Skip to content

2 Crónicas 25

25
Amasías de Xudá
1Amasías tiña vinte e cinco anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén vinte e nove anos. Súa nai chamábase Iehoadán e era natural de Xerusalén. 2Fixo o que o Señor aproba, aínda que non de todo corazón. 3Cando se afianzou no poder, matou ós ministros que asasinaran a seu pai. 4Pero non matou a seus fillos, conforme o libro da Lei de Moisés promulgada polo Señor: —"Non serán executados os pais polas culpas dos fillos, nin os fillos polas culpas dos pais; cada un morrerá polo seu propio pecado".
5Amasías reuniu ós de Xudá e puxo a todos os xudeus e benxaminitas, por familias, ás ordes de xefes e oficiais. Fixo o censo dos maiores de vinte anos; resultaron trescentos mil en idade militar e equipados de espada e escudo. 6Recrutou en Israel cen mil mercenarios por cen pesos de prata. 7Pero un profeta presentouse ante el e díxolle:
—"Maxestade, non leves contigo o destacamento de Israel, que o Señor non está cos efraimitas. 8Se te apoias neles, Deus derrotarate fronte ós teus inimigos. Porque Deus pode dar a vitoria e a derrota".
9Amasías preguntou ó profeta:
—"E que pasa cos cen pesos de prata que dei ó destacamento de Israel?"
O profeta contestoulle:
—"O Señor pódechos devolver multiplicados".
10Amasías licenciou a tropa procedente de Efraím para que volvese á súa terra. Eles indignáronse con Xudá e volvéronse para os seus lugares, enfurecidos.
11Amasías armouse de valor, tomou o mando da tropa, marchou ó Val do Sal e matou a dez mil seiritas. 12A outros dez mil colleunos vivos, levounos ó cume da rocha e chimpounos desde ela. Morreron todos desfeitos.
13Mentres, o destacamento que licenciara Amasías para que non loitase ó seu lado, dispersouse polas cidades de Xudá —desde Samaría ata Bethorón—, matando a tres mil persoas e capturando un gran botín. 14Cando Amasías volveu de derrotar ós idumeos, trouxo consigo os deuses dos seiritas, adoptounos coma deuses propios, adorounos e queimoulles incenso. 15O Señor indignouse con Amasías e mandoulle un profeta que lle dixo:
—"Por que serves a uns deuses que non puideron salvar o seu pobo da túa man?"
16Amasías cortouno en seco, dicíndolle:
—"Quen te fixo conselleiro do rei? Cala dunha vez, se non queres que te maten".
O profeta terminou con estas palabras:
—"Polo que fixeches e por non escoitares o meu consello, estou certo de que Deus aconsella a túa destrución".
17Despois de se aconsellar, Amasías de Xudá mandou unha embaixada a Ioax, fillo de Ioacaz, de Iehú, rei de Israel, con esta mensaxe:
—Sae, que nos vexamos as caras!
18Pero Ioax de Israel mandou esta resposta a Amasías de Xudá:
—"O cardo do Líbano mandou dicir ó cedro do Líbano: Dáme a túa filla por esposa de meu fillo. Pero pasaron as feras e esmagaron o cardo. 19Ti dis: Derrotei a Edom, e enchícheste de fachenda. Goza da túa gloria ficando na casa. Por que te queres meter nunha guerra catastrófica provocando a túa caída e a de Xudá?"
20Pero Amasías non fixo caso, porque Deus quería entregalo nas mans de Ioax por servir os deuses de Edom. 21Entón Ioax de Israel subiu ó encontro de Amasías de Xudá en Bet—Xémex de Xudá. 22Israel derrotou ós xudeus, que fuxiron á desbandada. 23En Bet—Xémex apreixou Ioax de Israel a Amasías de Xudá, fillo de Ioax de Ioacaz, e levouno a Xerusalén. Na muralla de Xerusalén abriu unha brecha de douscentos metros, desde a Porta de Efraím ata a porta do Ángulo. 24Apoderouse do ouro, prata, os utensilios que se achaban no templo ó coidado de Obededom, os tesouros de palacio e os reféns, e volveu a Samaría. 25Amasías de Xudá, fillo de Ioax, sobreviviu quince anos a Ioax de Israel, fillo de Ioacaz.
26Para máis datos sobre Amasías, desde o principio ata a fin do seu reinado, véxase o libro dos Reis de Xudá e Israel. 27Cando Amasías se apartou do Señor, tramaron contra el unha conspiración en Xerusalén; fuxiu a Láquix, pero perseguírono ata Láquix e matárono alí. 28Cargárono sobre uns cabalos e enterrárono cos seus antepasados na capital de Xudá.