YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 2

2
Canto de Ana
1Ana dixo daquela esta oración:
—"O meu corazón alégrase no Señor,
érgome forte no meu Deus;
a miña boca rise dos meus inimigos,
porque celebro a túa salvación.
2Non hai santo coma o Señor!
Non hai rocha coma o noso Deus!
3Non botedes discursos altivos,
non saia arrogancia da vosa boca.
O Señor é un Deus ben sabedor,
el é quen pesa as accións.
4Os arcos dos fortes sofren quebra,
os febles énchense de valor;
5os fartos contrátanse polo pan,
mentres que os famentos descansan;
a que antes era estéril,
dá á luz sete veces;
a que antes se enchía de fillos,
agora vese baldeira.
6O Señor dá a morte e a vida,
afunde no abismo e saca de alí.
7O Señor enriquece e desposúe,
humilla e tamén engrandece.
8El ergue da lama ó humilde
e tira ó pobre da esterqueira,
para o sentar entre os príncipes
coma herdeiro dun trono de gloria;
pois do Señor son os alicerces da terra
e sobre eles asentou o universo.
9El garda os pasos dos seus amigos
e afunde ós malvados nas tebras,
que non é pola forza
como o home se impón.
10O Señor desbarata a quen se lle opón,
o Altísimo trona desde o ceo.
O Señor xulga os confíns da terra,
enche de vigor ó seu rei,
afirma no poder ó seu unxido".
11Elcanah retornou para a súa casa de Ramah, e o neno quedou ó servizo do Señor, ás ordes do sacerdote Elí.
Samuel e os sacerdotes elidas
12Os fillos de Elí eran xente de pouco valer. Non respectaban o Señor 13nin a súa obriga de sacerdotes do seu pobo. Cando alguén ofrecía un sacrificio, mentres a carne se cocía, viña o criado do sacerdote, co garfo de tres dentes na súa man, 14espetábao no caldeiro, na cazola, no pote ou tarteira, e todo o que a forca sacaba, leváballo ó sacerdote. Iso era o que facían con todos os israelitas que chegaban a Xiloh.
15Aínda co lardo sen queimar, viña o criado do sacerdote e dicíalle a quen ofrecía o sacrificio: —"Dáme a carne para o asado do sacerdote. El non che admitirá carne cocida, senón crúa". 16Se o home lle dicía: —"Hai que queimar primeiro o lardo; despois colle o que se che antolle"; el respondíalle: —"Non, dáma agora; se non, collereina pola forza". 17O pecado daqueles criados era grave ós ollos do Señor, porque a xente aborrecía as ofrendas do Señor.
18O pequeno Samuel, pola súa parte, estaba ó servizo do Señor, cinguido cunha faixa de liño. 19A súa nai facíalle todos os anos unha túnica e leváballa, cando subía co seu home ofrecer o sacrificio anual.
20Elí bendicía a Elcanah e á súa muller, e agoiráballes: —"Que o Señor che conceda descendencia por esta túa muller, en pagas da que ela lle cedeu ó Señor". Despois volvían para a súa casa. 21O Señor visitou a Ana, que concibiu e pariu tres fillos e dúas fillas. O neno Samuel, namentres, medraba na presenza do Señor.
22Sendo Elí xa moi vello, oía o que facían os seus fillos coa xente de Israel e como se deitaban coas mulleres que prestaban servizo á entrada da Tenda do Encontro. 23E dicíalles: —"Como é que facedes esas cousas? A xente toda fálame do voso mal comportamento. 24Non, fillos; non está ben o que me contan, pois dese xeito afastades o pobo do Señor. 25Se un home ofende a outro home, Deus xulgará entre os dous; pero se ofende ó Señor, quen avogará por el?" Mais eles non lle facían caso a seu pai, porque o Señor decidira que morresen. 26Pola súa parte, o neno Samuel seguía medrando, querido polo Señor e polos homes.
Un profeta anuncia a fin do sacerdocio de Xiloh
27Un home de Deus chegou onda Elí para anunciarlle: —"Isto di o Señor: Non me revelei eu á familia do teu pai, cando estaban aínda en Exipto, escravos do faraón? 28Non o escollín a el, de todas as tribos de Israel, para que fose o meu sacerdote, subise ó meu altar, queimase o meu incenso e levase o efod diante de min? A familia de teu pai concedinlle unha parte nas oblacións dos israelitas.
29Por que, logo, pisades o sacrificio e a oblación que eu mandei facer na miña morada? Por que aprecias os teus fillos máis ca a min, deixándoos que se ceben co mellor das ofrendas do meu pobo Israel?
30Por iso, isto di o Señor, Deus de Israel: Eu tíñalles dito á túa familia e á familia do teu pai que servirían no meu santuario para sempre; mais agora, palabra do Señor, que non será. Pois eu honro ós que me honran, pero os que me desprezan veranse desprezados.
31Está vindo o día no que eu tronzarei o teu brazo e o brazo da familia de teu pai: Ninguén na túa familia chegará á vellez. 32Ti verás con envexa o ben que eu lle farei a Israel; pero na túa familia non haberá nunca un vello.
33Non arrincarei todos os teus de onda o meu altar, mentres non se ensuman os teus ollos e o teu espírito esmoreza; pero os máis da túa familia morrerán pola man dos homes. 34Sírvache de sinal o que lles vai vir ós teus dous fillos, Hofní e Pinhás: morrerán os dous no mesmo día.
35Eu escollerei un sacerdote fiel, que faga o que eu quero e desexo. Dareille unha familia duradeira e camiñará sempre en conformidade co meu unxido. 36Os que sobrevivan da túa familia iranse postrar diante del, por unha moeda de prata e un anaco de pan, e pediranlle: emprégame en calquera función sacerdotal, para ter algo que comer".

Currently Selected:

1 Samuel 2: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in