1 Samuel 1
1
ELÍ E SAMUEL (1-3)
Un neno pedido e concedido
1Había un home de Ramataim, un sufita da montaña de Efraím, que se chamaba Elcanah, fillo de Ieroham, fillo de Elihú, fillo de Tohu, fillo de Suf, efrateo. 2Tiña dúas mulleres, unha chamada Ana e a outra Peninah. Peninah tivera fillos, mais Ana non tiña ningún.
3O home adoitaba subir, ano tras ano, desde a súa cidade, para adorar o Señor dos exércitos e ofrecerlle un sacrificio en Xiloh, onde estaban de sacerdotes do Señor os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás.
4Chegado o momento da oferta do sacrificio, Elcanah dáballe a Peninah as correspondentes racións, para ela e para cada un dos seus fillos e das súas fillas; 5pero a Ana dáballe só unha ración, pois, por máis que a quería, o Señor fixéraa estéril.
6Peninah asañábase con Ana e facíaa padecer, porque o Señor a fixera estéril. 7E iso pasaba ano tras ano. Cada vez que subían ó santuario do Señor, Peninah asañábase con ela, e ela choraba e non comía.
8Unha vez preguntoulle Elcanah, o seu home: —"Por que choras, Ana, e non comes? Por que estás aflixida? Seica non vallo eu para ti máis ca dez fillos?" 9Pero Ana, despois de comeren e beberen, alí en Xiloh, ergueuse e, mentres o sacerdote Elí estaba sentado na cadeira, á entrada do santuario do Señor, 10ela, coa alma chea de tristura, rezáballe ó Señor, chorando a todo chorar.
11Daquela fixo este voto: —"Señor dos exércitos, se te fixas no acoramento da túa serva e lle dás un filliño, eu cedereillo ó Señor por todos os días da súa vida, e a navalla non tocará na súa cabeza".
12Mentres ela abundaba nos seus rezos, diante do Señor, Elí observaba a súa boca. 13Como Ana falaba para si, movendo os beizos, pero sen que se oíse a súa voz, Elí pensou que estaba bébeda. 14E faloulle: —"Canto che vai durar a borracheira? Bota fóra ese viño".
15Pero Ana respondeulle: —"Non é iso, señor. Eu son unha muller que está aflixida. Non bebín viño nin cervexa. Estábame desafogando diante do Señor. 16Non tomes a túa serva por unha desvergoñada. Se falaba con xeito, era pola moita dor e polas coitas".
17Entón díxolle Elí: —"Vaite en paz, e que o Deus de Israel che conceda o que lle pediches". 18E ela respondeulle: —"Que a túa serva poida contar coa túa aprobación". A muller marchou e comeu, e non parecía xa a mesma.
19Pola mañá erguéronse cedo e foron prostrarse diante do Señor. Despois puxéronse de volta e chegaron a Ramah, á súa casa. Elcanah achegouse a Ana, súa muller, e o Señor acordouse dela. 20Ana embarazou e logo pariu un fillo, a quen lle puxo o nome de Samuel, porque llo pedira ó Señor.
A volta dun ano, 21o seu home Elcanah subiu con toda a familia ofrecer o sacrificio anual e cumprir a promesa. 22Pero Ana non subiu, aclarándolle ó seu home: —"Deixa que destete o neno. Entón levareino, presentareillo ó Señor, e que quede alí para sempre".
23O seu home Elcanah respondeulle: —"Fai como che pareza ben. Agarda, pois, a destetalo. E que o Señor apoie a túa promesa".
Ana quedou na súa casa, criando o seu fillo, ata que o destetou. 24Chegado ese momento, Ana subiu con el a Xiloh, ó santuario do Señor, levando consigo un becerro de tres anos, unha fanega de fariña e un pelexo de viño.
25Sacrificado o becerro, Ana presentoulle o neno a Elí, dicindo: 26—"Co teu permiso, señor. Pola túa vida, eu son aquela muller que estivo aquí, diante de ti, rezándolle ó Señor. 27Pedíalle este neno e o Señor concedeume o favor que lle pedía. 28Agora son eu quen llo cedo ó Señor para mentres viva. Será un cedido ó Señor". Despois diso adoraron o Señor.
Currently Selected:
1 Samuel 1: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT