1 Samuel 4
4
A ARCA E OS SEUS VAIVÉNS (4-6)
Vitoria dos filisteos
1A palabra de Samuel chegaba a todo Israel. Os israelitas saíron á guerra en contra dos filisteos. Acamparon en Eben—ha—Ézer e os filisteos en Afec.
2Os filisteos puxéronse en orde de combate cara ós israelitas. Desatada a batalla, os israelitas sufriron unha grave desfeita, diante dos filisteos, que lles mataron no campo, dentro das súas ringleiras, case catro mil homes.
3Cando a tropa volveu ó campamento, os anciáns de Israel preguntábanse: —"Por que nos deixou hoxe o Señor sufrir esta desfeita ante os filisteos? Levemos connosco de Xiloh a arca da alianza do Señor. Se vén El connosco, libraranos da man dos nosos inimigos". 4Mandaron, pois, xente a Xiloh, para que trouxesen de alí a arca da alianza do Señor dos exércitos, que ten o trono enriba dos querubíns. Coa arca da alianza de Deus ían os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás.
5Cando a arca da alianza do Señor chegou ó campamento, Israel botou un berro de guerra tan grande que a terra tremeu. 6Os filisteos que o oíron, preguntaban: —"Que é ese gran berro de guerra, no campamento dos hebreos?" Souberon que chegara ó campamento a arca do Señor 7e, mortos de medo, dicían: —"Entraron os deuses no campamento! Pobres de nós! Cousa coma ela aínda non acontecera. 8Pobres de nós! Quen nos librará agora da man de deuses tan podentes? Eles son os que feriron ós exipcios con tantas pragas e pestes. 9Coraxe, filisteos! Sede homes, para non convertervos en escravos dos hebreos, como eles o foron nosos. Sede homes e loitade!"
10Os filisteos botáronse ó combate e venceron ós israelitas, que fuxiron, cada un para á súa tenda. Foi unha grave desfeita. Da infantería de Israel caeron trinta mil homes. 11A arca de Deus foi capturada e morreron os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás.
12Un home benxaminita saíu correndo do campo da batalla e chegou no día a Xiloh, coas vestiduras rachadas e a cabeza cuberta de po. 13Entrou onda Elí e atopouno sentado na cadeira, onda a porta, enxergando a carreira, pois tremíalle o corazón pola arca de Deus.
O home entrara coa súa noticia na cidade e a xente toda berraba. 14Cando Elí oíu aqueles berros, preguntou: —"Que barullo é ese?" O tempo, o home entraba correndo onda Elí para darlle a noticia. 15Elí cumprira noventa e oito anos; tiña os ollos ríxidos e xa non podía ver.
16O home díxolle: —"Eu son o que chegou hoxe do campo da batalla". E el preguntoulle: —"Que pasou, meu fillo?" 17O mensaxeiro respondeulle: —"Os israelitas fuxiron diante dos filisteos e o exército sufriu a meirande desfeita. Morreron os teus dous fillos, Hofní e Pinhás, e a arca de Deus foi capturada".
18En dicindo o home a arca de Deus, Elí caeu da cadeira cara atrás, ó pé da porta, descrocouse e morreu. Era vello e estaba torpe. Fora xuíz de Israel corenta anos.
19A súa nora, a muller de Pinhás, estaba embarazada, preto da hora de parir. En oíndo a noticia de que a arca de Deus fora capturada e de que morreran o seu sogro e o seu home, sentiu as dores do parto, engruñouse e pariu.
20Estando á morte, as mulleres que a asistían, dicíanlle: —"Non teñas medo. Pariches un fillo". Pero ela non respondeu, nin tan sequera se decatou. 21O neno puxéronlle o nome de Icabod, querendo dicir: —"Foi desterrada a gloria de Israel, pola captura da arca de Deus e pola morte do sogro e do home". 22E repetían: —"Foi desterrada a gloria de Israel ó capturaren a arca de Deus".
Currently Selected:
1 Samuel 4: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT