YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 3

3
Vocación de Samuel
1O neno Samuel estaba ó servizo do Señor, ás ordes de Elí. A palabra do Señor era escasa, daquela, e non abundaban as visións.
2Un día estaba Elí sentado no sitio de costume. Os seus ollos debilitáranse e non podía case ver. 3Non se apagara aínda a lámpada de Deus e Samuel xacía deitado no santuario do Señor, onde estaba a arca de Deus.
4O Señor chamou por Samuel e este respondeulle: —"Aquí estou". E, coa mesma, foi correndo onda Elí e díxolle: —"Aquí veño, pois chamáchesme". 5Elí díxolle: —"Eu non te chamei. Volve deitarte". E Samuel foise deitar.
6O Señor chamou de segundas por Samuel. Samuel ergueuse e foi onda Elí, dicindo: —"Aquí estou, pois chamáchesme". —"Eu non te chamei, meu fillo", dixo el. —"Volve deitarte". 7Samuel non coñecía aínda o Señor, pois a palabra do Señor non se lle revelara aínda.
8O Señor chamou por terceira vez a Samuel, quen se ergueu e foi axiña onda Elí: —"Aquí estou, pois chamáchesme". Entón decatouse Elí de que era o Señor quen chamaba ó rapaz. 9Elí díxolle a Samuel: —"Vaite deitar, e se te chama, dirás: Fala, Señor, que o teu servo escoita". Samuel marchou e deitouse no seu sitio.
10O Señor presentouse, chamando, coma as outras veces: —"Samuel, Samuel!" E Samuel dixo: —"Fala: o teu servo escóitate". 11E o Señor díxolle a Samuel: —"Mira, estou por facer en Israel unha cousa, que abouxará os oídos dos que a oian. 12Ese día cumprirei en Elí, do comezo á fin, o que lle teño dito en contra da súa familia. 13Anuncieille que condenaba a súa familia para sempre, polo pecado de que, sabendo que os seus fillos maldicían a Deus, el non lles rifaba. 14Por iso lle teño xurado á familia de Elí que o seu pecado non se expiará endexamais, nin con sacrificios nin con ofrendas".
15Samuel seguiu deitado ata a mañá, cando tiña que abrir as portas da casa do Señor. Samuel tiña medo de contarlle a Elí a súa visión. 16Pero Elí chamou por el: —"Samuel, meu fillo". E el respondeulle: —"Aquí estou". 17E el preguntoulle: —"Que foi o que che dixo? Non mo ocultes. Que Deus te castigue, se me encobres algunha cousa de todo o que che dixo". 18Samuel contoulle todo, sen ocultarlle cousa ningunha. Elí dixo entón: —"É o Señor. Que el faga o que lle pareza".
19Samuel ía crecendo; o Señor estaba con el e non deixou sen cumprimento ningunha palabra súa. 20Desde Dan a Beerxeba, todo Israel sabía que Samuel era un verdadeiro profeta do Señor.
21O Señor seguiu revelándose en Xiloh, pois era alí onde se revelaba pola súa palabra a Samuel.

Currently Selected:

1 Samuel 3: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for 1 Samuel 3