1 Macabeos 4
4
Batalla de Emaús
1Gorxias colleu cinco mil homes de infantería e mil cabaleiros escolleitos e levantou o campamento de noite, 2para atacar de súpeto ó exército xudeu e desfacelo. Servíronlle de guieiros algúns da cidadela.
3Xudas sóuboo e entón foi cos seus guerreiros para atacar o exército do rei que quedara en Emaús, 4mentres o groso do exército andaba lonxe do campamento.
5Gorxias chegou de noite ó campamento de Xudas, e, como non atopou a ninguén, púxose a buscalos polos montes, pensando que fuxiran del. 6Pola mañanciña apareceu Xudas na terra cha con tres mil homes, aínda que sen escudos e espadas —quen lles dera telos—. 7Cando viron o campamento dos pagáns, fortificado e ben equipado, protexido pola cabalería e con homes loitadores, 8Xudas díxolles ós seus compañeiros:
—"Non lle teñades medo a esa multitude, nin vos acovardedes pola súa combatividade. 9Recordade como se salvaron os nosos maiores no mar Rubio, cando os perseguía o Faraón co seu exército. 10Fagamos chegar ó ceo a nosa voz para que Deus nos bote unha man e se lembre da alianza que fixo con nosos pais, e desfaga hoxe diante de nós a este exército. 11Así todos os pobos se decatarán de que hai alguén que libra e salva a Israel".
12Cando os inimigos levantaron os ollos e viron que viñan de fronte, 13saíron do campamento para a batalla. Os de Xudas tocaron as trompetas 14e comezou o combate. Os pagáns foron derrotados e fuxiron cara á terra cha; 15os fuxitivos máis retrasados caeron mortos á espada. Os outros fóronos perseguindo ata Guézer e a terra cha de Idumea, Axdod e Iamnia; matáronlles uns tres mil homes.
16Cando Xudas e o seu exército volveron de perseguir os inimigos, 17díxolle el á súa xente:
—"Non devezades polos espolios, porque aínda temos outra batalla.
18Gorxias anda cos seus soldados polos montes do arredor. Así que agora facédelle fronte ó inimigo e loitade, e despois xa recolleredes os espolios devagariño".
19Aínda estaba Xudas falando, cando asomou polo monte unha división inimiga. 20Decatáronse de seguida de que os seus fuxiran e de que o campamento estaba ardendo, pois o fume que saía era unha boa proba; 21quedaron abraiados, e ó ver que o exército de Xudas estaba disposto para o combate na terra cha, 22fuxiron todos cara ó país dos filisteos.
23Entón Xudas volveu para repañar os espolios do campamento. Colleron moito ouro, prata, panos de púrpura vermella e violeta e grandes riquezas. 24E foron de volta cantándolle loanzas e bendicións a Deus,
"porque é bo,
porque o seu amor dura para sempre".
25Aquel día Israel conseguiu unha grande vitoria.
Derrota de Lisias
26Os estranxeiros que conseguiran fuxir fóronlle contar a Lisias todo o que pasara; 27ó escoitar tales novas, quedou abraiado e aflixido, porque en Israel as cousas non marchaban como el quería e como lle mandara o rei. 28Así que, ó seguinte ano recrutou sesenta mil infantes e cinco mil cabaleiros para acabar dunha vez cos xudeus. 29Chegou por Idumea e acampou en Betsur. Xudas saíulle ó encontro con dez mil homes 30e, ó ver aquel exército tan grande, rezou así:
—"Bendito es ti, Salvador de Israel, que destruíches a forza do xigante valéndote do teu servidor David, e puxeches o campamento dos filisteos nas mans de Ionatán, o fillo de Xaúl, e do seu escudeiro. 31Pon agora este exército nas mans do teu pobo, Israel; e que a súa infantería e a súa cabalería queden avergonzadas. 32Éncheos de medo, bota por terra a seguridade que teñen no seu poderío e que se avergoncen coa derrota. 33Derrótaos coa espada dos que te queren, para que che canten himnos todos os que coñecen o teu nome".
34Empezou o combate, e morreron cinco mil homes do exército de Lisias.
35O ver Lisias a derrota do seu exército e o valor das tropas de Xudas, disposto a vivir ou morrer con gloria, marchou para Antioquía con fin de recrutar tropas mercenarias e volver outra vez contra Xudea mellor preparado.
Purificación do templo
36Daquela Xudas e seus irmáns dixeron:
—"Agora que xa derrotamos os nosos inimigos, imos purificar e consagrar o templo".
37Xuntouse todo o exército e subiron ó monte Sión. 38Viron o templo desolado, o altar profanado, as portas queimadas, a herba medrando nos adros, coma se fosen montes ou carballeiras, e os cuartos do templo destruídos; 39entón racharon os vestidos e manifestaron unha grande dor botando cinsa pola cabeza abaixo 40e abaténdose contra o chan; e a un sinal das trompetas, clamaron ó ceo.
41Xudas mandou a algúns dos seus homes que tivesen á raia ós da cidadela mentres purificaban o templo. 42Escolleu sacerdotes sen defectos e amantes da Lei, 43que purificaron o templo e botaron na inmundicia as pedras do altar idolátrico. 44Despois deliberaron o que cumpriría facer co altar dos holocaustos profanado 45e acordaron destruílo; así non sería unha deshonra para eles por ser profanado polos pagáns. Destruíron, pois, o altar 46e colocaron as pedras no monte do templo, nun sitio axeitado, ata que un profeta dixese o que había que facer coas pedras. 47Logo colleron pedras sen labrar, conforme o manda a Lei, e fixeron un altar noviño, igual có de antes. 48Fixeron o santuario e o interior do templo, e consagraron os adros. 49Fixeron vasos sagrados novos e meteron no templo o candelabro, o altar do incenso e a mesa. 50Queimaron incenso derriba do altar e acenderon as lámpadas do candelabro para que alumasen no templo. 51Colocaron os pans derriba da mesa e colgaron as cortinas. E con isto puxeron fin ó seu traballo.
52O día vinte e cinco do mes noveno, o mes de Kisleu, do ano cento corenta e oito, erguéronse moi cediño 53para ofrecer o sacrificio que manda a Lei no altar dos holocaustos que acababan de construír. 54Xustamente no mesmo día e mes en que os pagáns o profanaran volvérono consagrar eles cantando himnos ó son da cítara, das arpas e dos pandeiros. 55Todo o pobo se abateu contra o chan adorando e dándolle grazas a Deus polo triunfo que lles dera. 56Celebraron a consagración durante oito días ofrecendo con ledicia holocaustos e sacrificios de paz e de loanza.
57Enfeitaron a fachada do templo con coroas de ouro e con escudos, e reconstruíron as portadas e os cuartos e puxéronlles portas. 58Moita festa fixo o pobo por poder arredar de si a aldraxe dos pagáns.
59Por último, Xudas e seus irmáns e toda a asemblea de Israel mandaron que todos os anos se festexase con moita ledicia o recordo da nova consagración do altar durante oito días a partir do día vinte e cinco do mes de Kisleu.
60Daquela construíron murallas e torres fortes e grandes arredor do monte Sión, para que, se viñan os pagáns, non o puidesen profanar, como fixeran antes; 61e deixou alí unha gornición para que o defendese. Fortificou tamén Betsur, para que o pobo tivese unha defensa pola porta de Idumea.
Dereitos reservados: SEPT