor aproba, igual ca seu pai Ozías. Pero non ía ó templo, e o pobo seguía corrompéndose. 3Construíu a Porta Superior do templo e fixo moitas obras na muralla de Ofel. 4Construíu cidades na serra de Xudá e levantou fortalezas e torres nos matos. 5Loitou contra o rei dos amonitas e venceuno. Os amonitas pagáronlle aquel ano cen pesos de prata, dez mil toneis de trigo e dez mil de cebada; e igual cantidade os dous anos seguintes. 6Iotam fíxose poderoso porque procedeu rectamente ante o Señor, o seu Deus.
7Para máis datos sobre Iotam, as súas guerras e empresas, véxase o libro dos Reis de Israel e Xudá. 8Subiu ó trono á idade de vinte e cinco anos e reinou en Xerusalén dezaseis anos. 9Cando morreu enterrárono na Cidade de David. O seu fillo Ahaz sucedeulle no trono.
Dereitos reservados: SEPT