YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 7

7
SAMUEL E XAÚL (1 Sam 7-15)
O xuíz Samuel vence ós filisteos
1Os de Quiriat Iearim foron recoller a arca do Señor, levárona á casa de Abinadab, que estaba no outeiro, e consagraron ó seu fillo Elazar para gardala. 2Desde o día en que a arca do Señor se instalara en Quiriat Iearim pasara moito tempo —había diso vinte anos—, e todos os israelitas estrañaban a arca do Señor.
3Entón falou Samuel deste xeito a todo Israel: —"Se vos convertedes ó Señor de todo corazón, desbotando de onda vós deuses alleos e Axtartés, se afincades no Señor o voso corazón, e se o servides só a el, o Señor libraravos da man dos filisteos".
4Os israelitas desbotaron os Baales e as Axtartés e propuxeron servir só ó Señor. 5Samuel mandoulles entón: —"Reunide en Mispah a todo Israel e pregareille ó Señor por vós". 6Reunidos en Mispah, os israelitas sacaron auga e verquérona diante do Señor. Aquel día xexuaron e alí mesmo confesaron: —"Pecamos contra o Señor". En Mispah xulgou Samuel a Israel.
7Cando souberon que os israelitas se xuntaran en Mispah, os príncipes dos filisteos subiron contra Israel. Oírono os israelitas e colléronlles medo ós filisteos. 8E dixéronlle a Samuel: —"Roga, sen descanso, por nós ó Señor, noso Deus; que nos libre el da man dos filisteos".
9Samuel colleu un año de leite e ofreceullo en holocausto ó Señor. Pregou ó Señor por Israel e o Señor escoitouno. 10O tempo que Samuel ofrecía o sacrificio, os filisteos acercábanse para atacar a Israel. Pero o Señor mandou aquel día unha treboada que desbaratou ós filisteos. Despois estes foron vencidos polos israelitas. 11Estes saíron de Mispah, perseguindo ós filisteos e batendo neles ata por baixo de Betcar. 12Samuel colleu unha pedra e chantouna entre Mispah e Xen, e chamoulle Eben—ha—Ézer, querendo dicir: —"Ata aquí axudounos o Señor".
13Os filisteos quedaron humillados e non volveron invadir os lindeiros de Israel. A man do Señor pesou sobre eles toda a vida de Samuel. 14As cidades que os filisteos colleran a Israel, tiveron que devolverllas. Israel recuperou dos filisteos desde Ecrón ata Gat e os seus confíns. Entre Israel e os cananeos houbo paz.
15Samuel foi xuíz de Israel por toda a súa vida. 16Todos os anos facía un percorrido por Betel, Guilgal e Mispah, e administraba xustiza entre os israelitas en todos eses lugares. 17Despois volvía para Ramah, onde tiña a súa casa. Desde alí gobernaba a Israel e alí tíñalle edificado un altar ó Señor.

Currently Selected:

1 Samuel 7: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for 1 Samuel 7