1 Macabeos 8
8
Xudas pacta cos romanos
1Chegou ós oídos de Xudas a sona dos romanos: eran moi poderosos, mostrábanse benévolos con todos os seus aliados e facían pactos de amizade con cantos acudían a eles. 2Contáronlle tamén as guerras e as proezas que fixeran na Galia, como a conquistaran e agora tíñalles que pagar tributos. 3E todo o que fixeran en España, para se apoderaren das minas de prata e de ouro que alí hai; 4como mantiñan o seu dominio naquela terra con paciencia e prudencia, e iso que estaba moi lonxe do seu país. Tamén lle falaron da derrota que lles meteran ós reis que desde moitas partes da terra os atacaran; foi tan grande que os demais xa lles pagaban tributos anualmente. 5Tamén derrotaron e someteron a Filipo, a Perseo, rei de Macedonia, e a todos os que se levantaron contra eles. 6E o mesmo fixeron con Antíoco, rei de Asia, que foi á guerra contra eles con cento vinte elefantes, cabalería, carros e unha infantería moi numerosa; 7collérono vivo e obrigárono a el e ós seus sucesores a pagar grandes tributos, amais da entrega de reféns e da cesión 8das súas mellores provincias, India, Media e Lidia; eles despois pasáronllas ó rei Eumenes.
9Tamén os gregos decidiron atacalos e acabar con eles. 10Pero cando os romanos se informaron do plano, mandaron contra eles un só xeneral; combateunos e matou a moitos dos gregos, levou presas ás mulleres e ós fillos, rapinou todos os seus bens, apoderouse das terras, derrubou as fortalezas e fíxoos escravos, e así están aínda hoxe. 11Destruíron e escravizaron ós demais reinos e illas que se lles opuxeron. 12Pero son fieis ós seus amigos e cos que confían neles. Dominaron ós reis veciños e ós de lonxe. Todos os que oen falar deles, lles collen medo. 13Reinan aqueles a quen axudan eles a reinar, destronan ós que queren. Teñen un poder enorme. 14Entre eles ninguén leva coroa nin se viste de púrpura para engrandecerse con ela. 15Formaron un Senado, e a cotío tres centos vinte senadores miran polo bo goberno do pobo. 16Cada ano entregan o mando e o goberno de todos os seus dominios a un só home, e todos lle obedecen sen envexas nin rivalidades.
17Xudas escolleu a Eupólemo, fillo de Xoán de Hacós, e a Iasón, fillo de Elazar, e mandounos a Roma para firmar un tratado de amizade e alianza, 18coa intención de saír do xugo dos gregos, pois vían que estes querían escravizar a Israel.
19Chegaron a Roma, a viaxe fora moi longa. Entraron no Senado e dixeron:
20—"Xudas, o Macabeo, seus irmáns e o pobo xudeu mándannos para facer convosco un tratado de amizade e de alianza, de xeito que de agora en adiante nos contedes entre os vosos amigos e aliados".
21A petición foi ben acollida.
22Velaquí a copia da carta que escribiron en láminas de bronce e enviaron a Xerusalén, para que alí ficase como garantía do tratado de paz e alianza:
23—"Prosperidade sen fin para romanos e xudeus, na terra e no mar, e que a espada inimiga estea lonxe deles!
24Se alguén lles declara a guerra ós romanos ou a algún dos seus aliados en calquera parte do seu imperio, 25os xudeus loitarán con eles decididamente, segundo o pidan as circunstancias. 26Os inimigos nin lles darán nin fornecerán víveres, armas, cartos nin barcos. É decisión dos romanos. Gardarán estes compromisos sen ningunha compensación.
27Do mesmo xeito, se alguén lles declara a guerra ós xudeus, os romanos loitarán con eles decididamente, segundo o pidan as circunstancias. 28Os inimigos non lles darán víveres, armas, cartos nin barcos. É decisión dos romanos. Gardarán este compromiso con toda lealdade.
29Estas son as condicións que os romanos poñen para pactar cos xudeus. 30Se máis adiante algún dos pactantes quere engadir ou retirar algo, hase facer chegando a un acordo; e o engadido ou retirado será obrigatorio.
31No que se refire ó mal que o rei Demetrio lles fixo, xa lle escribimos o seguinte: Por que asoballas con tanta dureza ós nosos amigos e aliados? 32Se se nos volven queixar de ti, defenderemos os seus dereitos atacándote por terra e por mar".
Dereitos reservados: SEPT