1 Macabeos 7
7
Demetrio, Báquides e Alcimo
1No ano cento cincuenta e un, Demetrio, fillo de Seleuco, marchou de Roma cuns poucos homes, desembarcou nunha cidade da costa e proclamouse rei nela. 2Un día, cando ía entrar no palacio real dos seus maiores, as tropas prenderon a Antíoco e mais a Lisias para entregarllos a Demetrio. 3Cando se informou Demetrio, dixo:
—"Non quero nin verlles a cara".
4Entón os soldados matáronos e Demetrio subiu ó trono real. 5E foron estar con el todos os israelitas desleigados e impíos, guiados por Alcimo, que quería ser sumo sacerdote, 6e acusaron ó pobo de moitas cousas; dixéronlle:
—"Xudas e seus irmáns acabaron con todos os partidarios teus e a nós botáronnos fóra da nosa terra. 7Manda a unha persoa da túa confianza para que vexa os estragos que fixeron no medio de nós nos teus territorios, e castigue a Xudas con todos os seus colaboradores".
8O rei escolleu a Báquides, un dos seus amigos, home importante na corte e fiel ó rei, gobernador das terras do alén río. 9Enviouno co desleigado Alcimo, confirmado xa como sumo sacerdote, para castigar os israelitas. 10Partiron cun exército moi grande, e ó chegaren á terra de Xudá, enviaron uns mensaxeiros a Xudas e a seus irmáns cunha proposta falsa de paz. 11Os xudeus, cando viron que viñeran cun exército moi grande, non lles fixeron caso. 12Con todo, un grupo de escribas foi ter unha xuntanza con Báquides e Alcimo para chegar a unha solución xusta; 13de entre os israelitas os primeiros en pediren a paz foron os asideos, 14pois dicían:
—"O que chegou co exército é un sacerdote da familia de Aharón; non nos vai enganar".
15El faloulles palabras de paz e xuroulles:
—"Non vos faremos ningún mal, nin a vós nin ós vosos amigos". 16E eles créronllo. Entón foi e colleu a sesenta homes e matounos nun só día, segundo aquilo que di a Escritura:
17Arredor de Xerusalén ciscaron os
cadáveres
e verteron o sangue dos teus fieis
e ninguén os enterraba.
18Todo o pobo se encheu de medo e de espanto, e dicían:
—"Son xente inxusta e mentireira, pois non respectaron o acordo e o xuramento que fixeron".
19Báquides retirouse de Xerusalén e foi acampar en Betsaid. Mandou prender a moitos dos seus que se pasaran de bando e a algúns do pobo; matounos e botounos nunha poza moi grande. 20Deixou logo o país nas mans de Alcimo con tropas que o defendesen, e el foise xunto ó rei. 21Alcimo loitou moito para conservar o sumo sacerdocio; 22xuntáronselle todos os argalleiros do pobo, apoderáronse de toda Xudá e fixeron moito mal en Israel.
23O ver Xudas que Alcimo e os da súa camarilla facían aínda máis mal ós israelitas cós mesmos pagáns, 24percorreu todas as terras de Xudá castigando os desleigados e poñendo fin ás súas correrías polo país. 25Alcimo decatouse de que Xudas e os seus ían a máis, e recoñecendo que non era el quen para resistilos, volveu onda o rei e acusounos de cousas moi graves.
Derrota de Nicanor
26Entón o rei enviou a Nicanor, un dos seus xenerais con máis sona, inimigo declarado de Israel, coa orde de acabar co pobo. 27Nicanor chegou a Xerusalén cun grande exército e mandoulle a Xudas e a seus irmáns esta mensaxe con falsas palabras de paz:
28—"Non vaiamos á loita; eu irei cuns poucos homes para vernos e falar coma amigos".
29E así foi, chegou onda Xudas e saudáronse coma amigos, pero os inimigos ían preparados para prendelo. 30Xudas decatouse de que viñeran con malas intencións, colleulles medo e xa non quixo velo nunca máis. 31Nicanor viu que o seu plan fora descuberto; entón saíu ó combate contra Xudas cerca de Cafarxalán. 32Caeron uns cinco centos soldados de Nicanor e os demais fóronse refuxiar á Cidade de David.
33Despois destes acontecementos, Nicanor subiu ó monte Sión. Algúns sacerdotes e anciáns do pobo saíron do templo para saudalo amigablemente e para mostrarlle o holocausto que ofrecían polo rei. 34Pero el moqueouse deles, aldraxounos, cuspiunos, falou coma un badueiro 35e xuroulles enrabechado:
—"Se non me entregades agora mesmo a Xudas e ó seu exército, asegúrovos que cando volva vitorioso voulle poñer lume ó templo".
E saíu adoecido.
36Os sacerdotes entraron e, de pé diante do altar e do santuario, exclamaron entre bágoas:
37—"Ti escolliches este templo para que nel se invocase o teu nome e fose casa de oración e súplica para o teu pobo; 38castiga a este home e ó seu exército, que caian a fío de espada. Lémbrate das súas blasfemias e non lles deas boa fin".
39Nicanor saíu de Xerusalén e acampou en Bethorón; alí xuntóuselle un exército sirio. 40E Xudas acampou en Hadaxah con tres mil soldados, e rezou así:
41—"Cando os mensaxeiros do rei blasfemaron, veu un anxo teu e matoulle cento oitenta e cinco mil homes. 42Esmaga hoxe igualmente a este exército diante de nós, para que todos saiban que blasfemou contra o teu nome; xúlgao segundo a súa maldade".
43No día trece do mes de Adar, os exércitos entraron en combate. O exército de Nicanor foi derrotado, e el mesmo foi o primeiriño en morrer. 44Cando o seu exército viu que Nicanor caera, guindaron as armas e fuxiron. 45Os xudeus perseguíronos un día, desde Hadaxah ata Guézer, tocando tras eles as trompetas. 46A xente de todas as aldeas do arredor saía para acosar ós que fuxían; loitaron contra eles e matáronos a todos a fío de espada, non quedou o primeiro. 47Despois recolleron os espolios e o botín, e a Nicanor cortáronlle a cabeza e a man dereita que erguera destemidamente; leváronas e colgáronas fronte a Xerusalén.
48O pobo alegrouse moitísimo, e aquel día fixeron unha festa moi grande. 49Acordaron celebralo todos os anos por aquela data, trece de Adar.
50Por algún tempo houbo paz en Xudá.
Dereitos reservados: SEPT