YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 6

6
Retorno da arca a Israel
1A arca do Señor estivo sete meses na terra dos filisteos. 2Os filisteos convocaron entón os seus sacerdotes e adiviños, para consultarlles: —"Que habemos facer coa arca de Iavé? Dicídenos a maneira de volvela ó seu sitio". 3Eles respondéronlles: —"Se queredes devolver a arca do Deus de Israel, non a volvades de baleiro; pagádelle unha ofrenda expiatoria. Entón sandaredes e veredes por que a man do Señor non deixou de mancarvos".
4Os filisteos preguntaron: —"Que ofrenda expiatoria lle podemos pagar?" Eles responderon: —"Cinco furunchos de ouro e cinco ratos de ouro, conforme o número dos príncipes dos filisteos, xa que a mesma praga vos aflixiu a vós e ós vosos príncipes. 5Facede imaxes dos furunchos e dos ratos que estragaron o país, e rendédelle homenaxe ó Deus de Israel. Quizais entón alixeire a súa man sobre vós e sobre os vosos deuses e a vosa terra. 6Para que mostrarvos teimudos, como fixeron os exipcios e o seu faraón, que soamente deixaron saír a Israel despois que o Señor os castigou?
7Agora facede un carro novo, collede dúas vacas que estean criando e que non foran nunca xunguidas e poñédeas ó carro, deixando os seus becerriños pechados no cortello. 8Despois colocades no carro a arca do Señor e, á carón dela, unha caixa cos obxectos de ouro que lle dades como ofrenda expiatoria, e botádelo, que se vaia. 9Fixádevos ben: se colle o camiño do seu país, subindo cara a Betxémex, entón é que foi ese Deus quen vos causou tantas desgrazas; daquela saberemos que non foi a súa man a que nos feriu, senón un casual".
10E fixérono así. Colleron dúas vacas de cría e puxéronas ó carro, deixando os seus becerriños pechados no cortello. 11Colocaron no carro a arca do Señor e a caixa cos ratos de ouro e coas imaxes dos furunchos. 12As vacas foron dereitas polo camiño de Betxémex, bruando namentres andaban o camiño, sen arredarse nin á dereita nin á esquerda. Os príncipes dos filisteos seguíanas detrás, ata os confíns de Betxémex.
13A xente de Betxémex estaba na chaira, na seitura. Cando ergueron os ollos e viron a arca, aledáronse moito. 14O carro entrou no eido de Xosué de Betxémex e alí parou ó lado dunha gran pedra. Os veciños fixeron estelas da madeira do carro e ofreceron as vacas en sacrificio ó Señor.
15Os levitas baixaron a arca do Señor e a caixa que contiña as imaxes de ouro e puxérono todo enriba da gran pedra. E as xentes de Betxémex ofreceron aquel día holocaustos e sacrificios ó Señor. 16Os cinco príncipes filisteos estivéronos observando e, naquel mesmo día, volveron para Ecrón.
17Os furunchos de ouro que os filisteos pagaron como ofrenda expiatoria ó Señor, era un por Axdod, un por Gaza, un por Axquelón, un por Gat e un por Ecrón. 18Tocante ós ratos de ouro, estes correspondían a todas as cidades dos cinco príncipes filisteos, o mesmo prazas muradas como aldeas desgornecidas. A gran pedra na que puxeron a arca do Señor, pódese ver aínda hoxe no eido de Xosué de Betxémex.
19Os fillos de Ieconías non se aledaron coa demais xente de Betxémex, cando viron a arca do Señor, e o Señor castigou a setenta persoas da familia. O pobo fixo dó por aquela gran mortaldade coa que os ferira o Señor. 20Os de Betxémex preguntábanse: —"Quen poderá aturar ante o Señor, ese Deus santo? Onda quen subirá, lonxe de nós?" 21E mandaron mensaxeiros a Quiriat Iearim con este recado: —"Os filisteos devolveron a arca do Señor. Baixade e levádea convosco".

Currently Selected:

1 Samuel 6: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for 1 Samuel 6