1 Samuel 14
14
Fazaña de Ionatán
1Un día Ionatán, o fillo de Xaúl, díxolle ó seu escudeiro: —"Ven e acheguémonos ó posto dos filisteos naquela banda de alá". O seu pai non lle dixo nada. 2Xaúl estaba apostado nas aforas de Gueba, por baixo do granado de Migrón. Había coma seiscentos homes ó seu lado. 3Levaba o efod Ahías, fillo de Ahitub, irmán de Icabod, fillo de Pinhás, fillo de Elí, sacerdote do Señor en Xiloh. A xente non se deu conta da marcha de Ionatán.
4A valgada que Ionatán quería atravesar para chegar ó posto filisteo tiña por cada lado un saínte rochoso: un chamábase Bosés e o outro Séneh. 5O do norte miraba cara a Micmás e o do sur cara a Gueba.
6Ionatán díxolle ó seu escudeiro: —"Ven, acheguémonos ó posto deses incircuncisos. Quizais faga o Señor algo por nós, pois a el nada lle impide dar a vitoria, o mesmo ós moitos coma ós poucos". 7O escudeiro respondeulle: —"Fai o que che suxira o corazón. Eu estou aquí para o que ti queiras".
8Ionatán decidiu entón: —"Imos pasar onda eses homes deixando que eles nos vexan. 9Se nos din: alto aí, ata que cheguemos onda vós, nós ficaremos quedos e non subiremos ata onda eles. 10Mais se nos din: subide onda nós, nós subiremos, pois o Señor entréganolos nas mans. Ese será o sinal".
11Entón deixáronse ver polos filisteos, que dixeron: —"Mirade. Hebreos que saen dos tobos, onde se acochaban". 12E desde o posto berráronlles a Ionatán e ó seu escudeiro: —"Subide onda nós, que vos temos que dicir unha cousa".
Ionatán díxolle entón ó escudeiro: —"Sube detrás de min. O Señor vai entregalos nas mans de Israel". 13Ionatán subiu, agatuñando coas mans e cos pés, e o escudeiro detrás del. Os filisteos que caían diante de Ionatán rematábaos detrás o escudeiro.
14Nesa primeira batida que deron Ionatán e o seu escudeiro, morreron coma vinte homes en media fanega de terra. 15O medo invadiu a todo o exército filisteo, no campamento e no posto, mesmo ás forzas de combate. A terra estremeceu, collida dun sacro terror.
16Desde Gueba de Benxamín as sentinelas de Xaúl viron que as xentes filisteas rebulían e fuxían dun lado para o outro. 17Xaúl díxolles ós homes que o seguían: —"Pasade revista e vede quen dos nosos marchou". Pasaron revista e faltaban Ionatán e o seu escudeiro.
18Xaúl díxolle entón a Ahías: —"Trae aquí o efod". (Pois, daquela, levaba Ahías o efod en Israel). 19Mentres falaba Xaúl co sacerdote, no campamento filisteo medraba o barullo. Xaúl díxolle ó sacerdote: —"Aparta a túa man". 20Xaúl reuniu o seu exército, dirixiuse ó lugar do combate e viron ós filisteos nunha gran barafunda, erguendo a espada uns contra os outros.
21Os hebreos que desde antes pertencían ó exército filisteo e que subiran con el ó campamento, pasáronse ós israelitas de Xaúl e de Ionatán. 22E todos os homes de Israel, que estaban escondidos na montaña de Efraím, desde que oíron que os filisteos escapaban fuxindo, xuntáronse eles tamén cos que os ían perseguindo. 23Aquel día salvou o Señor a Israel. O combate seguiu ata Bet—Aven.
O voto de Xaúl
24Os homes de Israel estaban esgotados aquel día, porque Xaúl fixera sobre eles esta imprecación: —"Maldito o que probe bocado ata a tarde, primeiro de que eu me vingue dos meus inimigos". E ninguén probou bocado. 25Mais chegaron a un bosque onde había mel polo chan. 26Ao entraren no bosque, os soldados viron correr o mel; pero ninguén se atreveu a levalo coa man á boca por medo do xuramento.
27Ionatán non oíra que o seu pai impuxera ó pobo o xuramento. Tendeu a vara que tiña na man, molloulle a punta no mel e levouna á boca. Os ollos relucíronlle. 28Un dos soldados informouno: —"O teu pai impúxolle ó exército esta imprecación: maldito o que probe hoxe bocado, mesmo se a xente está fatigada". 29Ionatán respondeu: —"O meu pai fíxolle dano ó país. Vede como me brillan os ollos só porque probei ese chisco de mel. 30Se os soldados comesen dos despoxos que se lles colleron ós inimigos, non sería hoxe maior a desfeita dos filisteos?"
31Aquel día bateron nos filisteos desde Micmás ata Aialón; pero a xente acabou esfameada. 32Botaron man do botín, colleron ovellas, vacas e tenreiros, sacrificáronos no chan e comeron a carne co sangue.
33Déronlle aviso a Xaúl: —"Mira que o pobo peca contra o Señor comendo carne co sangue". Xaúl dixo: —"Iso é un pecado. Facede rodar para acó unha pedra grande". 34E dispuxo: —"Ide por entre a xente e dicídelle a cada un que traia aquí o seu boi e a súa ovella. Degolarédelos para comelos, e non pequedes contra o Señor, comendo a carne co sangue". Aquela noite cada un veu co que tiña e degolárono alí. 35Xaúl edificoulle un altar ó Señor. Foi o primeiro que edificou.
36Despois propuxo Xaúl: —"Baixemos tras dos filisteos esta noite. Saquearemos ata o amencer e que non quede sequera un". E respondéronlle: —"Fai o que che pareza!" Pero os soldados dixeron: —"Consultemos primeiro con Deus".
A consulta das sortes
37Xaúl consultou con Deus: —"Debo baixar en persecución dos filisteos? Entregaralos nas mans dos israelitas?" Pero non houbo resposta aquel día. 38Entón ordenou Xaúl: —"Acercádevos aquí os xefes todos do exército e pescudade quen cometeu hoxe un pecado. 39Porque, pola vida do Señor, salvador de Israel, que aínda que fose o meu fillo Ionatán, tería que morrer". Pero ninguén lle respondeu unha palabra.
40Xaúl díxolle entón ó exército israelita: —"Vós todos porédesvos dun lado e eu e o meu fillo Ionatán porémonos do outro". O exército respondeulle: —"Fai como che pareza". 41Entón Xaúl preguntoulle ó Señor: —"Deus de Israel, por que non respondes hoxe ó teu servo? Se somos culpables eu ou o meu fillo Ionatán, fai que saia urim, e se o é o exército de Israel, que saia tummim". E a sorte caeu en Ionatán e en Xaúl, quedando o exército libre.
42Xaúl mandou entón: —"Botade as sortes entre min e o meu fillo Ionatán". E tocoulle a Ionatán. 43Xaúl díxolle a Ionatán: —"Cóntame o que fixeches". Ionatán respondeulle: —"Probei un chisco de mel coa punta do pau que levaba na man. Estou pronto para morrer". 44Xaúl xurou: —"Que Deus me castigue, se non morres, Ionatán".
45Pero os soldados dixéronlle a Xaúl: —"Como vai morrer Ionatán, despois de acadar esta vitoria para Israel? De ningunha maneira! Vive o Señor que non caerá por terra un cabelo da súa cabeza, pois Deus obrou hoxe por el". Dese xeito o exército salvou a vida de Ionatán, que non morreu. 46Xaúl deixou de perseguir os filisteos, que tornaron para a súa terra.
Síntese do reino de Xaúl
47Desde que tomou posesión da realeza, Xaúl loitou contra os inimigos do arredor de Israel, os moabitas, os amonitas e os edomitas, o rei de Sobah e os filisteos. Por onde foi sempre venceu. 48Era home valente. Venceu ós amalecitas e librou a Israel dos que o tiñan asoballado.
49Os fillos que tivo, foron: Ionatán, Ixví e Melquixúa. Das súas dúas fillas, a máis vella chamábase Merab e a máis nova Micol. 50A súa muller chamábase Ahinoam, filla de Ahimaas. O xeneral do seu exército chamábase Abner, fillo de Ner, tío de Xaúl. 51O pai de Xaúl, Quix, e Ner, pai de Abner, eran fillos de Abiel. 52Durante todo o reinado de Xaúl houbo guerra cos filisteos. Todos os homes fortes e valentes que vía, Xaúl levábaos consigo.
Currently Selected:
1 Samuel 14: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT