2 Crónicas 15
15
1O Espírito do Señor veu sobre Azarías, fillo de Oded. 2Saíu ó encontro de Asá e díxolle:
—"Escoitádeme, Asá, Xudá e Benxamín: se estades co Señor, El estará convosco; se o buscades, deixarase encontrar; pero se o abandonades, abandonaravos. 3Durante moitos anos Israel viviu sen Deus verdadeiro, sen sacerdote que o instruíse, sen lei. 4Pero no perigo volveron ó Señor, Deus de Israel; buscárono e El deixouse encontrar. 5Naqueles tempos ninguén vivía en paz, todos os habitantes do país sufrían grandes turbacións. 6Pobos e cidades destruíanse mutuamente porque o Señor os turbaba con toda clase de perigos. 7Pero vós cobrade ánimo, non desfalezades, que as vosas obras terán a súa recompensa".
8Cando Asá escoitou esta profecía de Azarías, fillo de Oded, animouse a suprimir os ídolos de todo o territorio de Xudá e Benxamín, e das cidades que conquistara na serra de Efraím, e reparou o altar do Señor que se achaba diante do adro. 9Logo reuniu ós xudeus, ós benxaminitas e ós de Efraím, Menaxés e Simeón, que residían entre eles porque moitos israelitas se pasaran ó seu bando ó veren que o Señor, seu Deus, estaba con el. 10Reuníronse en Xerusalén en maio do ano quince do reinado de Asá. 11Sacrificaron ó Señor setecentos touros e sete mil ovellas do botín que trouxeran, 12e fixeron un pacto, comprometéndose a servir o Señor, Deus de seus pais, con todo o corazón e con toda a alma, 13e a condenar a morte a todo o que non o gardase, grande ou pequeno, home ou muller. 14Así o xuraron ó Señor a grandes voces, entre clamores e ó son de trompetas e cornos. 15Todo Xudá festexou o xuramento e fixérono de corazón, buscando o Señor con sincera vontade; El deixouse encontrar por eles e concedeulles paz cos seus veciños.
16O rei Asá quitoulle o título da raíña nai a súa nai, Macah, porque fixera unha imaxe de Axtarté. Esnaquizou a imaxe, reduciuna a po e queimouna no torrente Cedrón. 17Non desapareceron de Israel as ermidas dos outeiros, pero o corazón de Asá pertenceu integramente ó Señor durante toda a súa vida. 18Levóu ó templo as ofrendas de seu pai e as súas propias: prata, ouro e utensilios.
19Nos trinta e cinco primeiros anos do seu reinado, non houbo guerras.
Currently Selected:
2 Crónicas 15: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT