2 Crónicas 16
16
1Pero o ano trinta e seis do reinado de Asá, Baxá de Israel fixo unha campaña contra Xudá e fortificou Ramah para cortar as comunicacións a Asá de Xudá. 2Este sacou entón prata e ouro dos tesouros do templo e do palacio e enviounos a Ben Hadad, rei de Siria, que residía en Damasco, con esta mensaxe: 3—"Fagamos un tratado de paz, como o fixeron teu pai e o meu. Aquí che mando prata e ouro; anda, rompe a túa alianza con Baxá de Israel, para que se retire do meu territorio". 4Ben Hadad fixo caso a Asá e mandou os seus xenerais contra as cidades de Israel, devastando Iión, Dan, Abel—Maim e todos os depósitos das cidades de Naftalí. 5En canto o soubo, Baxá, deixou de fortificar Ramah e fixo parar as obras. 6O rei Asá mobilizou daquela a todo Xudá; desmontaron as pedras e madeiros con que Baxá fortificaba Ramah e aproveitáronos para fortificar Gueba e Mispah.
7Naquela ocasión o vidente Hananí presentouse ante Asá, rei de Xudá, e díxolle:
—"Por te apoiares no rei de Siria en vez de apoiarte no Señor, teu Deus, escapóuseche das mans o exército do rei de Siria. 8Tamén os cuxitas e libios constituían un gran exército con innumerables carros e cabalos; pero entón apoiácheste no Señor, teu Deus, e El púxoos nas túas mans. 9Porque o Señor repasa a terra enteira cos seus ollos para fortalecer ós que lle son leais de corazón. Fixeches unha loucura e de agora en adiante vivirás en guerra".
10Asá indignouse co vidente, e irritado con el polas súas palabras, meteuno no cárcere. Por entón asañouse tamén con outras persoas do pobo.
11Para os feitos de Asá, dos primeiros ós derradeiros, véxanse os Anais dos Reis de Xudá e Israel.
12O ano trinta e nove do seu reinado enfermou do mal da gota. Aínda que a enfermidade se foi agravando, acudiu só ós médicos, sen acudir ó Señor nin sequera na enfermidade. 13Asá morreu no ano corenta e un do seu reinado, indo reunirse cos seus antepasados. 14Enterrárono na sepultura que se cavara na Cidade de David. Puxérono nun leito cheo dun ungüento confeccionado a base de aromas e perfumes, e acenderon na súa honra unha gran larada.
Currently Selected:
2 Crónicas 16: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT