1 Tesalonicenses 5
5
1Tocante ó tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba, 2que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite. 3Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar. 4Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón, 5xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.
6Polo tanto, non adormezamos coma os demais; máis ben, esteamos vixiantes e manteñamos o propio control. 7Pois os que dormen, dormen pola noite, e os que se emborrachan, emborráchanse pola noite. 8Pero nós, que somos do día, manteñamos o propio control, revestidos coa coiraza da fe e da caridade e co casco da esperanza da salvación. 9Pois non nos destinou Deus á ira, senón á consecución da salvación polo noso Señor Xesús Cristo, 10que morreu por nós para que, vivos ou mortos, pasemos a vivir con el. 11Polo tanto, aconselládevos e confortádevos uns a outros, como xa o facedes.
Últimas recomendacións e saúdos
12Rogámosvos, irmáns, que sexades considerados cos que traballan entre vós, presidíndovos no Señor e catequizándovos. 13Tédeos no máis grande aprecio e amor polos seus traballos; e que entre vós haxa paz.
14Exhortámosvos tamén, irmáns, a que fagades entrar en razón ós inconstantes, que lles deades azos ós abatidos, que coidedes dos febles e que teñades paciencia con todos. 15Mirade que ninguén lle devolva a ninguén mal por mal; polo contrario, procurádevos sempre o ben uns ós outros, e a todos.
16Estade sempre alegres. 17Orade constantemente. 18Dade grazas en todas as ocasións: que isto é o que Deus quere de vós coma cristiáns. 19Non apaguedes o Espírito; 20non desprecedes as palabras inspiradas. 21Examinádeo todo e agarrádevos ó que é bo. 22Arredade de toda especie de mal.
Despedida e saúdos
23Que o Deus da paz vos santifique totalmente: que todo o voso ser espírito, alma e corpo se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo. 24Pois o que vos chama é fiel, e hao facer.
25Irmáns, rogade tamén por nós.
26Dádelles o saúdo a todos os irmáns co ósculo santo. 27Esconxúrovos polo Señor a que se lles lea esta carta a todos os irmáns.
28Que a graza do noso Señor Xesús Cristo vos acompañe.
Currently Selected:
1 Tesalonicenses 5: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT