1 Samuel 25
25
David, Nabal e Abigail
1Samuel morreu e todo Israel se xuntou para choralo. Enterrárono en Ramah na súa propiedade. Despois diso David baixou cara ó deserto de Maón.
2En Maón había un home que tiña os seus eidos en Carmel. Era moi rico. Tiña tres mil ovellas e mil cabras. Fora a Carmel para tosquiar as súas ovellas. 3Chamábase Nabal e a súa muller Abigail. A muller era asisada e belida; pero o home, un calebita, era áspero e retorto.
4David oíu no deserto que Nabal facía o tosquiado das ovellas 5e mandou vinte homes coa encomenda: —"Subide a Carmel, chegádevos onda Nabal e saudádeo da miña parte. 6Dicídelle: Saúde! A paz contigo, coa túa familia e con toda a túa facenda.
7Souben que andas no tosquiado. Ora os teus pastores estiveron connosco e nós nunca os molestamos nin lles faltou cousa ningunha, mentres estiveron connosco en Carmel. 8Pregúntallelo ós teus criados, que eles cho dirán. Atende, logo, benevolamente ós meus homes, xa que chegamos nun día de ledicia e dálles ós teus servos e ó teu fillo David o que teñas á man".
9Chegados os homes de David onda Nabal, repetíronlle esas palabras no nome de David e quedaron á espera. 10Pero Nabal respondeulles: —"Quen é David e quen o fillo de Ixaí? Hoxe abundan os escravos que foxen de onda os seus amos. 11Seica vou coller eu o meu pan e a miña auga e as ovellas que matei para os meus tosquiadores e darllos a unha x ente que nin sei de onde vén?" 12Os homes de David deron volta polo mesmo camiño e, en chegando, contáronllo todo palabra por palabra.
13David ordenoulles entón: —"Cinguídevos cada un a vosa espada". E todos cinguiron as espadas, o mesmo David coma os seus homes. Catrocentos deles subiron, seguindo a David, e douscentos quedaron gardando a equipaxe.
14Un dos criados avisou a Abigail, a muller de Nabal: —"Mira que David mandou desde o deserto mensaxeiros, que saudaran ó noso amo e este tratounos mal. 15Eles, pola súa parte, tíñannos tratado sempre ben; nunca nos molestaron, nin nos faltou cousa ningunha, mentres nós estivemos fóra. 16Foron a nosa defensa, de noite e de día, todo o tempo en que estivemos preto deles gardando os rabaños. 17Pensa, logo, que podes facer, porque a desgraza do noso amo e da súa familia está xa decidida, ó ser el un parvo que non atende a razóns".
18Abigail, a toda présa, colleu douscentos pans, dous pelellos de viño, cinco cordeiros cocidos, cinco tegas de gran torrado, cen acios de uvas pasas e duascentas tortas de figos e carrexou todo en burros. 19E díxolles ós criados: —"Ide diante de min; eu seguireivos". O seu home Nabal non lle dixo nada.
20Ia a cabalo do burro, baixando, ó amparo do monte. David e os seus homes baixaban na súa dirección e atopáronse con ela. 21David ía cismando: —"Perdín o tempo gardando as habenzas dese no deserto. Non lle faltou cousa ningunha e agora págame mal por ben. 22Que Deus castigue a David, se mañá deixo con vida un só dos homes de Nabal".
23En canto Abigail viu a David, baixouse ás présas do burro e prostrouse diante del co rostro cara ó chan. 24Axeonllada ós seus pés, díxolle: —"Que a culpa, señor, recaia sobre min. Pero permite á túa serva que che fale; escoita as palabras da túa serva. 25Que o meu señor non tome en serio a ese perverso de Nabal, pois, como di o seu nome, Nabal é un parvo, no que a necidade se acubilla. A túa serva non viu eses homes que ti, meu señor, mandaches.
26Agora, meu señor, polo Señor e pola túa vida! O Señor impediu que chegases a verter sangue e que colleses a xustiza pola man. Que se vexan coma Nabal os teus inimigos e os que tentan facerche mal. 27Rógoche que este agasallo, que a túa serva lle trouxo ó meu señor, sexa repartido entre os homes que seguen ó meu señor. 28Pídoche que perdoes o erro da túa serva. Certamente o Señor halle dar ó meu señor unha familia duradeira. Xa que o meu señor pelexa nas guerras do Señor, o mal non te acadará en toda a túa vida.
29Se alguén se erguese perseguíndote coa intención de matarte, a vida do meu señor está gardada no acio dos que viven co Señor, o teu Deus, mentres a vida dos teus inimigos será posta no coiro da fonda. 30Cando o Señor cumpra co meu señor todo o ben que lle prometeu e o teña establecido por rei de Israel, 31que o meu señor non teña o pesar nin o remorso de conciencia de verter sangue sen razón e de tomar a xustiza pola man. Cando o Señor te colme de bens, lémbrate da túa serva".
32David respondeulle a Abigail: —"Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, que te mandou neste intre ó meu encontro. 33Bendito sexa o teu xuízo e bendita ti, que me impediches hoxe verter sangue, 34pois, pola vida do Señor, Deus de Israel, que me impediu facerche mal, que se non viñeses con tanta présa ó meu encontro, non lle quedaría a Nabal un só home ó lumbrigar do día". 35David tomou da súa man o que ela lle trouxera e logo díxolle: —"Sube en paz á túa casa. Ves que fago o que me pediches e que che teño consideración".
36Cando Abigail chegou onda Nabal, encontrouno celebrando unha esmorga de rei na súa casa. Tiña contento o corazón e estaba moi chispo. Ata ó amencer ela non lle dixo unha palabra, nin máis alta nin máis baixa. 37Pola mañá, cando xa o viño saíra de Nabal, ela contoulle o que pasara. A Nabal paralizóuselle o corazón dentro do peito e quedou coma unha pedra. 38Dez días despois, o Señor feriu a Nabal e este morreu.
39Cando soubo David que morrera Nabal, exclamou: —"Bendito sexa o Señor, que me fixo xustiza da aldraxe que me fixera Nabal e que librou a este seu servo de facer mal, mentres fixo caer a maldade de Nabal sobre a súa propia cabeza". Despois David mandou dicir a Abigail que quería que fose a súa muller.
40Os criados de David chegaron a Carmel onda Abigail e propuxéronlle da súa parte: —"David mándanos onda ti, pedirche que sexas a súa muller". 41Ela deitouse no chan e respondeulles: —"Aquí está a túa serva, disposta a lavar os pés dos criados do meu señor".
42E axiña ergueuse, montou no burro e, acompañada de cinco criadas que a servían, marchou cos mensaxeiros de David e foi a súa muller. 43David casou tamén con Ahinoam de Iezrael. As dúas foron as súas mulleres. 44Xaúl, polo outro lado, déralle por muller a súa filla Micol, muller de David, a Paltí, fillo de Láix de Galim.
Currently Selected:
1 Samuel 25: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT