2 Crónicas 22
22
Ocozías de Xudá
1Os habitantes de Xerusalén nomearon rei ó seu fillo menor, Ocozías, porque os outros foran asasinados pola banda dos árabes que viñeran ó campamento. Así reinou Ocozías, fillo de Ioram de Xudá.
2Tiña corenta e dous anos cando subiu ó trono, e reinou en Xerusalén un ano; súa nai chamábase Atalía e era filla de Omrí. 3Tamén el imitou a conduta da casa de Ahab, porque súa nai o incitaba ó mal. 4Fixo o que o Señor reproba, igual que a casa de Ahab, xa que ó morrer seu pai, eles foron os seus conselleiros, para a súa perdición. 5Por consello seu, acompañou a Ioram, fillo de Ahab, rei de Israel, a loitar contra Hazael, rei de Siria, en Ramot de Galaad. Os sirios feriron a Ioram 6e este volveu a Iezrael para se curar das feridas que lle inflixiran en Ramot, durante a batalla contra Hazael, rei de Siria. Entón Ocozías, fillo de Ioram, rei de Xudá, baixou a Iezrael para visitar a Ioram, fillo de Ahab, que estaba enfermo. 7Con esta visita o Señor provocou a ruína de Ocozías. Durante a súa estancia, saíu con Ioram ó encontro de Iehú, fillo de Nimxí, a quen unxira o Señor para exterminar a dinastía de Ahab 8e mentres Iehú facía xustiza na dinastía de Ahab, encontrou as autoridades de Xudá e os parentes de Ocozías que estaban ó seu servizo e matounos. 9Despois buscou a Ocozías; apresárono en Samaría, onde se escondera, e levárono con eles a Iehú, que o mandou matar. Pero déronlle sepultura, pensando: —"Era fillo de Ioxafat, que serviu ó Señor de todo corazón".
Na familia de Ocozías non quedou ninguén capaz de reinar.
Reinado e morte de Atalía
10Cando Atalía, nai de Ocozías, viu que seu fillo morrera, empezou a exterminar a toda a familia real da casa de Xudá. 11Pero cando os fillos do rei estaban sendo asasinados, Ioxeba, filla do rei Ioram, esposa do sacerdote Iehoiadá e irmá de Ocozías, raptou a Ioax, fillo de Ocozías, e escondeuno coa ama de cría no seu dormitorio. Así llo ocultou a Atalía, que non o puido matar. 12Estivo escondido con elas no templo durante seis anos, mentres no país reinaba Atalía.
Currently Selected:
2 Crónicas 22: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT