1 Samuel 15
15
Xaúl vence ós amalecitas
1Samuel faloulle a Xaúl: —"O Señor mandoume que te unxise rei do seu pobo Israel. Xa que logo, escoita a palabra do Señor. 2O Señor dos exércitos di isto: Voulle pedir contas a Amalec do que fixo con Israel, atacándoo, cando este subía de Exipto. 3Vai, logo, pelexa contra Amalec, destrúe todo o que ten e non teñas dó del. Mátalle homes e mulleres, rapaces e nenos de peito, bois e ovellas, camelos e burros".
4Xaúl reuniu o exército e revistouno en Telaim. Eran douscentos mil de infantería e dez mil homes de Xudá. 5Xaúl acercouse ás cidades de Amalec e puxo trapelas nas congostras.
6Mandoulles dicir ós quenitas: —"Arredádevos de onda os amalecitas, para non arrasarvos canda eles, pois vosoutros tivestes dó dos israelitas, cando estes subían de Exipto". E os quenitas arredáronse de xunto os amalecitas.
7Xaúl venceu a Amalec, desde Havilah, segundo se vai para Xur, na fronteira, ó leste de Exipto. 8Colleu vivo a Agag, rei de Amalec, a todo o pobo pasouno polo coitelo. 9Xaúl e o seu exército perdoáronlles a vida a Agag e ás mellores ovellas e vacas, ó gando cebado, ós cordeiros e a todo o que era bo, e non os exterminaron. Só consagraron ó anatema o desprezable e de pouco valor.
Segunda condena de Xaúl
10Samuel recibiu, daquela, esta palabra do Señor: 11—"Pésame ter feito rei a Xaúl, pois anda afastado de min e non cumpre as miñas ordes". Samuel entristeceuse e pasou toda a noite clamando perante o Señor. 12Pola mañá ergueuse cedo para ir ó encontro de Xaúl. Pero entón informárono de que Xaúl marchara a Carmel, que levantara alí unha estela e que, despois, dera a volta e baixara a Guilgal.
13Samuel presentouse onda Xaúl e este díxolle: —"Que o Señor te bendiga. 14Cumprín o que mandara o Señor". Mais Samuel preguntoulle: —"E que son eses beos de ovella que oio e eses brúos de boi que sinto?" 15Xaúl respondeulle: —"Trouxéronos de onda Amalec. O exército perdooulle a vida ó mellor dos rabaños e dos gandos, para ofrecer sacrificios ó Señor, o teu Deus. O resto consagrámolo ó anatema".
16Samuel díxolle a Xaúl: —"Déixame que che anuncie o que esta noite me dixo o Señor". E el díxolle: —"Fala". 17Samuel dixo: —"Aínda que te consideres pequeno, ti es a cabeza das tribos de Israel, pois o Señor unxiute por rei de Israel. 18O Señor mandoute por este camiño, con esta orde: vai e consagra ó anatema ós amalecitas, pecadores; combáteos, ata acabares con eles.
19Por que non obedeciches ó Señor? Por que retiveches os espolios, facendo o que desagrada ó Señor?" 20Xaúl respondeulle a Samuel: —"Que non obedecín ó Señor? Eu fun polo camiño que el me sinalou; trouxen a Agag, rei de Amalec, e ós amalecitas consagreinos ó anatema. 21Se o exército colleu dos espolios ovellas e bois, a primicia do consagrado ó anatema, foi para ofrecer sacrificios en Guilgal ó Señor, o teu Deus".
22Samuel dixo entón:
—"Quere o Señor holocaustos e sacrificios ou prefire que o obedezan?
Certamente a obediencia vale máis cós sacrificios,
a docilidade, máis có lardo dos carneiros.
23A rebeldía é coma pecado de feiticeiros,
a teimosía, coma delito de idolatría.
Xa que ti rexeitaches a orde do Señor, o Señor rexéitate a ti coma rei".
24Xaúl confesoulle a Samuel: —"Pequei, traspasando o mandado do Señor e tamén a túa palabra. Tiven medo do exército e consentín no que pedía. 25Agora perdoa o meu pecado e dá a volta comigo, que quero adorar ó Señor". 26Samuel respondeulle: —"Non quero volver contigo. Xa que ti rexeitaches a orde do Señor, o Señor rexéitate a ti, para que non reines sobre Israel".
27Samuel deu a volta para marchar e Xaúl apreixoulle a punta do manto e esgazoullo. 28Samuel díxolle: —"O Señor arríncache hoxe o reino de Israel para darllo a outro mellor ca ti. 29O que é gloria de Israel non mente nin se volve atrás, pois non é un home para ter que arrepentirse". 30Xaúl dixo: —"Pequei. Pero salva a miña honra diante dos vellos do meu pobo e diante de Israel, e volve comigo, que quero adorar o Señor, o teu Deus". 31Samuel volveu con Xaúl e este adorou o Señor.
32Samuel ordenou despois: —"Traédeme a Agag, rei dos amalecitas". Cuberto de cadeas, Agag acercóuselle e dixo: —"A amargura da morte está pasando agora mesmo". 33Samuel respondeulle: —"Do xeito como a túa espada deixou mulleres sen fillos, agora queda coma elas sen fillos a túa nai". E Samuel esganouno en Guilgal na presenza do Señor.
34Samuel volveu para Ramah e Xaúl subiu para a súa casa, en Guibah de Xaúl. 35Samuel non volveu ver a Xaúl na súa vida. Pero estaba aflixido por el, porque lle pesara ó Señor facelo rei de Israel.
Currently Selected:
1 Samuel 15: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT