YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 21

21
David cos sacerdotes de Nob
1David ergueuse e marchou e Ionatán volveu para a cidade. 2David chegou a Nob, onda o sacerdote Ahimélec. Ahimélec saíu inquedo ó seu encontro e preguntoulle: —"Como é que vés só, sen compaña de ninguén?" 3David respondeulle ó sacerdote Ahimélec: —"O rei envioume a un asunto e ordenoume: que ninguén saiba nada do asunto que che mando nin das ordes que che dei. Teño citados en certo sitio os meus homes.
4Agora dáme cinco pans, se os tes á man, ou o que teñas". 5O sacerdote respondeulle a David: —"Non teño á man pan común; dareiche pan consagrado, se os teus homes se gardaron do trato con mulleres". 6David díxolle ó sacerdote: —"Non. As mulleres estannos prohibidas, coma sempre que saímos de batida. Os corpos dos meus homes están limpos. Mesmo se esta saída é ordinaria, os homes hoxe están limpos". 7O sacerdote deulle o pan consagrado, xa que non había alí outro pan, fóra dos pans da presentación, que foran retirados da presenza do Señor, para por os quentes do día.
8Aquel día había alí un home dos servos de Xaúl, detido no santuario, que se chamaba Doeg, edomita, xefe dos pastores de Xaúl. 9David preguntoulle a Ahimélec: —"Non terás aquí, á man, unha lanza ou unha espada? Non traio comigo nin espada nin arma ningunha, porque a encomenda do rei era urxente". 10O sacerdote respondeulle: —"Teño a espada de Goliat, o filisteo que ti mataches no val de Elah. Aí está, envolta nun pano, tras do efod. Se a queres, cóllea, pois aquí, fóra desa, non hai outra". David respondeulle: —"Non a hai coma ela. Dáma".
David co rei Aquix de Gat
11David foi fuxindo aquel día da presenza de Xaúl e chegou onda Aquix, rei de Gat. 12Os servidores de Aquix comentaron con el: —"Non é ese David, o rei do país? Non era a el a quen lle cantaban en corro:
Xaúl matou os seus mil, pero David os seus dez mil?"
13David reparou naqueles comentarios e colleulle medo a Aquix, rei de Gat. 14Entón púxose a facer o tolo diante deles, para pasar por louco. Rabuñaba as portas cos dedos e deixaba esvarar o cuspe pola barba. 15Aquix díxolles entón ós seus serventes: —"Como vedes, este home está louco. Para que mo trouxestes aquí? 16Seica ando eu escaso de tolos, para que traiades a este facer toladas diante miña? Vai entrar este no meu pazo?"

Currently Selected:

1 Samuel 21: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in