1 Samuel 24
24
No deserto de En-Guedí
1David marchou de alí e asentouse nos refuxios de En—Guedí. 2Cando voltaba Xaúl de perseguir os filisteos, informárono: —"David está no deserto de En—Guedí". 3Entón colleu Xaúl tres mil soldados escolleitos de todo Israel e foise en busca de David e dos seus homes por fronte dos rochedos de Ielim.
4Chegaron onda os currais de ovellas que hai á beira do camiño, onde había unha cova, e Xaúl entrou nela para facer as necesidades, cando David e os seus homes estaban no fondo da cova. 5Os homes dixéronlle a David: —"Este é o día do que che falou o Señor: eu poreiche nas mans o teu inimigo. Fai con el o que mellor che pareza". David ergueuse caladamente e cortoulle a Xaúl un anaco do manto.
6Despois diso a David latexáballe con forza o corazón por cortar o anaco do manto de Xaúl 7e díxolles ós seus homes: —"Deus me libre de facerlle ó meu señor, o unxido de Deus, unha cousa así, coma pór enriba del a miña man, sendo como é o unxido do Señor". 8Con esas palabras David contivo os seus homes e non deixou que se botasen a Xaúl.
9Logo que Xaúl saíu da cova e colleu o camiño, tamén David saíu da cova detrás del e berroulle: —"Rei, meu señor!" Xaúl volveu a vista atrás e viu a David baixando a cabeza e prostrándose polo chan.
10David díxolle: —"Por que lles dás creto ós que che din: mira que David busca o teu mal? 11Cos teus mesmos ollos puideches hoxe ver que o Señor te entregou nas miñas mans dentro da cova. Dixéronme que te matase, pero eu respecteite pensando: non erguerei as miñas mans contra o meu señor; el é o unxido do Señor. 12Olla, meu pai, e mira aquí na miña man un anaco do teu manto. Se cortei un anaco do teu manto e non te matei, podes ver que nas miñas mans non hai traizón nin maldade. Eu non che faltei en nada e ti andas á caza da miña vida para quitarma.
13Sexa o Señor o noso xuíz e que el me vingue de ti. Pero a miña man non se erguerá contra ti. 14Como di o vello refrán: dos malvados sae a maldade. Pero a miña man non se erguerá contra ti. 15Tras de quen anda o rei de Israel? A quen está perseguindo? A un can morto, a unha pulga. 16Que xulgue e decida o Señor entre ti e min; que vexa El e defenda a miña causa; que El me faga xustiza, librándome da túa man".
17Cando acabou David de dicir esas palabras, Xaúl exclamou: —"David, meu fillo, é esa a túa voz?" E rompeu en saloucos. 18Despois díxolle: —"Ti es máis xusto ca min, pois ti págasme con bens e eu correspóndoche con males. 19Hoxe mostraches ben a túa bondade comigo: o Señor púxome nas túas mans e ti non me mataches. 20Se un se atopa co seu inimigo, deixarao marchar en paz? 21Que o Señor che pague a bondade que hoxe mostraches comigo.
Agora sei certamente que ti chegarás a ser rei, que o reino de Israel se consolidará nas túas mans. 22Xúrame, logo, polo Señor que non anicarás os meus descendentes tras de min, nin borrarás o meu nome da casa de meu pai". 23David xuroullo. Despois volveuse Xaúl para a súa casa e David subiu ó refuxio cos seus homes.
Currently Selected:
1 Samuel 24: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT