2 Crónicas 13
13
Abías de Xudá
1Abías subiu ó trono de Xudá o ano dezaoito do reinado de Ieroboam. 2Reinou tres anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Micaías, e era filla de Uriel, o de Guibah. Houbo guerra entre Abías e Ieroboam. 3Abías emprendeu a guerra cun exército de catrocentos mil soldados aguerridos. Ieroboam fíxolle fronte con oitocentos mil soldados aguerridos. 4Abías situouse no cume do monte Semaraim, na serra de Efraím, e berrou:
—"Ieroboam, israelitas, escoitádeme: 5Acaso non sabedes que o Señor, Deus de Israel, con pacto de sal, concedeulle a David e ós seus descendentes o trono de Israel para sempre? 6A pesar diso, Ieroboam, fillo de Nabat, empregado de Salomón, fillo de David, rebelouse contra o seu señor, 7rodeándose de xente desocupada e sen escrúpulos, que se impuxeron a Roboam, fillo de Salomón, aproveitándose de que non podía dominalos por ser novo e débil de carácter. 8Agora propóndesvos facer fronte ó reino do Señor, administrado polos descendentes de David. Vós sodes moi numerosos, tedes convosco os ídolos que vos fixo Ieroboam, os becerros de ouro; 9expulsastes os aharonitas, sacerdotes do Señor, e os levitas; fixéstesvos sacerdotes, coma os pobos pagáns: a calquera que traia un becerro e sete carneiros ordenádelo sacerdote dos falsos deuses. 10En canto a nós, o Señor é o noso Deus e non o abandonamos; os sacerdotes que serven ó Señor son os aharonitas, e os encargados do culto os levitas; 11ofrecen ó Señor holocaustos matutinos e vespertinos e perfumes recendentes, presentan os pans sobre a mesa pura e acenden todas as tardes o candelabro de ouro e as súas lámpadas, porque nós observamos as prescricións do Señor, o noso Deus, a quen vós abandonastes. 12Sabede que Deus está connosco na vangarda. Os seus sacerdotes darán coas trompetas o toque de guerra contra vós. Israelitas, non loitedes contra o Señor, Deus de vosos pais, porque non poderedes vencer".
13Mentres tanto, Ieroboam dispuxo un destacamento para pillalos de costas. O groso do exército quedou diante dos de Xudá e o destacamento ás súas costas. 14Os xudeus, ó volvérense, observaron que os atacaban por diante e polas costas. Entón clamaron ó Señor, os sacerdotes tocaron as trompetas, 15A tropa lanzou o berro de guerra, e naquel momento Deus derrotou a Ieroboam e ós israelitas ante Abías e Xudá. 16Os israelitas fuxiron ante os xudeus e o Señor entregounos nas súas mans. 17Abías e a súa tropa inflixíronlles unha gran derrota, caendo mortos cincocentos mil soldados de Israel. 18Naquela ocasión os israelitas quedaron humillados, mentres os de Xudá se fixeron fortes por apoiárense no Señor, Deus de seus pais.
19Abías perseguiu a Ieroboam e arrebatoulle algunhas cidades: Betel e o seu distrito, Iexanah e o seu distrito, Efrón e seu distrito. 20Ieroboam non conseguiu recuperarse nos tempos de Abías; o Señor feriuno e morreu. 21Abías, polo contrario, fíxose cada vez máis forte. Tivo catorce mulleres e xerou vinte e dous fillos e dezaseis fillas.
22As restantes fazañas de Abías, a súa conduta e as súas empresas, áchanse escritas no comentario do profeta Idó. 23Cando morreu enterrárono na cidade de David, e sucedeulle no trono o seu fillo Asá. No tempo deste o país gozou de paz durante dez anos.
Currently Selected:
2 Crónicas 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT