Skip to content

1 Macabeos 5

5
Campañas contra pobos veciños
1Cando os pobos veciños souberon que os xudeus reconstruíran o altar e restauraran o templo coma antes, alporizáronse moitísimo, 2e decidiron acabar cos descendentes de Xacob que vivían entre eles; empezaron a matar e a perseguir xente do pobo. 3Entón Xudas declarou a guerra ós descendentes de Esaú en Acrabatene, Idumea, porque se andaban metendo con Israel. Derrotounos completamente, someteunos e saqueounos. 4Tamén se lembrou da maldade dos beonitas, un grande perigo para o pobo coas súas emboscadas nos camiños. 5Obrigounos a meterse nas torres, cercounos e entregounos ó anatema e pegoulles lume ás torres con todos os que se atopaban dentro. 6Despois marchou contra os amonitas e atopouse cun exército forte e numeroso mandado por Timoteo. 7Atacounos varias veces, ata que os esnaquizou totalmente. 8Apoderouse de Iézer e da súa bisbarra e volveuse para Xudea.
9Os pobos de Galaad tamén se xuntaron contra os israelitas que vivían no seu territorio, para acabar con eles. Os israelitas refuxiáronse na cidadela de Dotema, 10e enviáronlle a Xudas e a seus irmáns a seguinte mensaxe:
—"Xuntáronse contra nós os pobos do arredor e queren acabar con nós, 11e estanse dispoñendo para vir e apoderarse da fortaleza na que nos refuxiamos; Timoteo é o xeneral do exército. 12Vennos librar das súas mans, porque moitos dos nosos xa caeron 13e todos os nosos irmáns da rexión de Tob foron asasinados; e roubaron as súas mulleres, os seus fillos e os seus bens; morreron alí unhas mil persoas".
14Estaban lendo a carta, cando chegaron outros mensaxeiros de Galilea coa roupa rachada, 15Anunciando que Tolemaida, Tiro e Sidón e todos os xentís de Galilea se xuntaran contra eles para aniquilalos.
16Cando Xudas e o seu pobo oíron tales novas, convocouse unha xuntanza especial para deliberar o que cumpriría facer polos seus irmáns naquel intre angustioso, atacados polos seus inimigos. 17Xudas díxolle a seu irmán Simón:
—"Colle xente contigo e vai librar os nosos irmáns de Galilea; eu e mais meu irmán Ionatán iremos a Galaad". 18Deixou o resto do exército ó mando de Xosé, o de Zacarías, e de Azarías para que defendesen Xudá, 19e deulles esta orde:
—"Quedádevos ó mando do pobo, pero non loitedes cos pagáns ata que nós volvamos".
20Simón colleu tres mil homes para ir a Galilea, e Xudas oito mil para ir a Galaad. 21Simón saíu para Galilea, e, despois de moitos combates cos pagáns, derrotounos 22e perseguiunos ata as portas de Tolemaida; morreron uns tres mil pagáns e Simón apoderouse dos seus espolios. 23Despois colleu ós xudeus que vivían en Galilea e en Arbatah, coas súas mulleres, os seus fillos e todo canto tiñan, e levounos para Xudea no medio dunha grande alegría.
24Xudas o Macabeo e seu irmán Ionatán atravesaron o Xordán e camiñaron tres días polo deserto; 25Atopáronse cos nabateos que os recibiron moi ben e que lles contaron o que lles pasara ós seus irmáns xudeus de Galaad: 26moitos estaban prisioneiros en Bosrah, en Béser, en Alemah, en Casfor, en Maqued e en Carnaim, todas elas cidades grandes e fortes; 27outros xuntáronse nas outras cidades de Galaad; o inimigo mandara atacar ó día seguinte as prazas fortes, conquistalas e acabar con todos os xudeus nun só día.
28Xudas e o seu exército atravesaron de seguida o deserto dirixíndose cara a Bosrah; apoderouse da cidade, matou a todos os homes, rapinouno todo e púxolle lume. 29Pola noite fóronse de aí e dirixíronse cara á fortaleza. 30O abrente viron unha chea de xente con escadas e máquinas de guerra, disposta a atacar a fortaleza. 31O ver que xa comezara o ataque e que da cidade subían ó ceo berros de combate e o son das trompetas, 32díxolles ós seus soldados:
—"Loitade hoxe polos vosos irmáns".
33E avanzaron en tres grupos polas costas do inimigo, tocaban as trompetas e rezábanlle a Deus berrando.
34Cando o exército de Timoteo se decatou de que era o Macabeo, botaron a correr. A desfeita foi moi grande e quedaron no sitio ata oito mil inimigos mortos. 35Logo volveuse contra Alemah; atacouna e tomouna, matou a todos os homes, rapinárono todo e púxolle lume. 36Marchou de alí e tomou Casfor, Maqued, Béser e as demais cidades de Galaad.
37Despois de todo isto Timoteo xuntou outro exército e acampou fronte a Rafón, no lado de alá do torrente. 38Xudas enviou xente para espiar o campamento e trouxéronlle estas novas:
—"Xuntáronse con Timoteo todos os pagáns do arredor; éche un exército grandísimo. 39Ademais contrataron árabes como auxiliares, e están acampados ó lado de alá do torrente, dispostos a vir contra ti".
Xudas saíulles ó encontro, 40e mentres el e o seu exército se achegaban ó torrente, Timoteo díxolles ós seus oficiais:
—"Se atravesa el primeiro o torrente cara a nós, non lles poderemos facer fronte, e seguro que nos vence; 41pero se colle medo e acampa ó lado de alá, iremos nós contra el e vencerémolo".
42Cando Xudas chegou á beira do torrente, fixo formar alí ós oficiais do exército e deulles esta orde:
—"Non deixedes acampar a ninguén. Todos ó combate".
43El foi o primeiro en atravesar o río contra o inimigo, e todo o exército foi tras el. Derrotaron ós pagáns que guindaron as armas e fóronse gardar no templo de Carnaim. 44Os xudeus tomaron a cidade e incendiaron o templo con toda a xente que había dentro. O caer Carnaim xa ninguén lle puido facer fronte a Xudas.
45Xudas xuntou a todos os israelitas de Galaad, pequenos e grandes, coas súas mulleres, os seus fillos e os seus bens —toda unha chea de xente— para levalos a Xudá. 46Chegaron a Efrón, cidade importante e ben fortificada, situada na entrada dun desfiladeiro; era obrigado pasar por ela, non se podía apartar nin pola esquerda nin pola dereita. 47Pero a xente da cidade non lles deixaba paso e atrancaron as portas con pedras. 48Xudas mandoulles dicir polas boas:
—"Deixádenos pasar polos vosos dominios camiño da nosa terra; ninguén vos fará mal, soamente queremos pasar".
Pero eles non quixeron abrir.
49Entón Xudas mandou dicir á súa xente que cadaquén acampase alí onde se atopaba. 50Os soldados máis valentes tomaron posicións e atacaron a cidade todo aquel día e a noite seguinte, ata que se rendeu. 51Xudas matou a todos os homes, arrasou a cidade despois de rapinalo todo, e atravesouna pasando por riba dos cadáveres. 52Despois atravesaron o Xordán e chegaron á grande terra chá en fronte de Betxeán. 53Xudas ía axuntando os máis tardeiros e animando ó pobo durante toda a camiñada, ata que chegaron a Xudá. 54Subiron ó monte Sión moi ledos e contentos e ofreceron holocaustos por regresaren con ben e sen que ninguén morrese.
55Mentres Xudas e Ionatán estaban na rexión de Galaad, e o seu irmán Simón en Galilea, en fronte de Tolemaida, 56Xosé, o fillo de Zacarías, e Azarías, xefes do exército, tiveron novas dos acontecementos e das batallas que aqueles tiveran, 57e dixeron:
—"Fagámonos tamén nós famosos. Imos loitar contra as nacións veciñas".
58Deron a orde á tropa e marcharon contra Iamnia.
59Pero Gorxias saíu da cidade cos seus homes para facerlles fronte; 60Xosé e Azarías fuxiron, e Gorxias foi tras eles ata a fronteira de Xudá. Aquel día morreron uns dous mil israelitas; 61o exército sufriu unha grande desfeita, porque aqueles, cobizosos de gloria, non quixeron obedecer as ordes de Xudas e de seus irmáns. 62Eles non eran da raza dos destinados a salvar a Israel. 63En troques, o valoroso Xudas e mais seus irmáns fixéronse moi famosos por todo o pobo de Israel e por todos os países a onde chegaron novas deles. 64Axuntábanse todos arredor deles e aclamábanos.
65Xudas e seus irmáns foron atacar os fillos de Esaú no sur do país. Tomaron Hebrón e a súa bisbarra, destruíron as fortificacións e prendéronlles lume ás torres das murallas. 66Despois foi contra o país dos filisteos e pasou por Marexah. 67Aquel día morreron no combate algúns sacerdotes que, querendo facer o valente, saíron a loitar sen siso. 68Xudas foi despois contra Axdod, na terra dos filisteos; derrubou os altares, queimou as estatuas dos deuses e saqueou a cidade; de seguida volveuse para Xudá.