Skip to content

1 Macabeos 6

6
Morte de Antíoco
1Cando o rei Antíoco percorría as provincias do norte, oíu dicir que en Persia había unha cidade chamada Elimaida, de moita sona pola súa riqueza en prata e ouro; 2tiña un templo riquísimo onde se gardaban armaduras de ouro, coirazas e armas que alí deixara Alexandro, o de Filipo, rei de Macedonia, o primeiro rei dos gregos. 3Antíoco chegou alá e quíxose apoderar da cidade para saqueala; pero non puido, porque os da cidade, ó coñecer as súas intencións, fixéronlle fronte coas armas. 4Entón tivo que fuxir e volverse para Babilonia con moita tristura.
5En Persia chegoulle un mensaxeiro coa nova de que as forzas enviadas contra Xudá foran derrotadas, 6e de que Lisias, que partira para alá cun grande exército, fuxira diante dos xudeus; estes aumentaran o seu poder coas armas e os espolios collidos ós exércitos vencidos, 7destruíran o altar sacrílego que mandara colocar enriba do altar de Xerusalén, e rodearan cunha muralla tan alta coma antes o santuario e a cidade de Betsur.
8O escoitar tales novas, o rei quedou aterrado e moi impresionado, ata o punto de ter que encamar pola tristeza, porque non lle saíran as cousas como el quería. 9Así pasou moitos días cada vez máis morriñento. Vendo que xa morría, 10chamou a todos os seus achegados para lles dicir:
—"Foxe o sono dos meus ollos e síntome premido polas preocupacións, 11ó ver a aflición e a inquedanza na que me atopo neste instante, eu, sempre tan feliz e querido cando era poderoso. 12Pero agora recordo as inxustizas que cometín en Xerusalén, os obxectos de ouro e prata que alí roubei, a xente de Xudea que mandei matar sen razón ningunha. 13Recoñezo que por iso me veñen estas desgrazas. Velaí que vou morrer de tristura en terra estranxeira".
14Chamou a Filipo, un dos seus achegados, e nomeouno rexente de todo o seu reino. 15Deulle a súa coroa, o seu manto e o seu anel, e encargoulle que lle educase e preparase para o goberno ó seu fillo Antíoco.
16O rei Antíoco morreu alí no ano cento corenta e nove. 17Cando Lisias soubo que morrera o rei, puxo no seu lugar ó seu fillo Antíoco, que el educara desde neno, e púxolle o título de Eupátor.
Guerra e paz con Antíoco Eupátor
18Entrementres a gornición da cidadela molestaba ós israelitas polos arredores do templo, prexudicándoos a cotío e apoiando ós pagáns. 19Xudas determinou botalos de alí, e convocou a todo o exército para cercalos. 20Concentráronse todos e empezaron o cerco no ano cento cincuenta con catapultas e máquinas que construíran. 21Con todo algúns dos cercados romperon o cerco, e con algúns israelitas desleigados, 22fóronlle dicir ó rei:
—"Cando has facer xustiza e defenderás os nosos irmáns? 23Nós decidimos someternos a teu pai e obedeces súas ordes e disposicións. 24E por iso os nosos irmáns se volveron contra nós e teñen a cidadela cercada; amais diso mataron ós nosos que caeron nas súas mans e rapinaron os seus bens. 25E non soamente erguen a man contra nós, senón que tamén contra todos os teus dominios. 26Agora mesmo están acampados contra a cidadela de Xerusalén, para apoderárense dela; xa fortificaron o santuario e Betsur, 27e se non lles colles a dianteira de contado, aínda han ir a máis e non os poderás dominar".
28O rei alporizouse moito ó escoitar todo isto. Convocou a todos os seus achegados, ós xefes de infantería e cabalería. 29Ata lle viñeron tropas mercenarias dos outros reinos e do alén mar. 30O seu exército tiña cen mil soldados de infantería, vinte mil cabaleiros e trinta e dous elefantes afeitos á loita. 31Atravesaron Idumea e cercaron Betsur. Atacárona durante moitos días con máquinas ó caso, pero os cercados fixeron unha saída, e loitando valentemente puxéronlles lume.
32Entón Xudas ergueu o cerco da cidadela e acampou onda Bet—Zacarías, diante do campamento do rei. 33Pola mañanciña ergueuse o rei e mandou que o exército avanzase lixeiro polo camiño de Bet—Zacarías. Colocáronse os exércitos para combater; soaron as trompetas de guerra.
34Os elefantes déronlles zume de uvas e de amoras para excitalos para a loita; 35repartíronos entre os escuadróns, e con cada un deles ían mil soldados con coirazas e con helmos de bronce na cabeza, e tamén cincocentos cabaleiros escolleitos 36que precedían e acompañaban ó elefante fose para onde fose, sen arredarse del para nada. 37Derriba dos elefantes ían montadas unhas torres de madeira, fortes e ben protexidas, atadas ó animal con adivais; en cada torre ían catro guerreiros que combatían desde alí arriba e o guieiro indio. 38O resto da cabalería colocouna nas dúas alas do exército, á dereita e á esquerda, para protexer a infantería e fustrigar o inimigo.
39Cando o sol empezou a brillar nos escudos de ouro e de bronce, brillaban os montes con eles e resplandecían coma se fosen fachóns acesos. 40Parte do exército real estaba no cumio dos montes, e parte na chaira; avanzaban con paso firme e moi ben ordenados. 41Os xudeus, cando oíron o estrondo daquela chea de xente avanzando e chocando as armas, quedaron abraiados. Certamente era un señor exército.
42Xudas avanzou co seu exército, empezou a loita e caeron seiscentos homes do exército do rei. 43Elazar, alcumado Avarán, viu un elefante recuberto con coirazas reais que sobresaía por riba dos outros e pensou que o rei iría nel. 44Entón, ofrecendo a vida para salvar o seu pobo e acadar así unha fama inmortal, 45botou a correr destemidamente cara ó elefante polo medio do escuadrón, matando a quen se lle poñía por diante; a xente apartaba del. 46O chegar a carón do elefante, meteuse debaixo del e espetoulle a espada. Pero o elefante caeulle enriba e morreu alí mesmo.
47Os xudeus, ó ver as forzas e a combatividade do exército do rei, retiráronse. 48O exército real perseguiunos ata Xerusalén; entraron en Xudea e acamparon fronte ó monte Sión.
49O rei fixo as paces cos de Betsur, que saíron da cidade porque xa non tiñan provisións para prolongar a resistencia por máis tempo, pois aquel ano era ano sabático para o país. 50O rei ocupou Betsur e deixou nela unha gornición para a súa defensa. 51Despois púxolle cerco ó templo durante moitos días; montou alí seteiras, máquinas, lanzachamas, catapultas, escorpións para lanzar frechas, e tirapedras. 52Pola súa parte, os xudeus construíron tamén armas defensivas contra as dos atacantes, e loitaron durante moitos días. 53Pero acabáronselles as reservas que tiñan nos almacéns, porque era ano sétimo, e porque os que se refuxiaran alí, fuxindo a Xudá desde o estranxeiro, consumiran as provisións que quedaban; 54entón, como a fame os apertaba moito, deixaron uns poucos no templo e os demais esparexéronse cadaquén polo seu lado.
55Daquela soubo Lisias que Filipo, aquel a quen o rei Antíoco antes de morrer lle encomendara a crianza do seu fillo Antíoco para que logo o sucedese, 56volvera de Persia e de Media, á fronte da expedición que acompañara ó rei, e que quería apoderarse do reino. 57Lisias decidiu partir rapidamente, e díxolle ó rei, ós xenerais do exército e ós soldados:
—"Cada día somos menos, rarean as provisións, a praza que cercamos é moi forte e temos que ocuparnos dos negocios do reino. 58Así que, deámoslle a man a esa xente e fagamos as paces con eles e con todo o seu pobo. 59Poñámonos de acordo con eles para que poidan vivir segundo as súas leis coma antes, pois por lles querer quitar esas leis foi polo que se arrepuxeron e nos fixeron todo isto".
60O rei e ós xenerais pareceulles ben a proposta. O rei mandou negociar a paz e os xudeus aceptárona. 61O rei e os xenerais confirmaron o pacto cun xuramento, e entón os cercados saíron fóra da fortaleza. 62Pero cando o rei subiu ó monte Sión e viu as fortificacións que tiña, quebrantou o xuramento que fixera e mandou destruír toda a muralla. 63Despois partiu axiña para Antioquía, e atopouse con que Filipo xa era dono da cidade; pero o rei atacouno e apoderouse da cidade pola forza.