YouVersion Logo
Search Icon

Rut 4

4
O trato ás portas da vila
1Boaz subiu á porta da vila e sentouse alí. Velaquí que pasaba o redentor do que falara Boaz; e díxolle este: —"Oes, fulano! Fai favor, ven para acó e senta". E foi el, e sentou.
2E colleu Boaz a dez homes de entre os anciáns da vila e dixo: —"Sentade aquí". E sentaron.
3E díxolle ó redentor: —"Noemí, que volveu da chaira de Moab, puxo en venda a leira que era de noso irmán Elimélec. 4E eu resolvín: teño que llo facer saber...! Daquela dígoche: mércaa, diante dos veciños e diante dos anciáns do meu pobo, se queres de verdade facer de redentor. E se non vas facer de redentor, dimo, pois seica non hai antes ca ti outro responsable, e eu son o que te segue". E díxolle o outro: —"Redimo eu". 5E proseguiu Boaz: —"No día en que compres a leira das mans de Noemí, conseguirás tamén a Rut, a moabita —muller do finado—, para facer rexurdir o nome do morto na súa herdanza". 6E dixo o redentor: —"Non me é posible facer de protector sen danar a miña herdanza: que pase a ti a prioridade e ti redimirás, pois a min non me é doado redimir". 7(E este era antes o costume en Israel, no tocante á institución do redentor e ás permutas, para testemuñar calquera feito: o home quitaba o seu zapato e dáballo ó veciño; e isto servía de norma en Israel).
8E dixo o responsable a Boaz: —"Cómpraa ti". E quitou o zapato.
9Daquela dirixiuse Boaz ós anciáns e a todo o pobo deste xeito: —"Vós sodes hoxe as testemuñas de que compro das mans de Noemí todo o que era de Elimélec, e todo o de Quilión e de Mahlón. 10E tamén adquiro para min como muller a Rut a moabita, a muller de Mahlón, para facer rexurdir o nome do finado na súa herdanza, e que así non desapareza de entre os seus irmáns nin das portas do seu lugar. Vós quedades hoxe de testemuñas". 11E todo o pobo que estaba á porta, e mais os anciáns, dixeron: —"Testemuñas somos! Que o Señor faga á muller que entre na túa casa semellante a Raquel e mais a Lea, que edificaron elas dúas a casa de Israel!
Cobra forza en Efratah;
acada renome en Belén!
12e, pola descendencia que o Señor che dea desa moza, sexa a túa casa como a casa de Peres, o que lle xerou Tamar a Xudá".
O nacemento do neno
13Colleu Boaz a Rut e foi a súa esposa; uniuse a ela, deulle a ela o Señor a preñez e pariu un fillo.
14E dicíanlle as mulleres a Noemí: —"Loado sexa o Señor, que non deixou que che faltase hoxe un protector! Que o seu nome sexa proclamado en Israel! 15El será para ti quen che volva o alento e será o sustento da túa vellez, pois pariuno a túa nora, que tanto te quere, e que é para ti mellor ca sete fillos".
16E colleu Noemí o neno, púxoo no colo, e fíxolle de neneira. 17As veciñas dábanse parabéns e dicían: —"Naceulle un neno a Noemí". E chamáronlle Obed. El foi o pai de Ixaí, pai de David.
Apéndice: Xenealoxía de David
18Estas son as xeracións de Peres:
Peres xerou a Hesrón; 19e Hesrón xerou a Ram, e Ram xerou a Aminadab; 20e Aminadab xerou a Nahxón, e Nahxón xerou a Salmah; 21e Salmah xerou a Boaz, e Boaz xerou a Obed; 22e Obed xerou a Ixaí, e Ixaí xerou a David.

Currently Selected:

Rut 4: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in