YouVersion Logo
Search Icon

2 Crónicas 23

23
1O ano sétimo Iehoiadá armouse de valor e reuniu os centurións: Azarías, fillo de Ieroham, Ismael, fillo de Iohomán, Azarías, fillo de Obed, Maseías, fillo de Adaías, e Elixafat, fillo de Zicrí. Xuramentouse con eles e percorreron Xudá 2congregando os levitas de todas as cidades e os cabezas de familia de Israel. Cando regresaron a Xerusalén, 3toda a asemblea fixo no templo un pacto co rei. Logo díxolles:
—"Debe reinar un fillo do rei, como prometeu o Señor á descendencia de David. 4Ides facer o seguinte: O terzo de vós, sacerdotes e levitas, que entra de servizo o sábado, fará garda nas portas; 5outro terzo ocupará o palacio e o último terzo a Porta do Fundamento. O pobo situarase nos adros do templo. 6Pero que ninguén entre no templo, a excepción dos sacerdotes e os levitas de servizo. Eles pódeno facer porque están consagrados; pero o pobo deberá observar as prescricións do Señor. 7Os levitas rodearán o rei por todas partes, arma en man. Se alguén quere entrar no palacio, matádeo. E estade a carón do rei, vaia onda vaia".
8Os levitas e os xudeus fixeron o que lles mandou o sacerdote Iehoiadá. Cada un reuniu os seus homes, os que estaban de servizo o sábado e os que quedaban libres, porque o sacerdote Iehoiadá non exceptuou ningunha das seccións. 9O sacerdote Iehoiadá entregoulles ós oficiais as lanzas, escudos e adargas do rei David, que se gardaban no templo. 10Colocou a todo o pobo con armas curtas, desde o ángulo sur ata o ángulo norte do templo, entre o altar e o templo, para protexer o rei. 11Entón trouxeron ó príncipe, colocáronlle a diadema e as insignias, proclamárono rei, e Iehoiadá e seus fillos unxírono, aclamando:
—"Viva o rei!".
12Atalía oíu o clamor da tropa que corría e aclamaba ó rei e foi cara á xente, ó templo. 13Pero cando viu o rei en pé sobre o estrado, na entrada, e os oficiais e a banda a carón do rei, toda a poboación en festa, as trompetas tocando e os cantores acompañando os cánticos de loanza cos seus instrumentos, rachou as vestiduras e dixo:
—"Traizón, traizón!".
14O sacerdote Iehoiadá ordenou ós oficiais que mandaban as forzas:
—"Sacádea do adro. A quen a siga, matádeo".
Pois non quería que a matasen no templo.
15Fórona empuxando coas mans, e cando chegaba a palacio pola Porta das Cabalerías, alí mesmo a mataron.
16Iehoiadá selou un pacto con todo o pobo e co rei para que fose o pobo do Señor. 17Toda a poboación dirixiuse logo ó templo de Baal: destruírono, derrubaron os seus altares e as súas imaxes, e a Matán, sacerdote de Baal, degolárono ante o altar.
18Iehoiadá puxo gardas no templo, ás ordes dos sacerdotes e levitas que David distribuíra na casa de Deus para ofreceren holocaustos ó Señor —segundo o manda a lei de Moisés— con alegría e con cánticos compostos por David. 19Puxo porteiros nas portas do templo para que non entrase absolutamente nada impuro. 20Logo, cos centurións, os notables, as autoridades e todo a veciñanza, sacaron do templo ó rei, e levárono ó palacio pola Porta Superior e instalárono no trono real. 21Toda a poboación fixo festa e a cidade quedou tranquila. A Atalía matárana a espada.

Currently Selected:

2 Crónicas 23: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for 2 Crónicas 23