1 Tesalonicenses 4
4
Instrucións e avisos
1Polo demais, irmáns, pedímosvos con insistencia coma cristiáns que, xa que aprendestes de nós como cómpre andar para contentar o Señor, que sigades así e que progresedes aínda máis.
2Porque ben sabedes que instrucións vos temos dado de parte do Señor Xesús. 3Pois esta é a vontade de Deus, a vosa santificación: que vos arrededes da fornicación, 4que cada un de vós saiba controlar o seu propio corpo santa e respectuosamente, 5sen se deixar gobernar pola paixón coma os xentís, que non coñecen a Deus. 6Que ninguén se exceda nin asoballe a seu irmán neste asunto, pois o Señor vinga todas estas cousas, como xa vos temos dito e asegurado. 7Que non nos chamou Deus á impureza, senón á santidade. 8Por iso, quen rexeita estas instrucións, non rexeita a un home senón a Deus, que é quen vos dá o seu Espírito Santo.
9Verbo da caridade non precisades que vos escriba porque Deus mesmo vos ensina a vos amardes uns a outros, 10cousa que practicades con todos os irmáns ó longo da Macedonia; rogámosvos que sigades progresando: 11que areledes vivir sosegados, ocuparvos dos vosos asuntos e traballar coas vosas mans, conforme vos temos mandado; 12deste xeito a vosa conduta será correcta ante os de fóra e non precisaredes de ninguén.
A Vinda do Señor
13Non queremos, irmáns, que esteades desinformados verbo dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. 14Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron. 15Iso é o que vos dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, os que vivimos, os que quedemos para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os que xa morreron; 16pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ó son da trompeta de Deus, o Señor en persoa baixará do ceo: entón os cristiáns defuntos resucitarán primeiro; 17despois, nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes, para irmos ó encontro do Señor no aire e así estaremos sempre co Señor. 18Polo tanto, consoládevos uns a outros con estas palabras.
Currently Selected:
1 Tesalonicenses 4: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT