2 Crónicas 26
26
Azarías (Ozías) de Xudá
1Entón Xudá en pleno tomou a Ozías, de dezaseis anos, e nomeárono rei, sucesor de seu pai Amasías. 2Despois que morreu o rei, reconstruíu Elat, devolvéndoa a Xudá. 3Ozías tiña dezaseis anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén cincuenta e dous anos. Súa nai chamábase Iecolías, natural de Xerusalén. 4Fixo o que o Señor aproba, igual ca seu pai Amasías. 5Serviu ó Señor mentres viviu Zacarías, que o educara no temor de Deus; mentres serviu ó Señor, Deus fíxoo triunfar.
6Saíu a loitar contra os filisteos, derrubou as murallas de Gat e Iábneh e Axdod, e construíu cidades en Axdod e no territorio filisteo. 7Deus axudouno na guerra contra os filisteos, contra os árabes que habitaban en Gur—Baal e contra os meunitas. 8Os amonitas pagaron tributo a Ozías, e chegou a ser tan poderoso que a súa fama se estendeu ata a fronteira de Exipto.
9En Xerusalén Ozías construíu e fortificou torres na Porta do Ángulo, na Porta do Val e na Esquina. 10Tamén levantou torres no deserto e cavou moitos pozos para o abundante gando, que posuía na chaira e na meseta; tamén tiña labradores e viñateiros nos montes e nas veigas, porque a Ozías gustáballe o campo.
11Dispuxo dun exército en pé de guerra agrupado en escuadrón segundo o censo efectuado polo secretario Ieiel e o comisario Maseías por orde de Ananías, funcionario real. 12O número das cabezas de familia ó mando de soldados era dous mil seiscentos. 13Tiñan ás súas ordes un exército de trescentos sete mil cincocentos guerreiros valentes, que loitaban contra os inimigos do rei. 14Ozías equipou a toda a tropa con adargas, lanzas, helmos, coirazas, arcos e tirapedras. 15Fixo uns artefactos, inventados por un enxeñeiro, que lanzaban frechas e pedrolos; colocounos nas torres e nos ángulos de Xerusalén. Coa axuda prodixiosa de Deus, fíxose forte e a súa fama chegou ata moi lonxe. 16Pero ó facerse poderoso, a soberbia arrastrouno á perdición. Rebelouse contra o Señor, seu Deus, entrando no templo para queimar incenso no altar dos perfumes. 17O sacerdote Azarías e oitenta valentes sacerdotes foron tras el, 18plantáronse ante o rei Ozías e dixéronlle:
—"Ozías, a ti non che corresponde queimar incenso ó Señor. Só poden facelo os sacerdotes aharonitas, consagrados para iso. Sae do santuario, que o teu pecado non te honra perante o Señor".
19Ozías, que tiña o incensario na man, indignouse cos sacerdotes, e no mesmo momento, no templo, diante dos sacerdotes, onda o altar dos perfumes, a lepra brotou na súa fronte. 20Botárono de alí, mentres el mesmo se apresuraba a saír, ferido polo Señor.
21O rei Ozías seguiu leproso ata o día da súa morte. Viviu na leprosería, con prohibición de acudir ó templo. Seu fillo Iotam encargouse da corte e de xulgar a poboación.
22Para máis datos sobre Ozías, desde o principio ata a fin do seu reinado, véxase o libro do profeta Isaías, fillo de Amós. 23Cando morreu enterrárono cos seus antepasados no campo do cemiterio real, considerando que era un leproso. O seu fillo Iotam sucedeulle no trono.
Dereitos reservados: SEPT