YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 19

19
Ionatán defende a David
1Xaúl faloulle ó seu fillo Ionatán e ós seus servidores de matar a David. Pero Ionatán, fillo de Xaúl, queríalle moito a David 2e avisouno, dicíndolle: —"Meu pai Xaúl trata de matarte. Anda, pois, con moito coidado. Pola mañá procúrate un tobo e acóchate. 3Cando saiamos, eu irei ó lado de meu pai, pola campía onde ti estás, falareille ó meu pai de ti, e, segundo vexa, informareite".
4Ionatán faloulle ó seu pai Xaúl en favor de David: —"Que o rei non faga dano ó seu servo David; el non che fixo dano a ti; ó contrario, todo o que fai é sempre no teu proveito. 5Xogou coa súa vida cando matou ó filisteo. Aquilo foi unha grande vitoria, que o Señor concedeu a todo Israel. Cando ti o soubeches, aledácheste ben. Por que te queres facer culpable dun sangue inocente matando a David sen motivo?"
6Xaúl fíxolle caso a Ionatán e xurou: —"Pola vida do Señor que non morrerá". 7Ionatán chamou a David e contoulle toda a conversa. Logo levou a David onda Xaúl e David quedou ó seu servizo, coma antes.
David salvado por Micol
8Estalou outra vez a guerra e David saíu a combater cos filisteos. Inflixiulles a gran desfeita e eles fuxiron diante del.
9O mal espírito mandado polo Señor apoderouse de Xaúl nun momento en que estaba sentado no seu pazo, coa lanza na man, e David tocando a arpa. 10Xaúl tratou de cravar a David coa lanza contra a parede pero David zafouse de Xaúl; a lanza cravouse na parede e David escapou, san e salvo.
11Aquela mesma noite mandou Xaúl mensaxeiros á casa de David para que o vixiasen e matalo pola mañá. A súa muller Micol avisou a David: —"Se non te pos a salvo esta mesma noite, mañá serás home morto". 12Micol desprendeuno por unha fiestra e el salvouse, fuxindo. 13Entón colleu Micol o ídolo caseiro e meteuno na cama; puxo á cabeceira un coxín de pelo de cabra e tapouno cun cobertor.
14Xaúl mandou mensaxeiros para que prendesen a David. Pero ela aclaroulles: —"Está malo". 15Xaúl mandou outros mensaxeiros que fosen buscar a David: —"Traédemo, mesmo do leito, porque o quero matar". 16Cando entraron os mensaxeiros, atoparon na cama o ídolo doméstico e un coxín de pelo de cabra á cabeceira.
17Xaúl díxolle a Micol: —"Por que me enganaches deste xeito deixando que o meu inimigo escapase?" Micol respondeulle a Xaúl: 18—"Porque el me ameazou: axúdame a escapar ou matareite". David salvouse fuxindo. Chegado a Ramah, onda Samuel, contoulle todo aquilo que Xaúl lle fixera. Despois fóronse, el e Samuel, e detivéronse en Naiot.
Xaúl cos profetas de Ramah
19Comunicáronlle a Xaúl: —"Sabe que David está en Naiot de Ramah". 20Xaúl mandou mensaxeiros que detivesen a David. O atopárense cunha tropa de profetas, que estaban profetizando, e Samuel presidíndoos, entrou o espírito de Deus nos mensaxeiros de Xaúl e puxéronse a profetizar eles tamén. 21Dixéronllo a Xaúl e mandou outros mensaxeiros, que se puxeron tamén a profetizar. Por terceira vez mandou Xaúl mensaxeiros, que se puxeron a profetizar eles tamén.
22Entón foi el mesmo a Ramah. O chegar onda a gran cisterna que hai en Secu, preguntou: —"Onde están Samuel e David?" E respondéronlle: —"Están en Naiot de Ramah". 23Xaúl foi a Naiot de Ramah. Apoderouse tamén del o espírito de Deus e camiñaba profetizando ata chegar a Naiot de Ramah. 24Espiuse el tamén da súa roupa e estivo profetizando ante Samuel, deitado e espido polo chan, todo aquel día e toda a noite. De aí veu aquel dito: —"Conque tamén Xaúl entre os profetas?"

Currently Selected:

1 Samuel 19: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in