1 Samuel 20
20
David e Ionatán
1David fuxiu de Naiot de Ramah e foille dicir a Ionatán: —"Que é o que fixen e en que lle faltei a teu pai, para que queira matarme?" 2Ionatán respondeulle: —"De ningunha maneira! Ti non morrerás. Sabes que meu pai non fai cousa ningunha, nin grande nin pequena, sen dicirmo a min. Por que me ía ocultar agora isto? Non é posible!" 3Mais David insistiu: —"Teu pai sabe moi ben que eu che caín en graza e pensará: Que non saiba isto Ionatán para que non se entristeza. Pero, pola vida do Señor e pola túa vida, que estou a un paso da morte".
4Ionatán díxolle a David: —"Que queres que faga por ti? Estou disposto a facelo". 5David díxolle a Ionatán: —"Mañá é lúa nova e eu terei que sentarme a comer á mesa do rei. Déixame que marche e me esconda nas aforas, ata pasado mañá á tarde. 6Se teu pai me bota de menos, ti diraslle: David pediume permiso para facer unha escapada á súa cidade de Belén, pois a súa familia celebra alí o sacrificio anual. 7Se el che di que está ben, estou a salvo; pero, se se enfada, de seguro que ten decidido algo malo.
8Ti móstrate bo co teu servo, pois vinculáchesme contigo por un pacto diante do Señor. Se atopas en min iniquidade, mátame ti mesmo. Para que esperar a levarme onda teu pai?" 9Ionatán respondeulle: —"Líbreme Deus! Se chegase a saber que meu pai ten decidido o peor para ti, non cho ía dicir?" 10David preguntoulle a Ionatán: —"E quen me informará, no caso de que teu pai che dea unha mala resposta?" 11Ionatán díxolle a David: —"Ven, vamos fóra. E saíron os dous ó campo".
12Ionatán díxolle a David: —"Polo Señor, Deus de Israel, que mañá, destas horas, xa darei sabido se meu pai está ou non de boas con David, e mandarei que che dean o recado. 13E se non, que o Señor castigue a Ionatán. Se meu pai ten decidido o mal para ti, eu fareicho saber. Despedireite e iraste en paz. E que o Señor vaia contigo, como estivo con meu pai. 14Se entón eu vivo aínda, mostra comigo a bondade do Señor; e se morrín, 15non deixes nunca de ser bo coa miña familia. Cando borre o Señor da face da terra os inimigos de David, 16que non sexa borrado da súa casa o nome de Ionatán. Que o Señor lles pida contas ós inimigos de David". 17E Ionatán renovoulle a David o xuramento, polo amor que lle tiña, pois queríalle coma a si mesmo.
18Despois díxolle Ionatán: —"Mañá é lúa nova e, ó ver baleiro o teu asento, botarante de menos. 19Pasado mañá será aínda peor. Ti vai a onde te escondiches da outra vez e queda alí, onda a pedra de Ézel. 20Eu dispararei tres frechas para ese lado, coma quen tira ó branco, 21e logo mandarei o criado cara a ti, para que colla as frechas. Se lle digo ó criado: Mira que as frechas están para acó de ti: cólleas, entón ti podes vir; estás salvado; non pasa nada, pola vida do Señor. 22Pero, se lle digo ó rapaz: Mira que as frechas están para alá de ti, entón vaite, pois é o Señor quen te manda. 23Tocante á promesa que media entre nosoutros dous, o Señor estará para sempre entre nós".
24David escondeuse na campía. Chegada a lúa nova, o rei púxose á mesa para comer. 25O rei sentouse onda sempre na cadeira de onda a parede, Ionatán enfronte del e Abner á beira de Xaúl. O asento de David quedou baleiro.
26Aquel día Xaúl non dixo nada, pois pensou: será casualidade. Quizais non está puro ou non puido purificarse. 27O día seguinte, o segundo do mes, o asento de David seguía baleiro e Xaúl preguntoulle ó seu fillo Ionatán: —"Por que, nin onte nin hoxe, veu comer o fillo de Ixaí?" 28Ionatán respondeulle: —"Pediume permiso apresurado para achegarse a Belén. Díxome: 29Déixame ir, pois a familia celebra na cidade o sacrificio anual e os meus irmáns dixéronme que fose. Se merezo o teu favor, déixame que me chegue alí correndo, para visitar os meus irmáns. Por iso non está á mesa do rei".
30Xaúl alporizouse e díxolle a Ionatán: —"Fillo de zorra, xa sabía eu que es amigo do fillo de Ixaí, para vergonza túa e para vergonza de túa nai. 31Mentres o fillo de Ixaí siga con vida na terra, non estades seguros nin ti nin o teu reino. Agora manda que o traian onda min, pois merece a morte". 32Ionatán respondeulle a seu pai: —"Por que ten que morrer? Que é o que fixo?" 33Xaúl brandiu a lanza contra el para matalo e Ionatán comprendeu que seu pai tiña decidida a morte de David.
34Ionatán ergueuse da mesa anoxado, sen probar bocado aquel día, o segundo do mes, aflixido porque seu pai aldraxara a David. 35Pola mañá saíu ó campo cun rapaz pequeno canda el á hora que conviñera con David.
36Ionatán díxolle ó criado: —"Corre coller as frechas que eu tire". O criado foi correndo e el tirou unha frecha, que pasou alén del. 37O criado buscaba o sitio da frecha que tirara Ionatán, e este berroulle: —"Está aí, máis aló de ti". 38E seguiulle berrando: —"Corre de présa; non te pares". O criado colleu a frecha e levoulla ó seu amo. 39O criado non sospeitou cousa ningunha. Pero Ionatán e David puideron entenderse.
40Ionatán deulle as súas armas ó criado e díxolle: —"Anda, lévaas á casa". 41E o criado marchou. David ergueuse de tras da pedra e prostrouse tres veces polo chan. Despois abrazáronse, chorando os dous, sobre todo David. 42Ionatán díxolle a David: —"Vaite en paz. E, conforme o xuramento que fixemos entre os dous, no nome do Señor, que o Señor estea entre nós e entre os nosos descendentes para sempre".
Currently Selected:
1 Samuel 20: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT