1 Samuel 23
23
David en Queilah
1Comunicáronlle a David: —"Os filisteos atacan Queilah e saquean as súas eiras". 2David consultoulle ó Señor: —"Debo subir e baterme con eses filisteos?" O Señor respondeulle: —"Vai. Vencerás os filisteos e salvarás Queilah". 3Pero os homes de David dixéronlle: —"Ves que, mesmo aquí, en Xudá, nós temos medo, canto máis se nos levas a Queilah contra as hostes dos filisteos".
4David volveu consultar o Señor e o Señor respondeulle: —"Vai, baixa a Queilah, pois vouche poñer nas mans os filisteos". 5David foi a Queilah cos seus homes, loitou contra os filisteos, colleulles os seus rabaños e inflixiulles unha grave desfeita. Daquela salvou David ós veciños de Queilah. 6Abiatar, fillo de Ahimélec, que fuxira para onda David e que fora con el a Queilah, levaba consigo o efod.
7Informaron a Xaúl de que David chegara a Queilah e pensou: —"Deus pono nas miñas mans, pois, meténdose nunha cidade con portas e ferrollos, encérrase a si mesmo". 8Xaúl convocou á guerra a todo o exército, a fin de baixar a Queilah e pórlle o cerco a David e ós seus homes.
9O saber David que Xaúl estaba tramando a súa perdición, díxolle ó sacerdote Abiatar: —"Trae aquí o efod". 10E David consultou: —"Señor, Deus de Israel, o teu servo oíu dicir que Xaúl decidiu vir a Queilah e arrasar, por culpa miña, a cidade. 11Señor, Deus de Israel, baixará Xaúl, conforme o teu servo oíu dicir? Respóndelle ó teu servo". O Señor respondeulle: —"Baixará". 12David preguntou: —"Entregarannos, os donos de Queilah, a min e ós meus homes, nas mans de Xaúl?" E o Señor respondeulle: —"Entregaranvos".
13Entón David e os seus homes, en número duns seiscentos, saíron de Queilah e camiñaron por onde lles pareceu. Informaron a Xaúl de que David fuxira de Queilah e desistiu da súa expedición.
Xaúl tras de David no deserto de Zif
14David refuxiouse no ermo e morou na montaña do deserto de Zif. Xaúl andaba todos os días na súa busca pero Deus non o deixou caer nas súas mans. 15Estando en Horex, no deserto de Zif, David tivo medo, pois soubo que Xaúl saíra para matalo.
16Ionatán, fillo de Xaúl, chegouse a Horex, onda David, para fortalecerlle a confianza en Deus. 17Díxolle: —"Non teñas medo. A man de meu pai Xaúl non te tocará. Ti serás rei de Israel e eu serei o teu segundo. Sábeo mesmo o meu pai Xaúl". 18E fixeron os dous un pacto diante do Señor. Despois David quedou en Horex e Ionatán tornou para a súa casa.
19Algúns homes de Zif subiron a Guibah, onda Xaúl, e informárono: —"David escóndese onda nós, nos refuxios de Horex, no alto de Haquilah, ó sur de Ieximón. 20Xa que logo, rei, baixa, se queres. Entregalo nas mans do rei queda da nosa conta".
21Xaúl díxolles: —"Que o Señor volo pague, pois compadecéstesvos de min. 22Ide e asegurádevos. Informádevos e vede por onde anda e quen son os que o viron por alí, pois dixéronme que é home moi arteiro. 23Rexistrade os recunchos onde se esconde e volvede cos datos precisos. Entón irei eu convosco e, se se encontra nesa bisbarra, buscareino entre todas as familias de Xudá".
24Eles colleron entón e fóronse a Zif, adiantándose a Xaúl. David retirárase cos seus homes cara ó deserto de Maón, na estepa, ó sur de Ieximón. 25Xaúl púxose a buscalo cos seus homes. Pero informaron diso a David e baixou para onda os penedos que hai no deserto de Maón. Cando Xaúl o soubo, foi polo deserto adiante, perseguíndoo. 26Xaúl ía por un lado do monte e David cos seus homes polo outro. David ía de présa, para escapar de Xaúl, e Xaúl cos seus homes cercaba a David e ós seus, para atrapalos.
27Estando niso, chegoulle unha mensaxe a Xaúl: —"Vén de seguida, que os filisteos están invadindo o país". 28Xaúl entón deu a volta e deixou de perseguir a David, para ir e saírlles ó paso ós filisteos. Por iso se lle chamou a aquel sitio rocha da separación.
Currently Selected:
1 Samuel 23: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT