2 Crónicas 18
18
1Cando Ioxafat chegou ó cume da súa riqueza e prestixio, emparentou con Ahab. 2Anos máis tarde baixou a Samaría a visitar a Ahab. Este matou gran cantidade de ovellas e de touros para el e para o seu séquito; logo induciuno a atacar Ramot de Galaad. 3Ahab, rei de Israel, dixo a Ioxafat, rei de Xudá:
—"Queres vir comigo contra Ramot de Galaad?".
Ioxafat respondeulle:
—"Ti e mais eu, o teu exército e o meu, iremos xuntos á guerra".
4Logo engadiu:
—"Consulta antes o oráculo do Señor".
5O rei de Israel reuniu os profetas, catrocentos homes, e preguntoulles:
—"Podemos atacar Ramot de Galaad, ou déixoo?".
Responderon:
—"Vai; Deus entrégalla ó rei".
6Entón Ioxafat preguntou:
—"Non queda por aí algún profeta do Señor para preguntarlle?".
7O rei de Israel respondeulle:
—"Queda aínda un, Miqueas, fillo de Imlah, por quen podemos consultar o Señor; pero eu aborrézoo, porque nunca profetiza venturas, senón sempre desgrazas".
Ioxafat dixo:
—"Non fale así o rei!".
8O rei de Israel chamou a un funcionario e díxolle:
—"Que veña axiña Miqueas, fillo de Imlah".
9O rei de Israel e Ioxafat de Xudá estaban sentados nos seus tronos, coas súas vestiduras rexias, na praza, onda a porta de Samaría, mentres todos os profetas acenaban diante eles. 10Sedecías, fillo de Cananah, fíxose uns cornos de ferro e dicía:
—"Así di o Señor: con estes escornearás ós sirios ata acabares con eles". 11E todos os profetas coreaban:
—"Ataca Ramot de Galaad! Triunfarás, o Señor entrégacha". 12Mentres tanto o mensaxeiro que fora chamar a Miqueas, díxolle:
—"Ten en conta que todos os profetas a unha están profetizando venturas ó rei. A ver se o teu oráculo é coma o deles e anuncias venturas".
13Miqueas replicou:
—"Vive Deus! Direi o que Deus me mande!".
14Cando se presentou ante o rei, este preguntoulle:
—"Miqueas, podemos atacar Ramot de Galaad, ou déixoo?".
Miqueas respondeulle:
—"Ide, triunfaredes. O Señor entrégavola".
15O rei dixo:
—"Pero cantas veces terei que tomarche xuramento de que me dis só a verdade no nome do Señor?".
16Entón Miqueas dixo:
—"Estou vendo a Israel espallado polos montes, coma ovellas sen pastor. E o Señor di: Non ten amo. Volva cada un á súa casa e en paz".
17O rei de Israel comentou con Ioxafat:
—"Non cho dixen? Non profetiza venturas, senón desgrazas".
18Miqueas continuou:
—"Por iso, escoitade a palabra do Señor: Vin o Señor sentado no seu trono. Todo o exército celeste estaba en pé, á dereita e á esquerda; 19e o Señor preguntoulle: Quen poderá enganar a Ahab, rei de Israel, para que vaia e morra en Ramot de Galaad?
Uns propuñan unha cousa, outros outra. 20Ata que se adiantou un espírito e, posto en pé ante o Señor, dixo: Eu enganareino. O Señor preguntoulle: Como? 21Respondeu: Irei e transformareime en oráculo falso na boca de todos os profetas. O Señor díxolle: Conseguirás enganalo. Vai e faino. 22Como ves, o Señor puxo oráculos falsos na boca deses profetas teus, porque o Señor decretou a túa perda".
23Entón Sedecías, fillo de Cananah, acercouse a Miqueas e deulle un lapote, dicíndolle:
—"Por onde escapou de min o espírito do Señor para falarche a ti?"
24Miqueas respondeu:
—"Veralo ti mesmo o día en que vaias escondéndote de apousento en apousento".
25Entón o rei de Israel ordenou:
—"Collede a Miqueas e levádeo ó gobernador Amón e ó príncipe Ioax. 26Dicídelles: Por orde do rei, metede a este no cárcere e taxádelle a ración de pan e auga ata que eu volva vitorioso".
27Miqueas dixo:
—"Se ti volves vitorioso, o Señor non falou pola miña boca".
28O rei de Israel e Ioxafat, rei de Xudá, foron contra Ramot de Galaad. 29O rei de Israel dixo a Ioxafat:
—"Voume disfrazar antes de entrar en combate. Ti vai coa túa tropa". Disfrazouse e marcharon ó combate.
30O rei sirio ordenara ós comandantes dos carros que non atacasen a pequeno nin grande, senón só ó rei de Israel. 31E cando os comandantes dos carros viron a Ioxafat, comentaron:
—"Aquel é o rei de Israel!"
E lanzáronse contra el. Pero Ioxafat gritou, e o Señor veu na súa axuda, apartándoos del. 32Os comandantes viron que aquel non era o rei de Israel e deixárono. 33Un soldado disparou o arco ó azar e feriu ó rei de Israel, atravesándolle a coiraza. O rei dixo ó auriga:
—"Dá a volta e lévame do campo de batalla, porque estou ferido".
34Pero aquel día intensificouse o combate, de maneira que sostiveron ó rei de Israel en pé no seu carro fronte ós sirios ata o atardecer. Morreu ó solpor.
Currently Selected:
2 Crónicas 18: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT