1 Macabeos 10
10
Ionatán, Demetrio e Alexandro
1No ano cento sesenta Alexandro, fillo de Antíoco, o titulado Epífanes, embarcou e ocupou Tolemaida; foi ben acollido e empezou a reinar alí.
2Cando Demetrio se puxo ó corrente disto, xuntou un exército moi grande, e foi contra el para facerlle a guerra. 3Demetrio mandoulle a Ionatán unha carta moi amigable prometéndolle acrecentar o seu poder. 4Pois pensaba:
—"Cómpre facer as paces cos xudeus, antes que Ionatán se poña de acordo con Alexandro en contra miña 5ó lembrarse de todos os males que lle teño feito a el, a seus irmáns e ó seu pobo".
6Deulle autorización para formar un exército e para fabricar armamento; teríao como aliado de guerra seu. Amais diso mandou que lle entregasen os reféns que tiña na cidade. 7Ionatán foi a Xerusalén e leulle a carta a todo o pobo e ós da cidade. 8Todos se encheron de medo cando souberon que o rei lle dera autorización para formar un exército. 9Os da cidade entregáronlle os reféns a Ionatán, e el entregóullelos a seus pais. 10Ionatán pasou a vivir en Xerusalén e empezou a reconstruír e a restaurar a cidade. 11Mandoulles ós canteiros que levantasen a muralla e que rodeasen o monte Sión cun muro de cantería. E así o fixeron.
12Os estranxeiros que vivían nas fortalezas construídas por Báquides fuxiron. 13Todos deixaron as súas casas e marcharon para a súa terra. 14Soamente en Betsur quedaron algúns desleigados que renunciaron á Lei e ós mandamentos, porque a cidade era un bo refuxio.
15O rei Alexandro chegáronlle novas da promesa que Demetrio lle fixera a Ionatán, e contáronlle tamén as batallas e fazañas que levaran a cabo el e seus irmáns, e todos os traballos que pasaran. 16E dixo:
—"Poderemos atopar outro home coma este? Fagámolo de contado amigo e aliado noso".
17E escribiulle a seguinte carta:
18—"O rei Alexandro saúda ó seu irmán Ionatán. 19Estamos informados de que es un home poderoso e digno da nosa amizade. 20Por iso hoxe declarámoste sumo sacerdote da túa nación e concedémosche o título de amigo do rei, para que defendas a nosa causa e sexas amigo noso".
E mandoulle un manto de púrpura e unha coroa de ouro.
21Ionatán puxo os ornamentos sagrados, no sétimo mes do ano cento sesenta, na festa dos Tabernáculos, formou un exército, e equipouno ben equipado.
22Sabedor Demetrio de todo isto, comentou moi desgustado:
23—"Que fariamos nós para que Alexandro se nos adiantase en facer amizade cos xudeus para fortalecer a súa casa? 24Voulles escribir eu tamén, a ver se os convenzo prometéndolles cargos e regalos para que sexan aliados meus".
25E escribiulles esta carta:
—"O rei Demetrio saúda ó pobo xudeu. 26Recibimos a boa nova de que estades gardando os acordos firmados connosco, e de que vos mantedes fieis á nosa amizade, sen vos pasar ó inimigo. 27Seguide, pois, nesta lealdade e nós habémosvos compensar todo o ben que nos facedes. 28Retirarémosvos moitos tributos e farémosvos grandes regalos.
29Xa desde agora eximo a todos os xudeus dos tributos e dos impostos do sal e das coroas. 30Renuncio, de hoxe en diante, e para sempre, ó terzo das colleitas e á metade da froita que me corresponde na terra de Xudá e nos seus tres distritos anexos de Samaría e Galilea. 31Xerusalén será unha cidade santa e exenta, coa súa bisbarra, de décimos e tributos. 32Tamén renuncio á miña soberanía sobre a cidade de Xerusalén, e entrégolla ó sumo sacerdote; que el poña nela os homes que queira para defendela. 33Concedo a liberdade, gratuitamente, a todos os xudeus que foron levados cativos desde Xudá a calquera parte do meu reino, e todos quedarán libres dos tributos, mesmo dos do gando.
34Todas as festas, os sábados, a lúa nova, os outros días santos e os tres días antes e despois dunha festa serán días de exención e de liberación para todos os xudeus do meu reino, 35e ninguén terá dereito para perseguilos, ou para meterse con eles por razón ningunha.
36Alistaranse no exército do rei trinta mil soldados xudeus, e pagaráselles coma a todos os soldados do rei. 37De entre eles escollerase xente para as fortalezas máis importantes e para cargos de confianza do reino. Os seus xefes e oficiais serán xudeus e poderán vivir segundo as súas leis, como o rei o mandou para Xudá.
38Os tres distritos de Samaría, que son anexos da Xudea, formarán con ela unha única circunscrición e dependerán soamente da autoridade do sumo sacerdote.
39Fago doazón de Tolemaida e da súa bisbarra ó templo de Xerusalén para cubrir os seus gastos. 40E tamén hei dar cada ano quince mil siclos de prata, a recoller das rendas do rei alí onde máis conveña. 41As cantidades que os encargados do fisco non entregaron, coma nos anos anteriores, entregaranas agora para as obras do templo. 42Tamén perdoamos os cinco mil siclos de prata que cada ano retirabamos dos ingresos do templo, e dámosllelos ós sacerdotes, que exercen as funcións sagradas.
43Todos os debedores do rei por razón de tributos dunha ou doutra cousa calquera que se refuxien no templo de Xerusalén ou no adro, quedan libres, eles e todo canto teñan no meu reino. 44Os gastos de construción e de restauración do templo serán pagados pola facenda real. 45Tamén correrán pola conta do rei os gastos de reconstrución das murallas de Xerusalén e de fortificación do seu recinto, e o mesmo a reconstrución doutras murallas en Xudea".
46Cando Ionatán e o seu pobo oíron tales palabras, non creron nelas nin as aceptaron, pois acordábanse ben do moito mal que lle fixera a Israel o rei Demetrio, e das súas moitas humillacións. 47Así que decidíronse por Alexandro, que fora o que primeiro lles falara de paz, e declaráronse aliados del para sempre.
48O rei Alexandro xuntou un exército moi grande e saíulle ó encontro a Demetrio. 49Trabaron combate os dous reis, e os do exército de Demetrio fuxiron. Alexandro perseguiunos e foi superior. 50Foi unha batalla sanguenta que durou ata a posta do sol. O rei Demetrio morreu aquel día.
Ionatán, Alexandro e Tolomeo
51Entón Alexandro enviou mensaxeiros a Tolomeo, rei de Exipto, para dicirlle:
52—"Volvín ó meu reino, e conseguín ocupar o trono de meus pais e conquistar o poder ó vencer a Demetrio; agora son dono desta terra; 53pois enfronteime con el, e vencémolo a el e ó seu exército, e agora ocupo o seu trono. 54Fagamos, pois, unha alianza: dásme a túa filla por muller; eu serei o teu xenro e dareille a ela e mais a ti os regalos que mereces".
55O rei respondeulle:
—"Ditoso o día en que volviches á terra de teus pais e en que ocupaches o trono real. 56Con gusto farei o que me pides; ven, pois, a Tolemaida, para vernos, e serei o teu sogro, como ti queres".
57Tolomeo partiu de Exipto coa súa filla Cleopatra e chegou a Tolemaida no ano cento sesenta e dous. 58O rei Alexandro saíulle ó encontro. Tolomeo deulle a súa filla Cleopatra por muller e celebrouse o casamento en Tolemaida con moita pompa, como adoitan facer os reis.
59O rei Alexandro escribiulle tamén a Ionatán para que o fose ver.
60Ionatán marchou a Tolemaida cun grande acompañamento, e entrevistouse cos dous reis. Fíxolles moitos regalos de ouro e prata a eles e ós seus amigos, e gañou as súas simpatías. 61Chegaron de Israel uns malvados e desleigados para acusar a Ionatán diante do rei, pero o rei non os recibiu. 62E non soamente iso, senón que mandou que lle quitasen a Ionatán a súa roupa e que o vestisen de púrpura; así o fixeron. 63E o rei sentouno ó seu lado e díxolles ós seus achegados:
—"Saíde con el pola cidade e proclamade que ninguén teña o atrevemento de acusalo de nada nin de meterse con el por cousa ningunha".
64Cando viron os honores públicos que lle tributaban e como ía vestido de púrpura, os seus acusadores fuxiron.
65O rei encheuno de honores, elevouno á dignidade de amigo do rei, e nomeouno xeneral e gobernador. 66Ionatán volveu a Xerusalén en paz e contento.
Ionatán e Demetrio
67No ano cento sesenta e cinco Demetrio, fillo de Demetrio, chegou de Creta á terra de seus pais. 68O sabelo o rei Alexandro volveuse para Antioquía moi contrariado. 69Demetrio puxo de gobernador en Celesiria a Apolonio, que xuntou un exército moi grande e acampou fronte a Iamnia. Desde alí mandoulle dicir ó sumo sacerdote Ionatán:
70—"Ti es o único que te rebelaches contra nós, e pola túa culpa a xente rise e moquéase de nós. Por que te fas o valente na montaña? 71Se de verdade tés fe nas túas tropas, baixa abaixo, á terra cha, e mediremos as forzas, pois está comigo o exército das cidades. 72Pregunta e saberás quen son eu e quen son os meus aliados, e xa o verás como che han dicir que non podedes resistir, e que xa teus pais fuxiron dúas veces na súa mesma terra. 73Non darás resistido á miña cabalería e un exército tan grande, nesta chaira, onde non hai pedras nin penedos, nin sitio para onde fuxir".
74Cando Ionatán oíu a mensaxe de Apolonio, encheuse de indignación; escolleu dez mil homes e saíu de Xerusalén. Seu irmán Simón veuno axudar con reforzos. 75Acampou en fronte de Iafa, pero os da cidade pecháronlle as portas, porque había nela unha guarnición de Apolonio. Eles atacárona, 76e os habitantes da cidade, cheos de medo, abríronlle as portas, e Ionatán apoderouse dela.
77Cando Apolonio coñeceu o que pasara, dispuxo para a batalla a tres mil xinetes e a moitos de infantería, e marchou cara a Axdod, simulando pasar de largo diante de Iafa; pero ó mesmo tempo avanzaba cara á chaira, pois confiaba na súa numerosa cabalería. 78Ionatán foi atrás del, cara a Axdod, e os dous exércitos trabaron combate. 79Apolonio deixara escondidos ás costas dos xudeus mil xinetes; 80pero Ionatán decatouse de que tiña unha emboscada por detrás, e, aínda que o rodearon e lle estiveron tirando frechas contra a súa tropa desde a mañá ata a noite, 81esta aguantou ben, seguindo as ordes de Ionatán ata que os cabalos do inimigo cansaron.
82Cando xa cansaron os cabalos, Simón avanzou co seu exército, atacou a falanxe; venceuna e fíxoos fuxir. 83A cabalería espallouse pola chaira; os outros fuxiron cara a Axdod, para refuxiarse no templo do deus Dagón e así salvarse. 84Ionatán incendiou Axdod e as aldeas do arredor, despois de rapinar o todo; pegoulle lume tamén ó templo de Dagón con todos os que se refuxiaran nel. 85Entre os caídos á espada e os queimados polo lume morreron arredor de oito mil homes.
86Ionatán levantou o campamento e marchou para Axquelón. Os da cidade saíron para recibilo con moita festa. 87Ionatán volveu para Xerusalén coas súas tropas cargadas de espolios.
88Cando o rei Alexandro coñeceu estes acontecementos aínda lle concedeu a Ionatán máis honores; 89mandoulle unha fibela de ouro, como é costume regalar ós familiares dos reis, e deulle o poder sobre Ecrón e a súa bisbarra.
Dereitos reservados: SEPT