1 Macabeos 9
9
Derrota e morte de Xudas
1Demetrio, cando oíu que Nicanor e o seu exército pereceran no combate, volveu mandar a Xudea a Báquides e a Alcimo coa ala dereita do seu exército. 2Colleron polo camiño de Guilgal, atacaron e tomaron Mesalot de Arbelah e mataron alí moita xente. 3No primeiro mes do ano cento cincuenta e dous acamparon fronte a Xerusalén; 4despois marcharon cara a Berea con vinte mil infantes e dous mil xinetes.
5Xudas acampou en Elasa con tres mil homes escolleitos. 6O veren semellante multitude de inimigos, enchéronse de medo, e moitos fuxiron do campamento; soamente quedaron uns oitocentos. 7Xudas viu a desfeita do seu exército no instante en que a batalla ía xa empezar, e desalentouse, pois xa non tiña tempo de xuntalo. 8Moi abatido díxolles ós que quedaran:
—"Animo! Imos combater o inimigo, que ó mellor podémoslle facer fronte".
9Pero os seus desanimárono dicíndolle:
—"Non poderemos. Agora é mellor salvar as nosas vidas; volveremos despois coa nosa xente e combateremos contra eles. Agora somos moi poucos".
10Xudas respondeulles:
—"Xamais non fuxiremos diante do inimigo. Se é que nos chegou a hora, morramos coma valentes polos nosos irmáns e non lixemos con isto a nosa fama".
11O exército inimigo saíu entón do campamento e preparouse para o combate. A cabalería dividiuse en dúas partes; os fondeiros e os arqueiros diante do exército, e na primeira fila os máis fortes. Báquides ía na ala dereita. 12A falanxe avanzou polos dous lados ó toque das trompetas. Os de Xudas tamén tocaron as trompetas. 13O chan tremeu polo estrondo dos exércitos e o combate durou desde o abrente ata o serán.
14Xudas viu que Báquides e a parte máis forte do exército estaban na ala dereita; colleu con el ós máis valentes 15e desfixo a ala dereita e perseguiuna ata os montes de Axdod. 16Pero os da ala esquerda ó ver que a ala dereita fora derrotada e fuxía, perseguiron a Xudas e ós seus polas costas. 17A batalla púxose durísima, e caeron moitos das dúas partes. 18Xudas tamén caeu, e os outros fuxiron. 19Ionatán e Simón colleron o corpo de seu irmán Xudas e enterrárono en Modín, no sartego da familia. 20Todo Israel fixo grandes funerais por el, e chorouno moitos días; dicían:
21—"Como caeu o valente,
o salvador de Israel!"
22Non se escribiron aquí outros feitos de Xudas, as guerras e fazañas que levou a cabo, e a gloria que acadou, porque non teñen número.
Ionatán pasa a ser xefe
23Despois da morte de Xudas, levantaron cabeza outra vez por todo o país os desleigados, e reapareceron todos os que facían o mal. 24Coincidiu que daquela houbo unha fame moi grande e o pobo pasouse a eles. 25Báquides escolleu uns homes impíos e entregoulles o goberno do país. 26Andaban á caza dos partidarios de Xudas, e levábanllos a Báquides, que os castigaba e aldraxaba. 27Non houbera unha tribulación tan grande en Israel desde o tempo en que se acabaran os profetas.
28Xuntáronse todos os partidarios de Xudas e dixéronlle a Ionatán:
29—"Desde que morreu teu irmán Xudas, non hai ninguén que, coma el, sexa capaz de facer fronte ó inimigo, a Báquides e ós que perseguen ó noso pobo. 30Por iso nós hoxe escollémoste a ti para que ocupes o seu posto de xefe e capitán e dirixas con éxito os nosos combates".
31Ionatán aceptou o mando e desde aquel momento sucedeu a Xudas.
32Báquides sóuboo, e quería matalo. 33Pero Ionatán e seu irmán Simón e todos os seus seguidores soubérono e fuxiron ó deserto de Tecoa; acamparon a carón das augas da cisterna de Asfar.
34Cando Báquides o soubo era sábado, e pasou el mesmo co seu exército ó lado de alá do Xordán. 35Ionatán mandou a seu irmán á fronte dun grupo para pedirlles ós seus amigos os nabateos a ver se lles tiñan conta da bagaxe, que era moita. 36Pero os fillos de Iambrí, de Medebá colleron a Xoán e o que levaba, e marcháronlle con todo.
37Pasado algún tempo, comunicáronlle a Ionatán e a seu irmán Simón que os fillos de Iambrí celebraban unha grande festa de casamento, e que conducían con moita aquela desde Medebá á moza, que era filla dun ricachón de Canaán. 38Recordáronse da morte de seu irmán Xoán, e foron esconderse no monte. 39Ergueron os ollos e viron unha caravana moi festeira; era o mozo que ía ó encontro da súa moza cos amigos e parentes, cantando e tocando o tambor e outros instrumentos. 40Entón saíron do seu recuncho e caeron sobre eles para matalos. Feriron a moitos, e os demais escaparon para o monte. Rapináronlles todo o que levaban, 41e o casamento converteuse en loito, e os cantos de festa en laios. 42Así vingaron a morte de seu irmán. Despois volvéronse para a ribeira pantanosa do Xordán. 43Cando Báquides coñeceu isto, dirixiuse á fronte dun grande exército cara ás ribeiras do Xordán. 44Entón Ionatán díxolles ós seus:
—"Animo! Loitemos pola nosa vida; hoxe non é coma onte ou antonte. 45Estamos en perigo por diante e por detrás; e aí as augas do Xordán, as súas marxes pantanosas e bosques; non hai escape. 46Así que rezádelle a Deus para que nos libre dos nosos inimigos".
47Trabouse o combate. Ionatán estendeu o brazo para ferir a Báquides, pero este botouse para atrás e non lle deu. 48Ionatán e os seus botáronse ó Xordán e pasaron a nado á outra beira; os inimigos non atravesaron o Xordán para perseguilos. 49Aquel día caeron uns mil homes de Báquides.
50Báquides regresou a Xerusalén, construíu fortalezas na Xudea, as de Iericó, Emaús, Bethorón, Betel, Tímnah, Piratón e Tefón, con altas murallas, con portas e con ferrollos; 51deixou nelas tropas para fustigar a Israel.
52Fortificou tamén as cidades de Betsur, Guézer e a cidadela, e instalou nelas tropas e almacéns de víveres. 53Colleu como reféns ós fillos da xente grande do país e encadeounos na cidadela de Xerusalén.
54No segundo mes do ano cento cincuenta e tres Alcimo mandou desfacer o muro do adro interior do templo, destruíndo así a obra dos profetas. Empezaron o traballo, 55pero de súpeto a Alcimo deulle un ataque e suspendéronse as obras. Unha parálise pechoulle a boca, de maneira que xa non puido nin falar nin dispoñer as cousas da súa casa. 56E morreu no medio de grandes dores.
57Cando Báquides recibiu a nova da súa morte, volveuse para onda o rei, e Xudá estivo en paz durante uns dous anos.
58Entón todos os desleigados acordaron nunha xuntanza o seguinte:
—"Ionatán e os seus están tranquilos e confiados; imos chamar a Báquides para que unha noite os prenda a todos".
59E fóronllo propoñer a Báquides.
60Báquides púxose en camiño cun exército moi grande, e ás caladas mandou cartas a todos os seus partidarios da Xudea para que prendesen a Ionatán e ós seus compañeiros; pero non o puideron facer, porque lles descubriron o plan. 61Foron Ionatán e Simón os que colleron uns cincuenta homes do país, os cabezas daquela conspiración, e matáronos. 62Despois Ionatán, Simón e os seus compañeiros retiráronse a Betbasí, no deserto; levantaron as súas ruínas e fortificárona. 63Cando o soubo Báquides, xuntou a toda a súa xente e avisou ós de Xudá. 64Acampou fronte de Betbasí, e atacouna durante moitos días con máquinas de guerra. 65Ionatán deixou na cidade a seu irmán Simón, e marchou polos arredores cuns poucos homes. 66Derrotou a Odomerá e ós seus parentes e ós fillos de Fasirón nas súas tendas, e así loitando foi medrando o seu poder. 67Entón Simón e os seus saíron da cidade e pegáronlles lume ás máquinas de guerra. 68Atacaron e derrotaron a Báquides; humillárono ben humillado, pois os plans e a expedición acabaron nun fracaso.
69Entón enfadouse cos desleigados que lle aconsellaran vir ó país, matou a moitos deles, e acordou volver para a súa terra.
70Cando Ionatán o soubo, mandou onda el uns mensaxeiros para ver de facer as paces e intercambiar prisioneiros. 71Báquides recibiunos e aceptou a proposta e xurou que non lle faría mal ningún a Ionatán en toda a vida. 72Entregoulle os prisioneiros que fixera antes en Xudá, e volveu para a súa terra, e xa non veu máis por Xudá. 73Así acabou a guerra en Israel. Ionatán foi vivir a Micmás; alí empezou a gobernar o pobo e a exterminar os impíos de Israel.
Dereitos reservados: SEPT