2 Crónicas 21
21
Ioram de Xudá
1Morreu Ioxafat e enterrárono cos seus antepasados na Cidade de David. Seu fillo Ioram sucedeulle no trono. 2Tiña varios irmáns por parte do pai: Azarías, Iehiel, Zacarías, Azarías, Miguel e Safatías, todos eles fillos de Ioxafat de Xudá. 3Seu pai legoulles gran cantidade de prata, ouro e obxectos de valor, ademais de fortalezas en Xudá; pero o trono deixoullo a Ioram por ser o primoxénito. 4Cando se afianzou no trono de seu pai, asasinou a todos os seus irmáns e tamén a algúns xefes de Israel.
5Tiña trinta e dous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén oito anos. 6Imitou a conduta do rei de Israel, e as accións da casa de Ahab, porque casou cunha filla deste. Fixo o que o Señor reproba. 7Pero o Señor non quixo destruír a casa de David, a causa do pacto que fixera con David, e porque prometera manter sempre acesa a súa lámpada e a de seus fillos.
8No seu tempo, Edom independizouse de Xudá e nomeou un rei. 9Ioram foi cos seus xenerais e todos os seus carros, levantouse de noite, e aínda que desbaratou o exército idumeo, que o envolvera a el e ós oficiais do escuadrón de carros, 10Edom independizouse de Xudá ata hoxe; tamén Libnah conseguiu daquela a independencia. Isto ocorreu por abandonar ó Señor, Deus de seus pais.
11Levantou ermidas nos outeiros das cidades de Xudá, induciu á idolatría ós habitantes de Xerusalén e descarreirou a Xudá. 12O profeta Elías mandoulle dicir por escrito: —"Así di o Señor, Deus de teu pai David: por non imitares a conduta de teu pai, Ioxafat, e a de Asá, rei de Xudá, 13senón a conduta dos reis de Israel; por fomentares a idolatría en Xudá e entre os habitantes de Xerusalén, copiando as prácticas idolátricas da casa de Ahab, e por asasinares ós teus irmáns, da casa de teu pai, que valían todos máis ca ti, 14o Señor ferirá ó teu pobo, a teus fillos, as túas mulleres e as túas posesións cunha praga terrible. 15E ti mesmo padecerás unha enfermidade grave, un cancro que che consumirá as entrañas día tras día".
16O Señor atizou contra Ioram a hostilidade dos filisteos e dos árabes que habitaban onda os cuxitas. 17Subiron a Xudá, invadírona e levaron consigo todas as riquezas que encontraron no palacio así como as mulleres e fillos. Só lle quedou o máis novo, Ioacaz. 18Despois disto, o Señor feriulle as entrañas cunha doenza incurable. 19Pasaron os días e ó cabo de dous anos a enfermidade consumiulle as entrañas; morreu entre atroces dores. O seu pobo non lle acendeu unha larada, como fixera cos seus predecesores.
20Tiña trinta e dous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén oito anos. Desapareceu sen que ninguén o chorase. Enterrárono na Cidade de David, pero fóra do panteón real.
Currently Selected:
2 Crónicas 21: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT