YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 26

26
David perdóalle outra vez a vida a Xaúl
1Os de Zif foron a Gueba, onda Xaúl, para dicirlle: —"Non sabes que David se acocha no outeiro de Haquilah, enfronte de Ieximón?" 2Xaúl baixou, ó momento, ó deserto de Zif con tres mil homes escolleitos de Israel para buscar alí a David. 3Xaúl acampou no outeiro de Haquilah enfronte de Ieximón á beira do camiño.
Cando David, que vivía no deserto, viu que Xaúl viña ó deserto detrás del, 4mandou espías que se informasen do sitio onde acampaba. 5Logo achegouse David mesmo ó campamento de Xaúl e viu o posto onde se deitaban Xaúl e mais Abner, fillo de Ner, xeneral do exército. Xaúl deitábase e durmía no cercado dos carros coa tropa ó redor del.
6Entón preguntoulle David a Ahimélec, o hitita, e a Abixai, fillo de Seruiah, irmán de Ioab: —"Quen quere baixar comigo ó campamento de Xaúl?" Abixai respondeulle: —"Baixo eu". 7David e Abixai chegaron de noite ó campamento e viron que Xaúl estaba deitado, durmindo, no cercado, coa lanza cravada no chan, á súa cabeceira. Abner e o exército estaban deitados ó redor.
8Abixai díxolle a David: —"Hoxe púxoche Deus o teu inimigo nas túas mans. Agora déixame que o crave dun golpe de lanza contra o chan. Non cumprirá repetilo". 9David respondeulle a Abixai: —"Non quero que o mates. Quen poñería a man impunemente sobre o unxido do Señor?"
10E engadiu: —"Pola vida do Señor, que será el quen o fira, ou porque lle chegou a hora de morrer, ou porque acabe caendo na guerra. 11Deus me libre de pó—la miña man sobre o unxido do Señor. Agora colle a lanza, que está á súa cabeceira, e a xerra da auga e vámonos". 12David colleu a lanza e a xerra da auga de onda a cabeceira de Xaúl e fóronse sen que ninguén os vise, nin se decatase, nin espertase. Estaban todos durmidos, coma se un sono do Señor caese riba deles.
13David pasou para a outra banda e detívose no cume do monte deixando un longo treito entremedias. 14E berrou cara á tropa de Abner, fillo de Ner: —"Respondes ou non, Abner?" E Abner preguntou: —"Quen es ti que berras cara ó rei?" 15David díxolle a Abner: —"Seica non es ti un home? Mais quen hai coma ti en Israel? Por que non gardabas, logo, ó rei, o teu señor, cando un do pobo entrou para matalo? 16O que fixeches non está ben. Pola vida do Señor, que mereces a morte, por non protexer o voso señor, o unxido do Señor. Ora mira onde está a lanza do rei e a xerra da auga que tiña á cabeceira".
17Xaúl recoñeceu a voz de David e preguntoulle: —"David, meu fillo, é esa a túa voz?" E el respondeulle: —"A mesma, rei, meu señor". 18E engadiu: —"Por que o meu señor persegue ó seu servo? Que é o que fixen e que delito hai nas miñas mans?
19Que o rei meu señor queira escoitar agora a palabra do seu servo. Se é o Señor o que te incita contra min, que el agree o recendo dunha ofrenda; mais, se son os homes, malditos sexan diante do Señor, porque me están arredando da miña parte no herdo do Señor, dicíndome que vaia servir a outros deuses. 20Que o meu sangue non caia polo chan, lonxe da presenza do Señor. O rei de Israel saíu á caza dunha pulga, coma quen vai á caza da perdiz polas montañas".
21Xaúl dixo: —"Pequei. Volve, David, meu fillo. Non seguirei facéndoche mal, pois ti respectaches hoxe a miña vida. Comporteime coma un parvo. Estaba moi enganado". 22David respondeulle: —"Aquí está a lanza do rei. Que veña un dos teus homes recollela.
23Que o Señor lle teña en conta a cada un a súa xustiza e a súa lealdade. Hoxe púxote El nas miñas mans; pero eu non ousei erguelas contra o unxido do Señor. 24E como eu valorei hoxe a túa vida, que valore o Señor a miña e me libre de todos os apuros". 25Xaúl díxolle a David: —"Bendito sexas, David, meu fillo. En todo o que te propoñas, terás éxito". Despois diso, David seguiu o seu camiño e Xaúl volveuse ó seu lugar.

Currently Selected:

1 Samuel 26: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in